Todalas entradas de Terrasenamos

Hoxe en Vigo, ás 19,30, na Farola de Urzáiz: todas contra o Bloqueo a Cuba

Hoxe 23 de xuño, quarta féria, na Farola de Urzáiz en Vigo, celebrarase unha concentración convocada  pola  Asociación de Amizade Galego -Cubana  Francisco Villamil contra o Bloqueo a Cuba. Esta concentración será simultánea a outras que se realizaran noutros lugares do Estado, seguindo a iniciativa do MESC ( Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) e conta co respaldo de Agora Galiza-Unidade Popular, Anova –Irmandade Nacionalista, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez, Asociación Viguesa Pola Memoria Histórica do 36, Ateneo de Moaña, Bloque Nacionalista  Galego, Causa Galiza, Central Unitaria de Traballadoras  CUT, Confederacion Intersindical Galega  CIG, Esquerda Unida, Mar de Lumes, Partido Comunista de Galicia PCG, Partido Comunista dos Traballadores da Galiza  PCTG, Partido Comunista do Povo Galego   PCPG, Sindicato Ferroviario-Confederacion Intersindical e Xuventude Comunista. Dende a Francisco Villamil animámovos a participar nela. Adxuntamos a DECLARACIÓN UNITARIA que será lida en todas as concentracións:

Cuba presenta 23 de xuño, perante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a Resolución titulada Necesidade de pór fin ao bloqueo económico, comercial e financieiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba. Trátase dun rigoroso informe que denuncia  as consecuencias da política agresiva dos EEUU ao pobo cubano e que esixe a súa eliminación. Desde o 1992, Cuba recibe o abrumador apoio da comunidade internacional. En 2019 só EEUU, Brasil e o Estado de Israel votaron en contra, unidos as abstencións de Colombia e Ucraína.

Pola súa banda, son numerosas as organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais, humanitarias, relixiosas e solidarias de todo o mundo, mesmo dos propios EEUU, que manifestan seu apoio a Cuba e condenan esta política xenocida do goberno norteamericano. Igualmente, institucións públicas galegas expresaron a súa oposición e a solicitude da eliminación do bloqueo a Cuba.

O bloqueo constitúe unha violación masiva, flagrante e sistemática dos dereitos humanos de todas as cubanas e cubanos. Tanto polo seu infame propósito, como pola trama política, legal e administrativa na que se sustenta, estas sancións merecen a cualificación de acto de xenocidio, segundo a Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, e como un acto de guerra económica, conforme o estabelecido na Conferencia Naval de Londres de 1909.

Esta política criminal por parte dos EEUU que Cuba padece hai máis de seis décadas, ten provocado múltiples danos e prexuízos, cuantificados por un valor de máis de 933.678 millóns de dólares, segundo precisaron as autoridades cubanas.

O anterior presidente de EEUU, Donald Trump, activou o Título III e IV da Lei Helms Burton, amais de un total de 242 medidas de endurecemento do bloqueo durante a pandemia da COVID19. Trátase de medidas e ameazas de sanción que afectan non só ás empresas e cidadáns norteamericanos, senón tamén a terceiros países, extendendo o efecto do bloqueo de xeito extraterritorial.

Un bloqueo naval a barcos petroleiros, as sancións millonarias a entidades financeiras e empresas que traballen coa Illa; a prohibición de comerciar con maquinarias e equipos que conteñan máis do 10% de compoñentes estadounidenses; o efecto intimidatorio cara a empresas con mentes de investir na Illa; os sobrecustos para Cuba polo feito de comprar en mercados máis afastados;a imposibilidade de adquirir equipamentos ou produtos que son exclusivamente producidos polos EEUU en esferas tan sensíbeis como a saúde ou a investigación científica; a imposibilidade de vender os produtos cubanos de biotecnoloxía ou vacinas ao pobo norteamericano; a prohibición das viaxes dos turistas de EEUU á Illa asi como a redución de voos e remesas económicas ás familias cubanas, son só alguns exemplos do bloqueo, aínda que medios de comunicación dominantes procuren ocultar e minimizar os seus efectos sobre a poboación ou incluso xustificar a súa imposición. E o actual presidente de EEUU Biden non actuóu para acabar con esta política criminal cara todo un pobo, a pesar de terse comprometido durante a súa campaña electoral.

Pola súa banda, o presidente cubano Miguel Diáz-Canel expresou que o bloqueo é o “sistema de sancións económicas máis prolongado e de maior espectro que se teña aplicado xamais contra ningún país” e que é realmente o “principal obstáculo para o desenvolvemento do país”.

Trátase por tanto do principal obstáculo no diferendo histórico entre Cuba e EEUU, e xamais será posíbel unha normalización entre os dous países se continúa esta agresión que pretende influír nos asuntos internos da Illa.

Tanto a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil coma as entidades que apoian esta declaración, mostramos a nosa solidariedade con Cuba e animamos ao conxunto da sociedade galega a se sumar a esta causa xusta.

Defendemos a soberanía de Cuba para decidir o seu futuro sen inxerencias nin presións de ningún tipo.Por todo isto, sumámonos á campaña internacional que esixe ao goberno dos EEUU presidido por Biden o levantamento do bloqueo a Cuba, e seguiremos loitando até conseguir a súa eliminación.

A SOLIDARIEDADE NON SE PODE BLOQUEAR!

ABAIXO O BLOQUEO!

VIVA CUBA!

Vigo, 23 de xuño de 2021.

Cuba recusa dólares en efectivo, unha moeda na que o Bloqueo impídelle pagar

Axencias – Terra Sen Amos

O Banco Central de Cuba (BCC) anuncia que recusará temporalmente depósitos en dólares dos EUA en efectivo, unha moeda que ten reducido enormemente o seu valor de uso por mor das limitacións que o bloqueo económico, comercial e financeiro, impón ilegalmente. As posibilidades de Cuba depositar en bancos internacionais os billetes de dólares estadounidenses recadados pola Facenda da illa, tense limitado até extremos nunca vistos polas  abusivas medidas de intervención do Bloqueo .

O comunicado do BCC advirte que as institucións bancarias e financeiras de Cuba deterán deica novo aviso a aceptación de depósitos en efectivo da moeda estadounidense o que significa que as persoas naturais e xurídicas cubanas ou estranxeiras, non poderán ingresar , xirar ou  pagar con dólares.

A medida non afecta a operacións realizadas por transferencias nin aos depósitos en efectivo doutras divisas convertíbeis aceptadas en Cuba, que poderán continuar realizándose sen limitación e ppolo tanto tan só se vai aplicar aos ingresos en efectivo sen que cambien as normas para as contas xa existentes na moeda dos EUA..

O BCC explicou que nos últimos catro anos, as intromisións do bloqueo crearon uns atrancos no ámbito financeiro cubano que fan a cada  máis difícil atopar institucións bancarias ou financeiras internacionais dispostas a recibir, converter, tramitar ou procesar os efectivos en moeda estadounidense. De feito, a decisión do Goberno cubano de suprimir hai un ano o gravame do 10% sobre o dólar estadounidense en efectivo, como parte das medidas para enfrontar a pandemia da COVID-19, levou a incremento notábel dos depósitos desta moeda nos bancos cubanos.

A situación  agrávase polo acúmulo de moeda estadounidense en efectivo que chega ao país tralo anuncio de os EUA de prohibir  as remesas en dólares a Cuba. «Unha prohibición explica o BCC-, que forma parte dos intentos de asfixiar a economía cubana e deprimir o nivel de vida da poboación, foise e que comezou coa imposición 6 de setembro de 2019, dun límite permitido de mil dólares trimestrais ás remesas familiares desde EUA cara a Cuba, e a prohibición das remesas non familiares.

Tres de xuño de 2020 o ministerio de Estado (asuntos exteriores) dos EUA sumou a empresa FINCIMEX na lista de entidades cubanas restrinxidas, creada en 2017 para impedir a toda persoa natural ou xurídica suxeita á xurisdición estadounidense, se relacionar con elas.

A seguir, 28 de setembro de 2020, incorporaron a lista de entidades cubanas restrinxidas, a compañía American International Services, coñecida tamén como AIS. Non por iso deixou o Departamento do Tesouro dos EUA, en 23 de outubro de 2020, de impedir o envío de remesas  a entidades cubanas restrinxidas polo Departamento de Estado.

Por causa destas medidas, 27 de novembro de 2020 quedaron cortados os envíos de remesas a Cuba desde os EUA a través das institucións financeiras designadas polo Goberno cubano.

O 11 de xaneiro de 2021, o Departamento de Estado incluíu Cuba na lista de estados patrocinadores do terrorismo, resolución calumniosa que procura a reticencia de institucións financeiras e comerciais de todo o mundo a se relacionar con entidades cubanas.

Nesas circunstancias, o BCC, buscando a defensa da economía nacional, viuse na obriga de suspender temporalmente a aceptación de depósitos en efectivo de dólares de Estados Unidos. A duración da medida dependerá da eliminación das restricións que impiden a Cuba o normal funcionamento dos procedementos de exportación da moeda estadounidense.

O filme “La Dictadura del Algoritmo” explica o uso de internet por EUA como arma contra Cuba

Angel Guerra Cabrera – La Jornada

La dictadura del algoritmo é o título dun interesante documental cubano estreado na illa o 4 de xuño, na televisión. Dirixido por Javier Gómez Sánchez, cumpre eficazmente a función de desmontar non só os intereses económicos e políticos que se esconden detrás dos algoritmos, eses supostamente neutrais modelos matemáticos, senón o uso intensivo de Internet por EUA, como arma na súa guerra multidimensional ou de cuarta xeración contra Cuba.

O filme La Dictadura del Algoritmo é acesíbel en Youtube

Toda guerra ten como obxectivo é a aniquilación do contrario. Neste caso, a forma de esa anulación é o cambio de réxime, a saber a que custo humano nun país historicamente tan celoso da súa soberanía e independencia. Esta afirmación non é un lema: está apoiada por feitos certos como son a derrota da invasión mercenaria de Praia Girón e todos os intentos de dobregar á Revolución Cubana por medios violentos.

Non debe esquecerse a prolongada e sanguenta campaña de terror de Estado contra a illa, tamén desarticulada intento tras intento. En vista destes fracasos, é significativo que ambos os dous partidos políticos de EE.UU., desde o goberno de George W. Bush até hoxe, coincidan no golpe brando como a fórmula máxica que pode crear de súpeto a percepción dunha revolución derrotada. Para logralo, instrumentan o uso masivo e moi agresivo das redes sociais.

Segundo datos oficiais, EUA inviste 50 millóns de dólares anuais en fomentar a democracia en Cuba, pero esta cifra é moi inferior á real, pois a parte máis grosa dos fondos é declarada secreta co argumento de protexer aos destinatarios, ou por formar parte do orzamento da CIA.

Unha significativa porción está destinada ao sostemento dun enorme aparello de medios dixitais cuxo único propósito é a subversión, o cambio de réxime en Cuba, como aparece manifestamente na lei Helms-Burton, posiblemente o intento máis bárbaro e agresivo de dar visos de legalidade á monstruosa inxerencia no destino político de Cuba.

Decenas de grupos e persoas reciben na illa diñeiro do contribuínte estadounidense como activistas, xornalistas independentes ou artistas. No caso do recentemente lanzado Movemento San Isidro, o papel de padriño do goberno de EUA e da súa embaixada en Cuba está probado sen ningún xénero de dúbidas.

O de movemento, claro, é un dicir; trátase dunha parvada pro ianqui do peor gusto, totalmente allea aos ideais democráticos de que si son radicais portadores a Constitución e a orde política de Cuba. Iso si, formaba parte do recente intento de golpe brando en Cuba e continúa encadrado nese criminal esquema. 

La dictadura del algoritmo expón a luz do día a maquinaria de sedución e terror que tenta impor Washington na illa a través das redes sociais, dirixida sobre todo ás novas xeracións. Por unha banda, crear unha apetencia no suxeito e logo atraelo ofrecéndolle o obxecto que conxenia con esa apetencia; pola outra, disciplinar as audiencias para os individuos non se atreveren a expresar criterio propio, pois rompe co suposto consenso existente no grupo e expón ao infractor ao fusilamento virtual no remedo de praza pública que son as redes.

No caso de Cuba, a satanización de quen ouse pronunciar palabras tan orgánicas, entrañables e propias da vida cotiá da illa como Revolución. Ou tan odiosas pero omnipresentes como Bloqueo ou Imperio. Para descualificar, aterrorizar, illar, a quen as pronuncia, os medios mercenarios de Washington crearon a etiqueta de oficialista, que atemoriza a non poucos mozos educados na idea da rebeldía.

Trátase dunha ofensiva contra as institucións revolucionarias en xeral e as institucións da cultura en particular, defectuosas como todo o humano, pero tan importantes como foron ao longo de anos de revolución para estender o concepto de cultura a todo o pobo e fomentar a aparición de talentos. Todo este drama é explicado na cinta por xente moza, estudosos e estudosas en comunicación, artistas, estudantes e un ex axente da seguridade do Estado, cuxos formulacións son cabais e interesantes, honestas, sensibeis e actualizadas sobre o devir do ciberespazo e dos recursos tramposos cos que nos ameaza a  escala internacional.

La dictadura del algoritmo posúe o vigor, a claridade racional, a potencia cultural e moral para incentivar o debate ao que convocou o VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba sobre a elaboración da estratexia para derrotar ao inimigo imperialista na batalla das ideas nas redes sociais. E tamén, como usar esas redes para formar valores patrios, socialistas, internacionalistas e crear patróns éticos e gustos estéticos á altura do proxecto revolucionario.

LA DICTADURA DEL ALGORITMO está en aberto en youtube.

Sobre este filme, ler tamén o artigo de Atilio Borón en Cubadebate http://www.cubadebate.cu/opinion/2021/06/07/la-dictadura-del-algoritmo-comentarios/

(Versión en Galego de Hermelinda Dacal)

Afonso Paz-Andrade, amigo de Cuba

Ventil Carvalho – Terra Sen Amos

Afonso Paz-Andrade, finado 7 de xuño pasado,  estaba no grupo de empresarios que acompañaran ao presidente da Xunta na segunda visita institucional da Autonomía a Habana, novembro de 1991. O presidente da Xunta fundara AP, o partido formado por ex­- ministros da  Dictadura para reivindicar o voto dun franquismo sociolóxico inexistente, segundo se probou nas primeiras eleccións en case medio século. O propósito do ex ministro da censura era o usar a memoria do desafío ao Bloqueo por parte de Franco nos 60 (con tripulacións de mercantes ametralladas dende lanchas da Contra, no Canal da Bahama) como crédito fronte ao repentino anti cubanismo de Felipe González, entregado ás presas do SPD alemán por acabar coa Revolución Cubana, logo da caída do Muro.

A embaixada do presidente autonómico de Galiza levaba a Cuba, en 1991, unha delirante proposta secreta que o franquista ABC desvelóu.

Con 51 anos, Paz-Andrade, membro da xerencia de Pescanova, era naquela embaixada oportunista e reaccionaria á Cuba dos primeiros meses do Período Especial, a excepción herdeira do Partido Galeguista do 36; de Castelao en Cuba no 38, en campaña contra os franquistas que asaltaban a directiva do Centro Galego e amiga para os intereses de Cuba baixo un bloqueo reforzado, un empresario resolto a manter relacións coa illa.

O ex ministro máis franquista do franquismo chegou e deitou sobre a mesa do goberno de Cuba a seguinte proposta delirante: que o Comandante anuncie o seu retiro en Galiza, con dereitos plenos como fillo de emigrante; que o goberno de Cuba inicie unha transición pactada entre Washington, Florida e Madrid. A entrevista rematou de arrebato e nas seguintes 24 horas o ex ministro continuou seu programa atendido polo vice-presidente Cuba.

No resto do programa, Fidel interesábase polo grupo de empresarios que seguían a visita, e en particular por Afonso Paz-Andrade ao que distinguía especialmente.

Un xornalista británico preguntaba a Fidel nas horas finais da evidentemente fracasada embaixada do 91, se o daquela presidente da Xunta lle resultara un interlocutor de interese, ao que o Comandante da Revolución contestaba erguendo o brazo dereito con enerxía:  “Podería estar falando con él cen horas!”, declaración que deixaba agudamente implícita a segunda parte da resposta: nin con cen horas daría un só dos seus argumentos chegado a me convencer.

Afonso Paz-Andrade non só favoreceu como empresario intereses de Cuba contra o bloqueo en instancias internacionais senón que despexou, con axuda de Cuba, a torpe posición da executiva de Pescanova a prol do goberno do apartheid, que lastraba a empresa galega, pioneira na pesca de Sudáfrica, diante do primeiro gabinete de Mandela.

23 de Xuño: Pontes de Amor contra o bloqueo dos EEUU a Cuba

Ramón Pedregal Casanova – Frente Antiimperialista Internacionalista

Póde ser independente un país que o imperio reclama como seu? Cuba non é da ditadura estadounidense, que entrara con armas na Guerra de Liberación do pobo cubano contra o réxime español para arrebatar a vitoria ao exército anti-colonial.

Ben antes de 1898, o xerente do imperio, Jefferson, 1805, facía saber ao invasor naquela altura, que, de comezar a guerra en Cuba, a súa forza militar faríase coa illa. A seguir, 1823, o gorila Monroe  botaría aquel brado: América para os americanos. Dúas notas sobre este asunto: Quincey Adams, secretario de Monroe, creador do termo froita madura, que o sucedería, advertira ao goberno colonial español da súa intención imperialista con Cuba: … hai leis de gravitación política como hainas de gravitación física, e así como unha froita arrincada da póla coa forza do vento non pode, aínda que queira, deixar de caer no chan, así Cuba, separada de España e rota a conexión artificial que a liga con ela, non se dará sostido polos seus medios e terá que gravitar, que queiras que non, na órbita da Unión Norteamericana…

Anos antes, 1836, mandaran un recado ao réxime español: Os EEUU teñen especial interese en que España conserve seu poder en Cuba. Nisto, os nosos intereses baten xusto cos nosos desexos. Desde 1848 ofrecéronse para comprar a Illa ao imperio español, que nin soñando quería, e a resposta do corsario aspirante era: Para España mentres non poida ser para Estados Unidos; nunca para os cubanos. Ficaba ben claro o propósito do que sería o imperio máis terrorífico da Historia da humanidade. Con esa intención: Para España mentres non poida ser para Estados Unidos; nunca para os cubanos, e ao cabo de 14 guerras contra o continente sur até 1898, o réxime imperial de hoxe, que xa fixera unha gran carreira de asasino, preparou o asalto a Cuba escribindo seus plans en 1878 no documento coñecido como Memorándum Breckenrige: …limparemos o país, mesmo que teñamos que botar man do exemplo da Divina Providencia contra Sodoma e Gomorra; as labaradas da nosa artillería non deixarán nin o rastro. Aplicaremos un bloqueo infernal para a fame, e a súa constante compañeira a enfermidade, arruinar á poboación pacífica e arrasar o  exército cubano.

A FROITA MADURA

Por volta de tres décadas de loita de liberación, o pobo de Cuba gañóu a independencia, e os gringos, que se negaran sempre a recoñecer o goberno dos rebeldes, procurándo o seu fracaso a base de relearlles calquera axuda , advertindo que os cubanos tiñan o triunfo na man, decidiron botar o resto. O acoirazado Maine, de bandeira gringa, fondeado na Habana, foi dinamitado por eles para acusaren do ataque a vella potencia colonial e lanzar ao tempo unha guerra de propaganda. Así arrapañaron a froita madura.

A nova anexión colonial impuxo un exército estranxeiro, latifundismo de novo carimbo, remuda de banqueiros e empresas do trinque. No Tratado de París, os restos do imperio español pasaron a mans do de EEUU que termando pola tomadía, deixou ao pobo cubano e a súa resistencia fóra do acordo. Cuba, o pobo cubano, a súa máis que viva vontade independentista quedaba enterrada baixo as armas imperiais. En 1901, o imperio aprobou a Emenda Platt e deixou rexistrada a anexión. Roubaron Cuba.

Trala Revolución, 1959, o odio do imperialismo desatou a violencia que chega  aos nosos días. Unha das armas que o imperio empregou e emprega, é aquel prometido bloqueo de anos atrás para render por fame ao pobo. En 1981, desatouse en Cuba un andazo de dengue hemorráxico que en poucas semanas roubou 158 vidas, delas as de 101 nenos. O contaxio afectou 344.203 persoas; os primeiros casos apareceran de forma simultánea en tres localidades da Illa distantes entre si máis de 300 km. Non había explicación epidemiolóxica para a interpretar o surto como unha infección natural. Presentárase de arrebato, e o feito de non haber actividade epidémica previa na rexión nin en ningún dos países cos que Cuba mantiña tránsito de persoas, así como a manifestación simultánea en distintas rexións do país, son feitos de sustentan os estudos realizados por especialistas cubanos coa cooperación de homólogos estranxeiros.

Anos despois, durante un xuízo celebrado na cidade de Nova York contra o terrorista cubano, residente nesa cidade, Eduardo Arocena, este recoñeceu que introducira virus infecciosos en Cuba.

Unha circunstancia agrave ese crime de lesa humanidade: Durante a epidemia, o Departamento do Tesouro de Estados Unidos, aplicando os preceptos do bloqueo, demorou a autorización para a venda e envío a Cuba dos insecticidas específicos para atacar o vector identificado da enfermidade, así como os pulverizadores apropiados. Cuba hubera de adquirilos en terceiros países a un custo adicional de varios millóns de dólares e cunha crucial demora na súa chegada ao país, que sen dúbida foi un factor importante en moitas das mortes ocorridas.

O pobo de Cuba resiste ao bloqueo, pero debe saberse o dano que o réxime imperial causa para conseguir anexar novamente a Illa, e, como deixaba escrito no Memorándum Breckenridge, eliminar á poboación cubana e substituíla por estadounidenses.

Por iso 23 de xuño, unha data a non esquecer: Cuba presentará na Asemblea Xeral da ONU a súa denuncia do bloqueo criminal, causante da perda de miles de vidas cubanas e do estrago de miles de millóns de dólares na economía do país. Por este motivo, desde o día 20, haberá en todo o mundo manifestacións antiimperialistas contra os que cometen semellante delito, pois o bloqueo é declarado ilegal e un crime de guerra.

As mobilizacións contra o bloqueo son lazos de solidariedade que establecen os pobos do mundo co de Cuba. A esas manifestacións déronlle nome de Pontes de Amor. E vostede é pobo, non esqueza.

(Versión en Galego de Rosalía Eiras)