Ramón Pedregal Casanova – Frente Antiimperialista Internacionalista
Póde ser independente un país que o imperio reclama como seu? Cuba non é da ditadura estadounidense, que entrara con armas na Guerra de Liberación do pobo cubano contra o réxime español para arrebatar a vitoria ao exército anti-colonial.
Ben antes de 1898, o xerente do imperio, Jefferson, 1805, facía saber ao invasor naquela altura, que, de comezar a guerra en Cuba, a súa forza militar faríase coa illa. A seguir, 1823, o gorila Monroe botaría aquel brado: América para os americanos. Dúas notas sobre este asunto: Quincey Adams, secretario de Monroe, creador do termo froita madura, que o sucedería, advertira ao goberno colonial español da súa intención imperialista con Cuba: … hai leis de gravitación política como hainas de gravitación física, e así como unha froita arrincada da póla coa forza do vento non pode, aínda que queira, deixar de caer no chan, así Cuba, separada de España e rota a conexión artificial que a liga con ela, non se dará sostido polos seus medios e terá que gravitar, que queiras que non, na órbita da Unión Norteamericana…
Anos antes, 1836, mandaran un recado ao réxime español: Os EEUU teñen especial interese en que España conserve seu poder en Cuba. Nisto, os nosos intereses baten xusto cos nosos desexos. Desde 1848 ofrecéronse para comprar a Illa ao imperio español, que nin soñando quería, e a resposta do corsario aspirante era: Para España mentres non poida ser para Estados Unidos; nunca para os cubanos. Ficaba ben claro o propósito do que sería o imperio máis terrorífico da Historia da humanidade. Con esa intención: Para España mentres non poida ser para Estados Unidos; nunca para os cubanos, e ao cabo de 14 guerras contra o continente sur até 1898, o réxime imperial de hoxe, que xa fixera unha gran carreira de asasino, preparou o asalto a Cuba escribindo seus plans en 1878 no documento coñecido como Memorándum Breckenrige: …limparemos o país, mesmo que teñamos que botar man do exemplo da Divina Providencia contra Sodoma e Gomorra; as labaradas da nosa artillería non deixarán nin o rastro. Aplicaremos un bloqueo infernal para a fame, e a súa constante compañeira a enfermidade, arruinar á poboación pacífica e arrasar o exército cubano.
A FROITA MADURA
Por volta de tres décadas de loita de liberación, o pobo de Cuba gañóu a independencia, e os gringos, que se negaran sempre a recoñecer o goberno dos rebeldes, procurándo o seu fracaso a base de relearlles calquera axuda , advertindo que os cubanos tiñan o triunfo na man, decidiron botar o resto. O acoirazado Maine, de bandeira gringa, fondeado na Habana, foi dinamitado por eles para acusaren do ataque a vella potencia colonial e lanzar ao tempo unha guerra de propaganda. Así arrapañaron a froita madura.
A nova anexión colonial impuxo un exército estranxeiro, latifundismo de novo carimbo, remuda de banqueiros e empresas do trinque. No Tratado de París, os restos do imperio español pasaron a mans do de EEUU que termando pola tomadía, deixou ao pobo cubano e a súa resistencia fóra do acordo. Cuba, o pobo cubano, a súa máis que viva vontade independentista quedaba enterrada baixo as armas imperiais. En 1901, o imperio aprobou a Emenda Platt e deixou rexistrada a anexión. Roubaron Cuba.
Trala Revolución, 1959, o odio do imperialismo desatou a violencia que chega aos nosos días. Unha das armas que o imperio empregou e emprega, é aquel prometido bloqueo de anos atrás para render por fame ao pobo. En 1981, desatouse en Cuba un andazo de dengue hemorráxico que en poucas semanas roubou 158 vidas, delas as de 101 nenos. O contaxio afectou 344.203 persoas; os primeiros casos apareceran de forma simultánea en tres localidades da Illa distantes entre si máis de 300 km. Non había explicación epidemiolóxica para a interpretar o surto como unha infección natural. Presentárase de arrebato, e o feito de non haber actividade epidémica previa na rexión nin en ningún dos países cos que Cuba mantiña tránsito de persoas, así como a manifestación simultánea en distintas rexións do país, son feitos de sustentan os estudos realizados por especialistas cubanos coa cooperación de homólogos estranxeiros.
Anos despois, durante un xuízo celebrado na cidade de Nova York contra o terrorista cubano, residente nesa cidade, Eduardo Arocena, este recoñeceu que introducira virus infecciosos en Cuba.
Unha circunstancia agrave ese crime de lesa humanidade: Durante a epidemia, o Departamento do Tesouro de Estados Unidos, aplicando os preceptos do bloqueo, demorou a autorización para a venda e envío a Cuba dos insecticidas específicos para atacar o vector identificado da enfermidade, así como os pulverizadores apropiados. Cuba hubera de adquirilos en terceiros países a un custo adicional de varios millóns de dólares e cunha crucial demora na súa chegada ao país, que sen dúbida foi un factor importante en moitas das mortes ocorridas.
O pobo de Cuba resiste ao bloqueo, pero debe saberse o dano que o réxime imperial causa para conseguir anexar novamente a Illa, e, como deixaba escrito no Memorándum Breckenridge, eliminar á poboación cubana e substituíla por estadounidenses.
Por iso 23 de xuño, unha data a non esquecer: Cuba presentará na Asemblea Xeral da ONU a súa denuncia do bloqueo criminal, causante da perda de miles de vidas cubanas e do estrago de miles de millóns de dólares na economía do país. Por este motivo, desde o día 20, haberá en todo o mundo manifestacións antiimperialistas contra os que cometen semellante delito, pois o bloqueo é declarado ilegal e un crime de guerra.
As mobilizacións contra o bloqueo son lazos de solidariedade que establecen os pobos do mundo co de Cuba. A esas manifestacións déronlle nome de Pontes de Amor. E vostede é pobo, non esqueza.
(Versión en Galego de Rosalía Eiras)