Axencias – Terra Sen Amos
A inxente presión política do goberno de Washington por crebar o consolidado voto latinoamericano contra o bloqueo na ONU por 29 anos, non deu máis resultado na xornada do dia 23 que dúas abstencións, o que significa que a posición continental é pro-cubana e defensora do soberano dereito a safar o cerco asfixiante exercido polo veciño do norte dende hai máis de 60 anos contra a illa. O feito de os EUA poder presentar o único voto a prol do estado máis beneficiado polo seu creto militar no Oriente Próximo, e as abstencións de Ivan Duque e Jair Bolsonaro, dúas presidencias en equilibrio inestábel e manifestamente represoras, representa fracaso e marxinación. O voto do bloque europeo foi tamén para Cuba, coa abstención marxinal de Ucraína.
Bruno Rodríguez Parrilla, ministro de Estado de Cuba, recordou no debate que precede a votación, que o Bloqueo é unha violación sistemática, masiva e flagrante dos dereitos humanos do pobo de Cuba e un acto de xenocidio segundo a letra da Convención de Xenebra de 1948. “É de feito unha guerra económica exercida (polos EUA) contra un cativo país xa afectado pola recesión e a crise económica global provocadas pola pandemia”. Rodríguez Parrilla preguntou a Asemblea da ONU cal sería a resposta doutros países, incluso dos estados ricos, se os EUA lles aplicasen un estado de sitio semellante ao que veñen impondo a Cuba por máis de seis décadas.
Das intervencións na Asemblea da ONU, despréndese que do discurso democrático defendido polos EUA como modelo durante o comezo da Guerra Fría, queda só o recordo de 47 invasións, golpes armados, pronunciamentos ou subornos das xudicaturas. A pregunta de onde fica a defensa da democracia nos actos dos herdeiros de Jefferson ten a cada unha resposta máis semellante a sentencia de Samin Nair: “O goberno dos Estados Unidos son o principal atranco para a democracia no planeta”.
Máis de 50 paises realizaron actos públicos de protesta desde o dia 20 ao 23 coincidindo coa Asemblea da ONU contra o cerco do goberno de Washington a Cuba. No día da votación, na Farola de Urzáiz en Vigo, unha concentración convocada pola Asociación de Amizade Galego -Cubana Francisco Villamil contra o Bloqueo coñeceu o pronunciamento da Asemblea da ONU a prol de Cuba, na voz de Luisa Cuevas Raposo, que actuou como presentadora do acto en nome da Asociación. Erea del Rio Iglesias, presidenta da Francisco Villamil, leu o manifesto compartido co Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba MESC, diante da asemblea a ceo aberto na que estaban representadas todas as instancias asinantes do texto: Agora Galiza-Unidade Popular, Anova –Irmandade Nacionalista, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez, Asociación Viguesa Pola Memoria Histórica do 36, Ateneo de Moaña, Bloque Nacionalista Galego, Causa Galiza, Central Unitaria de Traballadoras CUT, Confederacion Intersindical Galega CIG, Esquerda Unida, Mar de Lumes, Partido Comunista de Galicia PCG, Partido Comunista dos Traballadores da Galiza PCTG, Partido Comunista do Povo Galego PCPG, Sindicato Ferroviario-Confederacion Intersindical e Xuventude Comunista. Durante a manifestación, coreáronse lemas contra o Bloqueo e a prol da soberanía do Estado socialista de Cuba.