Todalas entradas de Terrasenamos

A “Francisco Villamil” esixe o cumprimento da aclamación da ONU contra o bloqueo e pide solidariedade verdadeira co pobo cubano

Ante os recentes acontecementos en Cuba, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil esixe que o goberno dos EUA dea cumprimento á resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do pasado 23 de xuño que, por 184 votos contra dous, pediu, por vixésimo novena vez, o levantamento do bloqueo económico, financeiro e comercial que impón a Cuba, reforzado con 243 novas sancións nos catro últimos anos, ningunha delas levantada pola administración de Joe Biden.

A reacionaria campaña promovida polos EUA que acusa ao goberno de Cuba dos efectos causados polo ilegal bloqueo, non cita que a Asemblea da ONU reclamara de a pouco rematar co asedio da illa que xa dura máis de 60 anos.

Nestes momentos difíciles, con toda claridade, declaramos o noso apoio á Revolución cubana, ao seu pobo e o seu goberno, ante un novo intento de desestabilización política na Illa, aproveitando a actual situación de pandemia. E facemos un chamamento a participar en próximas accións solidarias que anunciaremos en breve.

Queremos denunciar, de maneira enfática, a manipulación nas redes sociais e medios de comunicación, que magnifica os incidentes acontecidos en puntos concretos da Illa, presenta imaxes de protestas ocorridas noutros países como ocorridas en Cuba, e silencia as decenas de actos espontáneos de apoio á Revolución que están, nestes intres, percorrendo a Illa.

É verdadeiramente cínico que os mesmos medios de comunicación que pasaron de esguello polos actos de represión policial, con decenas de mortes, en Colombia ou Chile, fálennos agora de “represión” en Cuba, onde as protestas foron respondidas, de maneira pacífica, por unha maioría que apoia o proceso revolucionario.

Os devanditos incidentes non son produto dunha “crise sanitaria”, como presentan @s que piden unha “intervención humanitaria” con evidentes fins políticos: a cifra de contaxios e falecementos pola Covid-19 na Illa, aínda que cun grave repunte en lugares como Matanzas, é moi inferior á dos demais países da área, como os propios EUA. As protestas están asociadas á aguda crise de desabastecemento (alimentos, combustíbel, medicamentos, transporte, apagóns eléctricos), produto da conxunción dos efectos da pandemia –o país leva, por exemplo, 16 meses sen ingresos polo turismo- cos dun bloqueo económico, financeiro e comercial, máis implacábel que nunca. O traballo en redes sociais desde o exterior, financiado polo propio goberno dos EEUU, pretende aproveitar a situación de penuria económica para conducila a unha situación de caos e desestabilización política, seguindo un patrón xa aplicado noutros países.

Queremos denunciar tamén outra das mentiras diseminadas: a dunha hipotética prohibición de entrada de axuda material ao país. Cuba está a recibir doazóns desde diferentes países do mundo. Lembremos a recente campaña basca de Xiringas para Cuba, que recadou fondos para a compra de 655.700 xiringas, dun total de máis de 10 millóns en toda Europa. E que, ante a actual situación, ampliamos.

Quen desexe colaborar coa compra de material sanitario, pode facelo, ingresando na conta de SOdePaz: ES42 1550 0001 2900 0350 9221 .

Hoxe máis que nunca dicimos “Biden, escoita ao mundo: Unblock Cuba!” E xunto ao pobo revolucionario cubano, berramos: “Patria ou Morte. ¡Venceremos!”

Tamén o MESC (Movimiento Estatal de Solidariedade con Cuba) fixo público un comunicado no que condena os reincidentes ataques contra a illa co gallo da situación de crise e carencias provocadas polo ilegal bloqueo económico, fianceiro e comercial que os EUA manteñen desde hai mais de 60 anos contra Cuba. “Este capítulo da campaña permanente contra a illa –dí a nota do MESC- forma parte da guerra que se lle fai a Cuba  e que agora se utiliza para desestabilizar o pais con desprezo das súas institucións e violando o Dereito Internacional”.

Mentres os medios dominantes silenciaron o labor solidario das Brigadas Médicas Cubanas Henry Reeve, as arrasadoras consecuencias do prolongado bloqueo económico imposto polos EUA ou o  feito de producir cinco candidatos vacinais contra a COVID-19, salientaron pola contra as dificultades da poboación cubana das que fan responsábel único ao goberno cubano. O MESC recorda que a recomendación, emanada dos EUA, dunha intervención estranxeira para prestar asistencia hipócritamente definida coma humanitaria a illa sitiada, é un ataque directo a soberanía de Cuba.

De asistir a illa contra o criminal ataque da acumulación do capital, desde os recuados tempos en que comezara o bloqueo, ocúpanse máis de 2.000 asociacións de solidariedade de todo o mundo, así como centenares de entidades de cubanos e cubanas residentes no exterior, que esixen respecto a soberanía e independencia de Cuba e acabar coa política desaforada do bloqueo de parte dos EUA.

https://terrasenamos.org/manifestacions-a-prol-de-cuba-acompanan-en-todo-o-mundo-a-nova-aclamacion-na-onu-contra-o-bloqueo/

O presidente de Cuba denuncia a hipocresía de presentar os danos do bloqueo coma erros do goberno

TSA – Axencias

Miguel Díaz-Canel,  presidente da República de Cuba, compareceu domingo en directo pola rede de radio e televisión nacional para recordar o que significou a remontada do bloqueo e do asedio ás finanzas do  país e ao sector enerxético co obxectivo de asfixiar a economía e provocar a revolta que os EUA e os seus incondicionais arelan, e denunciou o previsto oportunismo dunha campaña ideolóxica que suspira por unha presunta intervención humanitaria da previsíbel feitura reaccionaria que as que chegaron repetidas veces ao continente coma limiar de intervencións militares e manobras de ocupación de dereitos, soberanía e independencia dos pobos. Díaz Canel recordou que no segundo semestre de 2019, o goberno anunciara unha conxuntura difícil, precipitada por unha sucesión de  243 medidas restritivas que remataría coa inclusión de Cuba nunha lista de países patrocinadores do terrorismo. A seguir resumimos a importante intervención do presidente de Cuba.

A letal multiplicación de medidas de bloqueo, está a afectar directamente ao funcionamento da rede de enerxía de Cuba.

“Habendo países que se acomodan a estas decisións, outros non toleran a imposición. Todas estas restricións propiciaron o atranco súpeto de varias fontes de ingreso de divisas como o turismo, as viaxes de cubanos-americanos ao noso país e as remesas. Fíxose un plan para desacreditar as brigadas médicas cubanas e a colaboración solidária que presta Cuba que ingresaba por ese concepto unha parte importante de divisas.

Induciron desde fóra unha situación de desabastecemento no país, sobre todo de alimentos, medicamentos, materias primas e ingresos para podermos desenvolver os nosos procesos económicos e produtivos que tributan asemade ás exportacións. Están interferidos dous elementos de importánci: a capacidade de exportación e a capacidade de investir recursos. E, desde os procesos produtivos, poder desenvolver bens e servizos para a nosa poboación.

Tamén temos limitacións limitacións en combustibeis e pezas de reposto e todo isto provocou un nivel de insatisfacción, unido a problemas acumulados que nos puidemos resolver e que viñan desde o Período Especial unido a unha feroz campaña mediática de desacreditación como parte da guerra non convencional que trata de fracturar a unidade entre partido-estado e pobo; que quer presentar ao goberno como insuficiente e incapaz de proporcionar benestar ao pobo cubano e que pretende enarborar desde unha posición do goberno dos Estados Unidos que con eles se pode aspirar ao progreso dun país como o noso.

Receitas hipócritas ben coñecidas, discursos mentireiros que se repiten en toda a historia dos Estados Unidos cara a Cuba. Como interviron no noso país, como se apropiaron da nosa illa en 1902, como mantiveron unha dominación da nosa illa na etapa da seudorepública e como eses intereses foron golpeados pola Revolución cubana triunfante.

Durante 60 anos, mal lles custou aturar o exemplo da Revolución cubana e non deixaron de aumentar o cerco.  Aplicaron un bloqueo inxusto e criminal, e cruel, recrudecido agora en condicións de pandemia con ruindade manifesta. Bloqueo e accións restritivas que nunca aplicaron a ningún outro país, nin contra os que eles consideran os seus principais inimigos. Unha política encarnizada contra unha pequena illa que só aspira a defender súa independencia e soberanía e construír con autodeterminación a súa sociedade de acordo aos principios que máis dun 86 % da poboación apoiou no exercicio amplo e democrático que convocáramos para sancionar actual Constitución da República de Cuba.

No medio desas condicións veu a pandemia a Cuba e a todo o mundo, incluíndo aos Estados Unidos. Afectou a países ricos e hai que dicir que nin EUA nin outros países ricos tiveron toda a capacidade para se defenderes dos seus efectos nos inicios, e en moitos deses países de primeiro mundo, con moitas máis riquezas, colapsaron os sistemas de saúde, as salas de terapia intensivas. Os pobres foron desfavorecidos porque non existen políticas públicas orientadas ao pobo e os indicadores amosaron, con relación ao enfrontamento da pandemia,  que os seus resultados foron peores ca os de Cuba en moitos casos.

UN DOS ÍNDICES DE VACINACIÓN MÁIS ALTOS DO MUNDO

Así fomos avanzando, controlando brotes e rebrotes, cunha capacidade tremenda de sacrificio do noso pobo, dos nosos científicos, do noso persoal da saúde; case todo o país involucrouse neste esforzo. Creáronse cinco candidatos vacunales, entre os que aparece como xa recoñecida a primeira latinoamericana. Cuba está a vacinar á súa poboación. É un proceso que toma tempo. Hai que producir as vacinas, pero nestes momentos temos un dos índices de vacinación máis altos do mundo e en poucas semanas superamos o 20 % de vacinación da poboación, un proceso que continúa.

Nos últimos meses empezaron a circular cepas máis agresivas e contaxiosas. En primeiro lugar, os contaxios prodúcense a unha velocidade que supera as capacidades que puidemos crear para tratalos en institucións estatais. Por outra banda tivemos que acudir a abrir capacidades noutros centros e ao abrir máis número de centros, aos cales tamén temos que darlles unha prioridade enerxética aínda no medio de problemas enerxéticos acumulados que nos provocaron apagóns, a cantidade de circuítos que temos que protexer para que se atendan os pacientes de covid provoca que sexan  máis os circuítos que quedan con posibilidades de facer cortes molestos, pero necesarios, porque temos que restablecer as nosas capacidades de xeración eléctrica. Iso ocorreu nestes días e provocou irritación, incomprensión, preocupacións e afectacións á poboación.

Ao ter máis enfermos, hai máis consumo de medicamentos, e tamén nosas reservas de medicamentos vanse esgotando mentres as posibilidades de adquirilos son un reto. Ante a falta de capacidades nun grupo de provincias, houberamos de convocar á familia para implicalos nunha participación máis directa, responsabel. Non nos casamos de admirar no medio desta situación esa capacidade de resistencia creativa que ten o noso pobo. E como con estes valores, acompañados de responsabilidade e de unidade, no menor tempo posibel, con vacinación e con comportamento responsable, cumprindo as medidas hixiénico- sanitarias, o illamento social e o distanciamento físico, sairemos decontado deste pico pandémico que non é só un caso cubano.

De maneira covarde, suiña, oportunista e perversa,  a partir das situacións máis complicadas que tivemos en provincias como Matanzas e Ciego de Ávila, os que sempre estiveron a prol do bloqueo e serven como mercenarios de rúa do cerco ianqui, manifestáronse con consellos de axuda humanitaria e de corredor humanitario. Todos sabemos de onde veñen. Buscar imppor a opinión de o goberno cubano ser incapáz de saír desta, coma se eles estivesen tan interesados en resolveren os problemas de saúde do noso pobo.

Sequeren ter un verdadeiro xesto con Cuba, se queren preocuparse do pobo, arríen o bloqueo e verán como tocamos. Por que non o fan? Porque non teñen valor para rematar co bloqueo? Que fundamento legal e moral ten osque defenden que un goberno estranxeiro aplíque esa política a un país pequeno no medio de situacións tan adversas?.

Non é iso xenocidio? Non é crime de lesa humanidade? Pretenden que somos unha ditadura, unha ditadura que se preocupa por darlle a toda a súa poboación saúde, que busca o benestar xeral, que  no medio destas situacións é quen de ter programas e políticas públicas en función de todos; que aspira a vacinar a todos cunha vacina cubana, porque sabiamos que ninguén nos ía vender vacinas e non tiñamos diñeiro para ir ao mercado internacional a comprar vacinas. Que ditadura máis estraña!

Agora están a bradar que somos asasinos Onde están os asasinados en Cuba? Onde están os desaparecidos? Porque outros países que sufriron estes eventos de picos pandémico non foron na prensa atacados nin reclamaron para eles unha intervención humanitaria, nin se lles armaron estas campañas de descrédito coma as que lazaron contra nós.

A vida, a historia e os feitos proban quen está detrás de todo isto: que é asfixiar e acabar coa Revolución e para iso están a tratar de desalentar ao noso pobo de confundir. Cando as persoas padecen condicións severas como as que estamos a vivir, ocorren feitos como os que vimos hoxe en San Antonio de los Baños.

En San Antonio de los Baños, un grupo de persoas concentrouse nun dos parques máis céntricos da cidade para protestar e reclamar. Quen eran esas persoas? Persoas de pobo que están a vivir parte das carencias e dificultades; persoas revolucionarios que poden estar confundidas e que poida que non teñan todos os argumentos ou que estaban a expresar as súas insatisfaccións. Eses dous grupos de persoas facíano dunha maneira distinta,  buscaban un argumento e pedían unha explicación. O primeiro que dicían era “eu son revolucionari@” “eu apoio á Revolución”.

Un grupo de manipuladores prestábanse aos designios desas campañas que saíron nas redes sociais. O famoso SOSMatanzas ou SOSCuba, o chamado ao cacerolazo para que en varias cidades de Cuba houbese manifestacións deste tipo e revolta social.

Isto é criminal, cruel, sobre todo neste momento onde temos que conseguir que as persoas estean na casa, recollidas, para se protexeren. Coa moral que dá a Revolución, os revolucionarios de San Antonio dos Baños, as autoridades da provincia, un grupo de compañeiros da dirección do país presentámonos a San Antonio dos Baños. Os revolucionarios entrentáronse aos contrarrevolucionarios; falamos cos revolucionarios e con algúns que poden ser non revolucionarios pero que estaban a pedir argumentacións. Despois percorremos a vila para demostrar que en Cuba a rúa é dos revolucionarios.

Mentres iso está a ocorrer sabemos que hai outras localidades do país, onde grupos de persoas en determinadas rúas e prazas concentráronse movidas tamén por eses propósitos tan malsanos.

Convocamos a tod@s @s revolucionari@s a saír ás rúas a defender a Revolución en todos os lugares. As rúas son d@os revolucionari@s e o Estado ten toda a vontade política para dialogar, pero tamén para participar.  Non imos entregar a soberanía, nin a independencia desta nación. Terán que pasar por riba do noso cadaver se queren acabar coa Revolución”.

Usar en defensa dos pobos a arma dixital

Atilio Borón – Rede en Defensa da Humanidade, Cuba  (publicado 7 de xuño de 2021)

A Ditadura do Algoritmo é un documental excelente, e saben que non son dado a loanzas. Interesante e ilustrativo porque ofrece unha análise cabal do mundo das redes dixitais de xeito tal que facilita plenamente a comprensión de como se produce a submisión ao que diten aos as clases e grupos dominantes. En poucas palabras: un contido impecábel, sólido desde o punto de vista da teoría social e política, e ilustrado con poderosas imaxes e intervencións moi claras e sucintas de destacadas personalidades.

A agresión que están a sufrir en Cuba reprodúcese con distintos matices en toda Latinoamérica e o Caribe. Por suposto, que a belixerancia demostrada nas mensaxes dirixidas á poboación da illa é moi superior á que se comproba aínda en casos de países que tamén son vítimas do bloqueo, como Venezuela e Nicaragua. Cuba, sabémolo ben, é unha espiña cravada na gorxa do Tío Sam desde hai máis de douscentos anos, e o desespero rebórdalles porque con máis de sesenta anos de bloqueo e canalladas de toda caste (sabotaxes, atentados terroristas, sancións económicas, etcétera) a Revolución Cubana prosegue a súa marcha e, malia a pandemia, será o único país non só de Latinoamérica senón da periferia, capaz de producir unha vacina de xeito endóxeno, o que non é o caso da India, que fabrica vacinas producidas por outros países.

Ante o fracaso de todas estas agresións perpetradas contra Cuba, malia o enorme dano inflixido ao seu pobo e os elevadísimos custos económicos do bloqueo, os estrategos norteamericanos concentran agora no poder brando os enredos para atinxir o obxectivo tan longamente frustrado. No documental achégase unha moi detallada descrición de como opera un dos instrumentos deste poder brando: as redes dixitais, que non son sociais porque crean comunidades imaxinarias ou, como di Rosa Miriam Elizalde, vinchas de confort, que só por excepción dan nacemento a conxuntos sociais reais. Pero, como se demostra moi ben no documental, a eficacia desta tecnoloxía repousa na calidade e precisión dos algoritmos creados para, desde eles, interpelar aos suxeitos reais con discursos e exhortacións concretas, con chamados á acción e case recorrendo ao bullying contra quen desatenden esas convocatorias e non van protestar contra o goberno, a revolución, o socialismo. O reverso desta medalla é a ridiculización dos que seguen nunha onda -caracterizada como anacrónica, se cadra arcaica- ancorada nunha crítica vellouqueira á sociedade norteamericana ou aos crimes do imperialismo. Este proceso está moi ben retratado no documental.

As vinchas de confort crean unha falsa sensación de universalismo: todos pensan isto, borboriña unha persoa que está a ser metrallada por semellantes recados. A opinión negativa non está formada; é só un parecer influído polo temor a parecer ovella negra nun rabaño manso que segue as instrucións que emiten quen controlan plataformas como Facebook ou Twitter, sen ir máis lonxe. Supor a boafé que eses espazos son de liberdade sen límites, como algúns confiaron cando estas tecnoloxías irromperon nas sociedades contemporáneas, non pode ser máis enganoso. Vaia se hai control, que o diga o propio Donald Trump ao que botaron do Twitter, onde tiña 83 millóns de seguidores, porque aos donos do programa non lles gustaban os recados do milhomes de Nova York!

ARMA PODEROSA MAIS NON INVENCÍBEL

O magnífico documental describe e explica o funcionamento desta nova arma de dominación neocolonial. É moi poderosa, máis non invencíbel. Nós tamén podemos facer uso dela. Non será sinxelo pero se apelamos á nosa imaxinación, se elaboramos un minucioso plan de contraataque, se lanzamos os lemas e os conceptos axeitados ao estilo de comunicación do noso tempo: sinxelo, breve, apelando ás paixóns e non só á argumentación racional, todo en prol dunha boa causa, estou seguro que poderemos contrarrestar a ofensiva do imperio. Á fin e ao cabo esa é a historia da Internet: inventouna o Pentágono e fóiselles  das mans. É instrumento de opresión pero tamén, baixo certas circunstancias, de liberación. Hosni Mubarak, trinta anos ditador de Exipto sostido por Estados Unidos e Israel, caeu polo uso intelixente e masivo que fixeron os mozos manifestantes por máis dun mes no Cairo. O mesmo ocorreu en Tunisia, acabando coa tiranía de Zine El Abidine Ben Ali. As loitas populares en Colombia e no Chile dos nosos días -así como as que se libraron no Ecuador en 2019- son coordinadas e recargadas pola utilización das redes sociais. A ditadura dos algoritmos e dos seus creadores existe, pero iso que cualificamos asociacionismo dixital pode ser unha arma poderosísima nas mans dos pobos. Non esquezamos aquela lección da guerrilla de Sierra Maestra, tantas veces recordada por Fidel: “tiñamos unhas poucas armas, pero equipámonos coas armas que lle arrebatabamos aos nosos inimigos”. O mesmo fixo o Viet-Cong: apoderarse das armas das tropas de Estados Unidos e derrotalas con elas. Agora trátase de facer o mesmo; derrotar ao imperio, volvendo na súa contra as súas propias armas.

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras

O mundo recusa de novo o Bloqueo contra Cuba

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

A coral resolución dos países que integran as Nacións Unidas a prol de rematar co bloqueo a Cuba, emitida na cuarta feira contra o goberno de Estados Unidos, é máis que unha vitoria diplomática da Illa que chega puntualmente cada ano desde 1992 (agás en 2020, cando foi suspendido pola Habana por causa da pandemia) Un recordatorio da longa espera do pobo cubano por un acto de xustiza que dea volta a esa situación de anguria na que hai abuso de poder, uso desproporcionado da violencia e intención moi específica de destruír, totalmente ou en parte, un grupo nacional, étnico ou racial, na súa totalidade, que é o que define como xenocidio a Convención de Xenebra de 1948.

Martirena (Granma)

Somentes algúns casos de matanzas masivas son considerados xenocidio de maneira inequívoca pola comunidade internacional. Porén, non hai outra maneira de chamar a este horror de máis de 60 anos que obrigou varias xeracións de cubanos a enfrontar a súa vida cotiá baixo unha mesta néboa e afondar nas nada sobrenaturais formas de maldade que é quen de desenvolver unha minoría poderosa, contra millóns de persoas polo delito de existir. Se non é xenocidio negarlle ao pobo medicamentos, alimentos, acceso á maioría dos servizos de Internet, ás finanzas e ao comercio entre iguais no medio dunha pandemia, haberá que inventar como Raphael Lemkin unha palabra para chamar a un crime sen nome.

Cómo contabilizar cantos morreron en Cuba por non teren o medicamento que precisaban ou por non lles chegar a tempo. O informe presentado polo ministro de Estado cubano Bruno Rodríguez, que corresponde só aos danos do bloqueo de 2020,  ten 60 páxinas de feitos contrastados, sen un só adxectivo: gastos a maiores, cousas que non chegaron porque tiñan algún compoñente estadounidense -desde un avión até un respirador destinado a unha sala de terapia intensiva-, nomes de empresas que se negaron a fornecerlle ao país tecnoloxías, materias primas, reactivos, medios de diagnóstico, medicamentos, recursos, equipos e pezas de reposto necesarios no sistema de saúde pública.  Todo iso no medio dunha pandemia mundial.

Se unha imaxe chegou ao corazón de Cuba, foi a de George Floyd asfixiándose no chan mentres o policía non levantaba o xeonllo do seu pescozo, a pesar dos salaios da vítima dicindo que non podía respirar. O vídeo deu a volta ao mundo e desencadeou a maior protesta antirracista en Estados Unidos desde os tempos da loita polos dereitos civís dos anos sesenta.

E esa sensación de impotencia de moitos estadounidenses ante o que consideran, con razón, unha sistemática actuación abusiva do poder? No caso dos 8 minutos e 46 segundos de agonía de Floyd, foi clave a existencia dun vídeo que gravou toda a escena, pero a pregunta que segue no aire, mesmo despois da condena ao policía asasino, é cantas persoas morreron ou sufriron en silencio simplemente por non haber cámara cando o sistema as afogaba.

O xeonllo que asfixia está sempre aí, invisibel, sobre o pescozo de alguén. Pasa co bloqueo, esa andrómena. A moitos hailles parecer unha neitegada. Non a quen se atopa nunha sala de terapia intensiva en Cuba, ten un fillo malo u pasa seis horas nunha cola para comprar un alimento que antes das 242 sancións a maiores de Donald Trump e antes de a pandemia facerse crítica, podía ter de man sen tanto esforzo.

Rodney Hunter, representante de Joseph Biden na ONU, levou o cinismo até o extremo de asegurar  que o bloqueo é unha bendición para o pobo de Cuba e que as sancións son un recurso legal, unha forma lexítima de lograr obxectivos de política exterior. De milagre non engadiu que o bloqueo é un pretexto do goberno cubano, como repiten de memoria outros funcionarios de Washington. É coma se o policía que matou a George Floyd dixese que o seu xeonllo no pescozo era un pretexto da vítima para asfixiarse.

Resultan máis que xustificadas as escenas de alegría en Cuba cando na sede a ONU en Nova York o mundo dixo non, por enésima vez, ao bloqueo de Estados Unidos.  O número humillante de 184 países a prol da resolución cubana  -con só dous en contra (Estados Unidos e Israel) e 3 abstencións (Colombia, Brasil e Ucraína)-  coincidiu con outra noticia, se cadra máis esperanzadora: científicos cubanos lograron levar a termo as dúas primeiras vacinas latinoamericanas. Unha delas, Abdala, ten unha taxa de eficacia do 92,28%.  A felicidade en casa do pobre, ás veces dá para máis.

Tradución a Galego de Áurea Esmelle, da Redación de Terra Sen Amos.

Manifestacións a prol de Cuba acompañan en todo o mundo a nova aclamación na ONU contra o bloqueo

Axencias – Terra Sen Amos

A inxente presión política do goberno de Washington por crebar o consolidado voto latinoamericano contra o bloqueo na ONU por 29 anos, non deu máis resultado na xornada do dia 23 que dúas abstencións, o que significa que a posición continental é pro-cubana e defensora do soberano dereito a safar o cerco asfixiante exercido polo veciño do norte dende hai máis de 60 anos contra a illa.  O feito de os EUA poder presentar o único voto a prol do estado máis beneficiado polo seu creto militar no Oriente Próximo, e as abstencións de Ivan Duque e Jair Bolsonaro, dúas presidencias en equilibrio inestábel e manifestamente represoras, representa fracaso e marxinación. O voto do bloque europeo foi tamén para Cuba, coa abstención marxinal  de Ucraína.

O mundo enteiro dirixe a vista a protesta de Cuba contra o Bloqueo,

Bruno Rodríguez Parrilla, ministro de Estado de Cuba, recordou no debate que precede a votación, que o Bloqueo é unha violación sistemática, masiva e flagrante dos dereitos humanos do pobo de Cuba e un acto de xenocidio segundo a letra da Convención de Xenebra de 1948. “É de feito unha guerra económica exercida (polos EUA) contra un cativo país xa afectado pola recesión e a crise económica global provocadas pola pandemia”. Rodríguez Parrilla preguntou a Asemblea da ONU cal sería a resposta doutros países, incluso dos estados ricos,  se os EUA lles aplicasen un estado de sitio semellante ao que veñen impondo a Cuba por máis de seis décadas. 

Das intervencións na Asemblea da ONU, despréndese que do discurso  democrático defendido polos EUA como modelo durante o comezo da Guerra Fría, queda só o recordo de 47 invasións, golpes armados, pronunciamentos ou subornos das xudicaturas. A pregunta de onde fica a defensa da democracia nos actos dos herdeiros de Jefferson ten a cada unha resposta máis semellante a sentencia de Samin Nair: “O goberno dos Estados Unidos son o principal atranco para a democracia no planeta”.

Máis de 50 paises realizaron actos públicos de protesta desde o dia 20 ao 23 coincidindo coa Asemblea da ONU contra o cerco do goberno de Washington a Cuba. No día da votación, na Farola de Urzáiz en Vigo, unha concentración convocada  pola  Asociación de Amizade Galego -Cubana  Francisco Villamil contra o Bloqueo coñeceu o pronunciamento da Asemblea da ONU a prol de Cuba, na voz de Luisa Cuevas Raposo, que actuou como presentadora do acto en nome da Asociación. Erea del Rio Iglesias, presidenta da Francisco Villamil, leu o manifesto compartido co Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba MESC, diante da asemblea a ceo aberto na que estaban representadas todas as instancias asinantes do texto: Agora Galiza-Unidade Popular, Anova –Irmandade Nacionalista, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez, Asociación Viguesa Pola Memoria Histórica do 36, Ateneo de Moaña, Bloque Nacionalista  Galego, Causa Galiza, Central Unitaria de Traballadoras  CUT, Confederacion Intersindical Galega  CIG, Esquerda Unida, Mar de Lumes, Partido Comunista de Galicia PCG, Partido Comunista dos Traballadores da Galiza  PCTG, Partido Comunista do Povo Galego   PCPG, Sindicato Ferroviario-Confederacion Intersindical e Xuventude Comunista.  Durante a manifestación, coreáronse lemas contra o Bloqueo e a prol da soberanía do Estado socialista de Cuba.