Todalas entradas de Terrasenamos

BioCubaFarma crea unha empresa mixta con Rusia para entrar no mercado euroasiático

Leire Belrose – TSA Moscova

Como continuación dunha dilatada colaboración bilateral, Cuba e Rusia porán en marcha este ano unha empresa mixta de biofarmacia que distribuirá no mercado euro-asiático específicos cubanos de eficiencia probada. Eulogio Pimentel, vicepresidente primeiro de BioCubaFarma, xunto doutros directivos de laboratorios cubanos, conversou en Moscova con representantes de vinte empresas farmacéuticas rusas que comercializan medicamentos e recursos médicos. O anuncio da expansión euro-asiática da farmacia nova de Cuba, contrasta coa pechada negativa da UE a autorizar a distribución de específicos cubanos en calquera dos 27 paises asociados e coincide en tempo e hora coa declaración da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen de investir 800.000 millóns de Euros en material de guerra, dentro dun plan que nomea Rearmar Europa.  Militarización histórica do proxecto de unidade europea que alarma a algúns comentaristas abalados pola previsíbel deserción orzaentaria da ciencia , a investigación e a asistencia pública do vello subcontinente colonial.

En Moscova, a delegación cubana deu conta de específicos orixinais coma o Heberprot-p para tratar úlceras do pé diabético ou o Hebermin, rexenerador de tecidos que xa están a ser distribuidos nas farmacias de Rusia. A Federación Rusa traballa destora no rexistro sanitario do Nimotuzumab, un anticorpo monoclonal creado en Cuba para o tratamento de cancro así como outras vacinas e terapias de avangarda entre as que figuran a VA-Mengoc-bc contra a meninxite meningocócica do serogrupo bc. Asemade, está en marcha na Rusia o desenvolvemento clínico da vacina terapéutica contra o cancro de pulmón CIMAvax e tambén a Jusvinza, un medicamento para tratar enfermidades autoinmunes, como a artrite reumatoide.

BioCubaFarma precisa que a colaboración coa Federación Rusa  realízase en dúas direccións: a de transferir tecnoloxías cubanas para beneficio do pobo ruso e a do rexistro de medicamentos rusos para seren administrados en Cuba.

Eulogio Pimentel comparou as transferencias realizadas entre Moscova e A Habana como unha autoestrada na que nun sentido circulan tecnoloxías cubanas para beneficio da poboación da Federación Rusa e noutro Cuba rexistra medicamentos rusos de interese xeneral.

Mália o incremento de barreiras financeiras e políticas ilegais que deixan tras de si contra Cuba os dous últimos gobernos dos EUA, o avance da ciencia cubana multiplica o esforzo comprometido por Fidel e a Revolución na investigación avanzada. Durante 2024, os laboratorios de BioCubaFarma executaron 396 proxectos, boa parte deles levados  a termo en cooperación con diferentes entidades públicas cubanas de investigación.

Cuba ocupa un lugar sobranceiro dentro do cativo feixe de nacións do mundo con máis de cen receptores de células nai por dez millóns de habitantes. A terapia celular xa está a ser aplicada en 14 provincias cubanas, fundamentalmente nas especialidades de anxioloxía, ortopedia e traumatoloxía.

O retraso relativo dalgúns paises da UE a respecto da terápia celular, agrávase a diário dende a crise financeira de 2008 e a renuncia dos governos da dereita a finanzaren a investigación. Como advirte Agustín Lage, director do Centro de Inmunoloxía Molecular da Habana, a economía do coñecemento é intrinsecamente socialista e fai por expulsar o capitalismo, un sistema co que comproba a diário a súa incompatibilidade. A medida que medra o papel do coñecemento, agrávase a contradicción do  capitalismo co carácter social da producción e a apropiación privada. Un pais con escasos recursos naturais como Cuba, bloqueado dende 1961 polos EUA, está a probar que a formación pública e integral do Socialismo, aporta un enorme potencial de desenvolvemento a traveso da economía do coñecemento.

Celebrouse a Asemblea Xeral da “Francisco Villamil”

O pasado 22 de febreiro, a Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, celebrou a súa Asemblea Xeral con asistencia de compañeiras e compañeiros de sete comarcas do país, que chegaron de 10 vilas e cidades.

Na mesma, aprobáronse o Informe de Actividades de 2024, o Plan de Traballo do 2025 e os informes económicos e orzamentos correspondentes. Os principais eixos de acción da asociación para este ano serán: o apoio material á sanidade cubana mediante campañas como a de adquisición de marcapasos, a realización dunha exposición solidaria de artistas de Galiza en Santiago no mes de abril e a organización dun contedor de axuda para finais de ano. Á vez, realizarase unha campaña de afiliación e implantación territorial para fortalecer a solidariedade galega con Cuba.

Por outra banda, renovouse a Directiva, que fica conformada do seguinte xeito:

  • Presidente: Francisco Sebio Peña
  • Vicepresidenta: Luisa Cuevas Raposo
  • Secretario: Yuri Domènech González
  • Tesoureiro: Eduardo Corbelle Rico

A asemblea agradeceu e destacou o traballo desenvolvido pola presidenta Erea del Río Iglesias nestes últimos anos, así como o do vicepresidente Alberto López Martínez.

Asistiu tamén a representación consular da República de Cuba coa que a asociación mantén excelentes e fluídas relacións no traballo de solidariedade con Cuba e de denuncia do bloqueo.

Á vez, recibíuse un agarimoso saúdo e recoñecemento desde a Federación de Asociacións de Cubanas e Cubanos Residentes no Estado español (FACRE) pola colaboración da Francisco Villamil no proxecto das “Formigas Solidarias” e de “Martí ilumina os C de Fidel”.

Cuba divulgará a biografía e a obra da coruñesa María Muñoz a partir da investigación de Irene del Rio

Nelia Areses – TSA Habana

No marco da edición 33 da Feira Internacional do Libro da Habana, presentáronse os proxectos editoriais do Museo Nacional da Música da Habana para 2025, entre eles, un libro sobre a vida e obra da pionera María Muñoz de Quevedo, nada en 1886 en A Coruña e falecida en 1947 na Habana. Unha biografía que expón o legado de  María Muñoz , creadora da magnífica Escola Coral Cubana a partir do seu compromiso cos rebeldes nacionalistas do Grupo Minorista (1923). O relato foi recuperado por mor do traballo da investigadora galega Irene del Rio en arquivos da banda cubana do mar.

De esquerda a dereita, Osani Ibarra Ortiz, subdirector do Museo Nacional de Música na Habana (MNMH) Teresa Irañeta Ruíz, Sonia Pérez Cassola,, directora do MNMH e Irene del Rio Iglesias, biógrafa de María Muñoz de Quevedo e autora encargada do libro, durante a presentación do proxecto na Feira da Habana.

Trátase dunha foto-biografía iconográfica de María Muñoz con novidades relativas á súa metodoloxía da Escola Nova que conducirían á formación da Coral da Habana, as Cantorías (escolanías) e a Coral Universitaria da Habana, o máis antigo organismo coral actualmente vixente en Cuba.  A obra terá como complemento unha edición virtual que achegará datos inéditos relativos á vida e obra de María Muñoz.

O proxecto de volume presentado na Feira do Libro, recupera artigos orixinais de María Muñoz, conferencias impartidas por ela e programas dos cursos que a coruñesa dera na Universidade da Habana e noutras importantes institucións cubanas de comezos do século XX, como a Institución Hispanocubana de Cultura, dirixida por Fernando Ortiz; Pro-Arte Musical e o Lyceum Tennis Club da Habana. Na biografía da galega-cubana é central a súa identificación cos intelectuais rebelados en Cuba contra a alienación colonial da primeira formalidade republicana, por volta de 15 anos de guerra, que continuaran a a fronte da resistencia interior cunha defensa insomne da cultura propia dende as raices.

A obra de Del Rio procede dunha investigación orixinal realizada pola autora en 2001, cando impartía clases de lingua, literatura, historia e cultura galegas na Cátedra Galega da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana, fundada por Xosé Neira Vilas en 1992. 

A Feira Internacional do Libro da Habana transcende as fronteiras dun país bloqueado dende hai 62 anos, cunha mensaxe de ilustración, irmandade e solidariedade. O libro converte o monumento colonial da Fortaleza do Morro nun facho de progreso contra o imperialismo que recén recoñeceu que os diarios consagrados a deostar a Revolución Cubana cobraban da nómina imperial por medio da USAID, sucursal da CIA.

O País Convidado de Honra desta edición é a República de Sudáfrica, e a Feira identifícase coa premisa martiana  “Ler é Crecer”, cuxa temática é Todo un país en libros, en atención ao aniversario 25 da creación do Sistema de Edicións Territoriais, no 130 Aniversario da Caída en Combate do Heroe Nacional de Cuba, José Martí. A Feira conta con subsedes en toda a xeografía de Cuba.

María Muñóz musicalizara en versión coral o poema “Mais ve…” da nosa xenial Rosalía de Castro, fora discípula de Manuel de Falla e anfitrioa de Federico García Lorca na súa viaxe de 1930 a Cuba. Foi a primeira persoa en nacionalizarse cubana pola Constitución de 1940 e nunca esqueceu a súa terra de orixe.

Irene del Rio fora presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil dende 1920 até a derradeira Asemblea Xeral de 22 de febreiro.

Cuba no horizonte dos BRICS, cara unha gobernanza mundial sen bloqueo

Luis René Fernández Tabío – Mundo Obrero

A anunciada incorporación de Cuba aos BRICS é unha baza da diplomacia e da política exterior cubana. A Asemblea da organización fundada en 2010 por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica, aprobou por aclamación o ingreso de Cuba. Representa hoxe a 21 paises e ten unha eminente importancia económica e política na procura dun sistema de gobernanza mundial máis xusto e equilibrado. Por moito que exxistan desigualdades e diferenzas entre os seus membros —de tipo político, económico e ideolóxico— os integrantes coinciden en posicións básicas sobre cambios positivos para o balance do poder global. A integración abre oportunidades á economía cubana que para facerse efectivas debe superar atrancos e limitacións externas e internas. De maneira xeral, son favorábeis as dimensións políticas e económicas do seu ingresoque mais implicará un esforzo facelas efectivas.

En palabras de Fidel, o atallo para superar o imperalismo partiría da alianza dos paises do Sur. Cuba aporta aos BRICS memoria e resistencia heroica.

As boas relacións políticas e económicas coas principais nacións integrantes do foro, abren o camio do novo asociado que ten vínculos históricos, políticos e económicos con China e Rusia. A necesidade cubana  de investimentos e asistencia en áreas como infraestrutura, tecnoloxía e enerxía renovábel e a opción de empresas mixtas e cadeas de valor, para contribuír ao crecemento e a consolidación de mercados para os produtos da illa contan con opción neste horionte, tanto de alta tecnoloxía na industria biotecnolóxica, como nos sectores agropecuarios e mineiros.  Aberta está tamén a posibilidade intercambios nas distintas modalidades de cooperación nos campos da medicina e a educación nos que Cuba ten experiencia e capacidade.

A nación antillana podería acceder a recursos financeiros do Novo Banco de Desenvolvemento (NDB) dos BRICS para proxectos de infraestrutura e desenvolvemento sostíbel cooperación tecnolóxica mediante intercambio de coñecementos e tecnoloxías aplicadas ao desenvolvemento de novos produtos e servizos. Os adiantos tecnolóxicos de India e China poderían ser vitais para Cuba en áreas como a biotecnoloxía,as telecomunicacións, e a agricultura sostíbel. Paises dos BRICS poderían pór ao alcance e Cuba coñecementos, das áreas de saúde, enxeñería e colaborar na trela das enerxías renovábeis, críticas para o crecemento e seguridade da subministración de enerxía.

Reduciría a vulnerabilidade de Cuba a diversificación das súas relacións económicas, comerciais e financeiras internacionais, lonxe da influencia das medidas económicas coercitivas de Estados Unidos e de mercados subordinados ás presións ilegais do bloque,  caso dos aliados europeos e doutras rexións nas que o dictado imperial é norma.

A vontade dos BRICS de establecer e impulsar formas de pagos alternativas para transferencias monetarias e financeiras, son de vital interese para Cuba. Son pasos que poderían desembocar nun sistema monetario que reduza o protagonismo do Dólar na economía global. É obvio que a integración de Cuba en recursos de intercambio lonxe do circuíto do dólar reduciría os efectos do bloqueo económico, financeiro e comercial. Industrias coma o turismo e a cultura poderían crear e expandir mercados emerxentes en países como India, Brasil e China, dende un marco defensor da cultura, a historia e as belezas naturais. Iniciativas para establecer lazos de cultura poden abriren camiños a intercambios de interese e a alternativas que melloren a inserción internacional de Cuba.

CRÉDITO PARA ENERXÍA, TRANSPORTE E TECNOLOXÍA

O acceso a crédito preferente dentro dos BRICS será de importancia crítica para sectores coma enerxía, transporte e tecnoloxía. Cuba, abrumada pola débeda e excluida do crédito internacional por decreto imperial ten un acceso limitado a proxectos de cooperación e investimentos a gran escala como require a modernización e expansión económica do país. O bloqueo limita as relacións financeiras de Cuba,, mesmo cos membros do BRICS, de parte de nacións que queren evitar tanto sancións secundarias como perder mercado nos EUA. O bloqueo dos anos recentes, multiplicado polas chamadas sancións económicas de Washington e agravado na súa letalidade polo carácter central da maior economía do mundo e as condicións da globalización económica, obrigou a Cuba a trazar políticas e estratexias de desenvolvemento  de señadas dende estrutura administrativa á defensiva e aínda excesivamente centralizada.

Erros na implementación das reformas do sistema económico, retrasaron exportacións e o esperado incremento d a oferta de produtos aos países BRICS. Para iso, a relación internacional de Cuba deben atender de preferencia as relacións bilaterais cos BRICS en xeral, pero sobre todo intensificar os acordos específicos con China, Rusia, India e Brasil, aproveitando sectores estratéxicos coma saúde, educación e biotecnoloxía. Cuba ten fortalezas derivadas do seu valor simbólico de liderado no Sur Global e pode posicionarse como un aliado crítico dentro dos BRICS en América Latina e o Caribe.  Será prioritario prepararse para facilitar investimentos estranxeiros directos, eliminar barreiras burocráticas e promover marcos legais regulatorios claros e flexibeis que outorguen seguridade e confianza ás contrapartes dentro dos BRICS.

Serán precisas estratexias específicas para reducir vulnerabilidades e dificultades internas, así como deseñar proxectos de colaboración e negocios que permitan ao país inserirse beneficiosamente nos BRICS como vector da nova orde de gobernanza mundial para o desenvolvemento compartido, distante das pretensións hexemónicas do imperialismo estadounidense.

*Luis René Fernández Tabío é profesor do Centro de Investigacións da Economía Internacional da Universidade da Habana.

Tradución ao Galego de Lara Rianxo Baltar para TSA.

Sobre intereses individuais e beneficio do pobo

Luis Toledo Sande – Cubaperiodistas

Recén chegada a galerna das micros e de pequenas e medianas privatizacións  (pois a iso redúcese basicamente a sigla MIPYMES na prática nacional de hoxe)  alguén, cuxo nome non dá lembrado o articulista, lanzou nas redes unha pregunta que máis ou menos sería: “Pode acaso un servidor público ser propietario de establecementos privados?” Unha interrogante que levaba dentro preocupacións non pequenas para Cuba. Carecería de importancia en países gobernados polo capitalismo, onde a sociedade vai a rastras do mercado, dividida en clases e a procura de ganancias, ppor mmoito que ese marco conteña regulacións para non se pasaren da raia.

Bandeira dos EUA sobre un taxi habaneiro. Ao fondo, a imaxe do Centro Galego.

En Cuba, con todo  (ou mellor dito, co Bloqueo) a realidade ten outros resortes e desafíos. Logo da rápida Ofensiva Revolucionaria, que puido ser todo o necesaria que se queira mais que se cadra prolongouse demais, o regreso das privatizacións lanzouse tamén con máis présa que pausa. E mesmo con entusiasmo, evidente en estruturas gobernamentais.

Lembremos a euforia coa que se proclamou que as MIPYMES “non eran parte do problema, senón da solución”.  Abondaban razóns para cuestionar aquel optimismo malia que hoxe o protagonista máis visíbel de tal agoiro non está. De certo, a realidade implicaba reconsideracións significativas para a nación  (E aquí usamos “reconsideracións” e non reformas, un termo que parecía herético, ou diabólico, mesmo que a realidade o deixase máis que pequeno)

Un relativo estatismo na xestión dos modos de propiedade, foi o precedente da multiplicación de establecementos privados e desatouse cando aínda non deramos erradicado expresións de corrupción en ascenso. Non era, pois, como para asumir tranquilamente as privatizacións que, de feito, convertíronse nunha ofensiva de signo inverso.

Todo aconsellaba ter o oído pegado non só á terra, senón ben aberto á atmosfera, á vida. O raro non sería que xurdisen contradicións entre os requirimentos do servizo público e os intereses indiivduais creados coa crecente propiedade privada. Hai cousas tan inventadas que non deberían collernos por sorpresa,  se exceptuamos algúns parvos sen remedio.

Este artigo trata de inquedanzas transmitidas ao autor pola promotora dun proxecto comunitario baseado principalmente no legado de José Martí para unha Revolución cuxo Líder, Fidel Castro, recoñeceu que a autoría intelectual era do fundador do Partido Revolucionario Cubano.  A promotora aludida non pediu quedar no anonimato, senón que expresou o seu acordo con que se diga o seu nome. Mais o articulista prefire non mencionala nin citar o lugar do país onde ela radica, por evitar unha ringleira de acusacións ou unha investigación sobre un caso concreto. O que se busca é reflexión necesaria e responsábel sobre os desafíos que temos diante.

A realidade que vivimmos obríganos a matinar nas preocupacións citadas, antes de despachalas co pretexto de que poderían ser esaxeradas. Vale lembrar a Ortega e Gasset : “Unha esaxeración é a esaxeración de algo que non o é”.

A promotora —de cuxa tenacidade dan probas as redes— confesa que está a vivir momentos difíciles no seu afán de poñer en marcha un proxecto de desenvolvemento local concibido con fins respectabeis: nada menos que contribuír a elevar na súa comunidade a presenza do pensamento martiano.

Aínda que por vía dolorosa, o seu testemuño move a pensar nos Versos Sinxelos de Martí, dado que estamos en xaneiro e, afirma ela, o traballo planeado non avanza porque “dende xullo estamos a esperar, e ninguén se manifesta ante as xestións feitas”.

Todos teñen Mipymes

Tampouco é necesario nomear agora os organismos e institucións aos cales a promotora conta que pedira apoio. Basta unha frase moi socorrida en Cuba: a promotora —iso é o que conta— acudiu a todos os factores, incluída algunha institución comprometida coa arte e que leva o nome de José Martí.

As súas conclusións son alarmantes. Refírese a representantes daqueles factores, e acouta: “Todos eles teñen MIPYMES. Non lles interesa nada, nin a calidade de vida do pobo”. E resume: “Doe moitísimo. A verdade non se que vai suceder con Cuba e con estes millonarios”.

Oxalá a entusiasta promotora cultural estea trabucada e peque na súa xeneralización. Pero indicios hai de que para a patria, máis que supoñer que esa cubana entusiasta está equivocada, será máis útil andar con ollo para impedir que o seu ditame chegue a graos de cumprimento arrasadores, no caso de non ser posibe lograr que teña realización no país.

Así como durante anos vivimos quizais coa ilusión de que en Cuba non habería clases sociais nin, por tanto, loita entre elas, agora non se debe descartar que o seu xurdimento, ou máis ben a súa multiplicación —coa que medran desigualdades sociais que levaban camiño de desaparecer—pase diante dos nosos ollos coma se estivésemos ou quixésemos estar cegos. E non precisamente no espírito da fermosa metáfora de “Como diante dun cego / Pasan voando as follas”.

Noutro texto o autor do presente artigo referiuse ao uso aveso por parte de medios hexemónicos do chamado Occidente ao recusar hipócritamente a “os oligarcas rusos”. Sería acaso unha expresión máis do cinismo deses medios, se non fóra polo moito que hai detrás de semellante campaña.

En xeral, e nos EUA con expresións singulares, o capitalismo é un sistema oligárquico, e se cadra por iso parece que xa non mencionan aos oligarcas rusos. Mais cando o fan con rexouba, podían buscar que o público destinatario das súas mensaxes pensase nunha realidade concreta: os oligarcas non se formaron a base de herdanzas materiais recibidas da familia do Zar derrotado, senón da corrupción que deu ao traste co chamado socialismo real mentres eles enriquecíanse e reformulaban a fondo, en función dos seus intereses individuais, a estrutura de clases da nación.

A unidade que Cuba precisa —e debe cultivar no seu pobo— non pode facerse ignorando a realidade, nin por mor de voluntarismo puro. Se a meta do país non é nin ha de ser fomentar unha nova burguesía que medre e creza á vista de todos, menos aínda debe selo actuar como Edipo: arrincar os ollos e non ver a realidade.

O que se decide non é un código de normas para o funcionamento das MIPYMES, sen dúbida necesario. Decídese algo moito máis importante: a supervivencia dunha nación cun  proxecto nacido e formulado como “a Revolución socialista e democrática dos humildes, cos humildes e para os humildes”.

Non falamos de lemas, senón dunha realidade que debemos ter sempre clara no pensamento e na acción. Urxiría facelo aínda que o Imperio non estivese a recrecer contra Cuba, como fai agora mesmo, terribles manobras que poden ter dentro dela aliados dispostos a expresárense con feitos e ideas, e con esa forma sinistra da acción que é finxir indiferenza. Ou certa “inxenuidade” que circula abertamente polas rúas lucindo símbolos imperiais.

(traducido ao Galego por Lola Andeiro, para TSA)