MANUEL VEIGA TABOADA – NÓS DIARIO
Até hai pouco, aludir ao ben e ao mal era propio, sobre todo, da relixión. En segundo lugar, era o motivo indispensábel do entretemento menos cualificado: certos cómics, películas e novelas baratas. As persoas que se consideraban a si mesmas informadas pensaban que a vida movíase nunha suave escala de grises. Non obstante, nos últimos tempos, e contra todo prognóstico, calquera pode enumerar unha longa lista de feitos identificábeis co mal: desde o roubo anunciado de recursos a outro país, aos abusos de menores, pasando polo ataque a mulleres, pensionistas, persoas con discapacidade e inmigrantes.

A Escola Latinoamericana de Medicina (ELAM) cumprira en 2024 un cuarto de século de funcionamento no que licenciara máis de 30.000 mulleres e homes procedentes dos paises máis pobres do mundo, becados polo Estado Socialisrta para salvaren vidas e preservar a saúde.
Unha boa parte das iniciativas de certos grupos políticos e mesmo gobernos están orientadas a atacar os máis febles, sen disimulo, sen a habitual hipocrisía que, cando menos, indicaba a existencia dunha moral subxacente. É como se a piedade cristiá e a empatía humana non pertencesen xa a esta época. En termos filosóficos, diriamos que o egoísmo do que falaba Hobbes se impuxo sobre a bondade natural á que aludía Rousseau.
O vello darwinismo social, os máis fortes impoñeranse sobre os máis febles, co que Hitler tratou de xustificar as súas decisións, é hoxe moeda corrente. Constitúe unha teoría que, de forma directa ou máis ou menos diluída, orienta boa parte do que escoitamos a cada hora.
A lista de Epstein é o documento que nolo mostra: algúns dos maiores líderes e empresarios de Occidente, ademais de certos artistas e membros da realeza, entregados á pedofilia, a violación e o asasinato de menores. O inferno en directo.
Sen chegar a eses extremos, debemos recoñecer que o mal, baixo diferentes formas e graos, está certamente en nós, os humanos. Pero, de igual modo, é certo que existe o ben. E hai persoas, organizacións e pobos que loitan e que tratan de mellorar a vida da xente. A vitoria do mal non se pode dar entón por feita, entre outras razóns porque supoñería a escravitude de millóns de persoas ou mesmo a súa desaparición.
A realidade das últimas semanas tamén nos propón un exemplo no que sintetizar estas teorías. Cuba e Estados Unidos. Cuba non ten petróleo, apenas goza dos beneficios que lle proporciona o turismo e dun significativo sector médico e bio-farmacéutico, capaz de crear vacinas contra a Covid antes que outros países.
Pero Cuba conta, ademais, desde hai seis décadas, co maior capital simbólico que pode reunir unha nación. Cuba é o intento máis claro de impulsar a vida en común, a seguridade, a educación, a sanidade e a cultura. Ese capital simbólico é o que lle outorga unha importancia definitiva ao seu caso. E todo iso a moi pouca distancia dos Estados Unidos e a apenas mil millas de Little Saint James, a illa de Epstein, no arquipélago das Illas Virxes.
Cuba aparécesenos, metaforicamente, como o último obstáculo para deter o mal. David contra Goliat. Por iso Cuba non debería ser derrotada. Por iso outros, en cambio, se empeñan en vencela. Cuba non é rica, está devastada, pero conserva a súa dignidade en alto, como un exemplo global.



