Terra Sen Amos – Redacción
A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e a Asociación Valenciana de Amistad con Cuba José Martí invitan aos gobernos autonómicos de Galiza e Valéncia e aos responsábeis estatais para a contención do andácio do Covid-19, a solicitar de Cuba a presencia de brigadas médicas, tal como xa fixeron China, Italia (Lombardía), Colombia, Francia, Dominicana, Salvador, Panamá, Xamaica, San Cristobo-Neves e as Granadinas, entre outras nacións atinxidas polo Coronavirus. A José Martí nota que Cuba ten unha dilatada experiencia na atención sanitaria a poboacións en crise humanitaria, fundamentada nun compromiso solidario protagonizado por dotacións formadas na Escuela Latinoamericana de Medicina (ELAM) De porparte, a Francisco Villamil recomenda, nunha carta dirixida ao presidente de Galiza, o recurso do medicamento Interferón Alfa2B Humano Recombinante, creado en Cuba nos primeiros 80 a partir dunha concepción biomédica orixinal e experimentado con resultados sobresaíntes en todo o mundo.
Para a Asociación José Martí é universalmente recoñecida a experiencia de Cuba na atención sanitaria a poboacións que padecen casos de forza maior, coma os recentes do Ébola, en África e América; emerxencias sanitarias coma as de Haití ou China ou a asistencia a afectados pola radiactividade de Chernobil e denuncia que a solidariedade internacional exercida pola Revolución Cubana é despregada mália o bloqueo dos EUA que xa está cumprindo 61 anos de vergoña e desafío a Lei interncional.
A Francisco Villamil recorda, en carta ao presidente de Galiza, que a declaración de amizade histórica repetidamente invocada polo Goberno autonómico con Cuba podería parecer retórica cando se compara o interese prático de China pola eficiencia de médicos e medicamentos de Cuba co desinterese da administración galega polos recursos da medicina cubana, ferreñamente perseguidos por sucesivas presidencias de Washington. Por pura soberbia colonial, o goberno dos EUA desprezara en agosto 2005 a oferta solidaria de Cuba dunha brigada médica experta en catástrofes para atender aos sen teito de Nova Orleáns polo furacán Katrina. No de hoxe, específicos cubano recoñecidos internacionlmente coma o Interferón Recombinante específico contra a metástase de cancro pulmonar, circulan nos EUA en réxime de contrabando.