Todalas entradas de Terrasenamos

Crónica da peste do Bloqueo sobre o abrente da Revolución Cubana, por Gabriel García Márquez (I)

Gabriel García Márquez – Resumen Latinoamericano

(Primeira parte do artigo que aparecera en Proceso, 24 de xullo de 1978)

Aquela noite, primeira do Bloqueo, había en Cuba 482. 560 automóbiles, 343.300 refrixeradores, 549.700 receptores de radio, 303.500 televisores, 352.900 ferros eléctricos, 286.400 ventiladores, 41.800 lavadoras automáticas, 3.510. 000 reloxos de pulseira, 63 locomotoras e 12 barcos mercantes. Todo iso, agás os reloxos de pulso que eran suízos, fora feito nos EUA.

Ao parecer, había de pasar un certo tempo antes de a maioría dos cubanos se decataren do que representaban na súa vida aqueles números mortais. Desde o punto de vista da produción, Cuba comprendeu de arrebato con que non era un país distinto, senón unha península comercial dos Estados Unidos.

Ademais de que a industria do azucre e o tabaco dependían por completo dos consorcios ianquis, todo o que se consumía na Illa era fabricado polos Estados Unidos, xa fóra no seu propio territorio ou en Cuba. Habana e dous ou tres cidades máis do interior respipraban fartura e felicidade, pero de feito non había nada que non fose alleo, desde os cepillos de dentes até os hoteis de vinte pisos de vidro no Malecón.

Cuba importaba dos EUA case 30.000 artigos, tanto necesarios como prescindíbeis para a vida cotiá. E os mellores clientes daquel mercado de ilusións eran os mesmos turistas que chegaban no Ferry boat de West Palm Beach e polo Sea Train de Nova Orleans, pois tamén eles preferían comprar sen impostos os artigos importados da súa propia terra.

As papaias creoulas, que sorprenderan a Cristóbal Colón na súa primeira viaxe, vendíanse nas tendas refrixeradas coa etiqueta amarela dos cultivadores das Bahamas. Os ovos artificiais que as amas de casa desprezaban pola súa xema esvaida e o seu sabor de farmacia, tiñan impreso na casca o selo de fábrica dos granxeiros de Carolina do Norte, pero algúns adegueiros agudos lavábanos con disolvente e os enzoufaban de caca de galiña para vendelos máis caros, coma se fosen creoulos de verdade.

Non había sector do consumo que non fose dependente dos Estados Unidos. As poucas fábricas de manufacturas que foran instaladas en Cuba para servirse da man de obra barata, estaban montadas con maquinaria anticuada de segunda man. Os técnicos mellor cualificados eran norteamericanos, e a maioría dos escasos técnicos cubanos abrazaban as ofertas insuperábeis dos seus patróns estranxeiros e marchaban con eles para os Estados Unidos.

Tamén non había armacéns de repostos, pois a industria ilusoria de Cuba sabía que e a peza máis difícil chegaba no seguinte  avión sen impostos nin demoras de aduana, desde 90 millas, só con facer unha chamada telefónica.

Malia a situación de dependencia, os habitantes das cidades continuaban gastando arreo cando xa o Bloqueo era unha realidade estarrecedora. Inclusive cubanos que estaban dispostos a morrer pola Revolución, e algúns que morreron de feito por ela, seguían consumindo cun alborozo infantil. Máis aínda: as primeiras medidas da Revolución aumentaran de inmediato o poder de compra das clases máis pobres, e estas non tiñan entón outra noción da felicidade que o pracer simple de consumir.

Moitos soños aprazados durante media vida e aínda durante vidas enteiras, realizábanse de arrebato. Só que as cousas que se esgotaban no mercado non eran repostas de inmediato, e algunhas non serían repostas en moitos anos, de modo que os armacéns ateigados do mes anterior quedaban sen remedio nos puros ósos.

Cuba foi por aqueles anos iniciais o reino da improvisación e a desorde. A falta dunha nova moral -que aínda haberá tardar moito tempo para formarse na conciencia da poboación- o machismo Caribe atopara unha razón de ser naquel estado xeral de emerxencia.

O sentimento nacional estaba tan arreitado con aquel refacho de vento da novidade e a autonomía, e, ao mesmo tempo, as ameazas da reacción indignada eran tan verdadeiras e inminentes, que moita xente confundía unha cousa coa outra e parecía pensar que até a escaseza de leite podía resolverse a tiros. A impresión de pachanga fenomenal que transmitía a Cuba daquela época entre os visitantes estranxeiros, tiña un fundamento verídico na realidade e no espírito dos cubanos, mai era unha borracheira inxenua na beira da desfeita.

A principios de 1961, regresaba eu a La Habana por segunda vez, na miña condición de correspondente errante de Prensa Latina, e o primeiro que me chamou a atención foi que o aspecto visibel do país tiña cambiado moi pouco, pero que en cambio a tensión social empezaba a ser insostíbel. Voara desde Santiago até La Habana nunha espléndida tarde de marzo, observando pola xanela os campos milagrosos daquela patria sen ríos, as aldeas poeirentas, as enseadas ocultas, e a todo o longo do traxecto percibira sinais de guerra.

Grandes cruces vermellas dentro de círculos brancos foran pintadas nos teitos dos hospitais para polos a salvo de bombardeos previsibles. Tamén nas escolas, os templos e os asilos de anciáns puxéronse sinais similares. Nos aeroportos civís de Santiago e Camagüey había canóns antiaéreos da Segunda Guerra Mundial disimulados con lonas de camións de carga e as costas estaban patrulladas por lanchas rápidas que foran de recreo e pasaran a impedir desembarcos.

Víanse darredor sabotaxes recentes: canavais calcinados con bombas incendiarias por avións enviados desde Miami, ruínas de fabricas dinamitadas pola resistencia interna, campamentos militares improvisados en zonas difíciles onde empezaban a operar con armamento  moderno e excelentes recursos loxísticos os primeiros grupos hostís á Revolución.

No aeroporto da Habana, onde eran evidentes os esforzos por  que non se notase o ambiente de guerra, había un letreiro xigantesco dun extremo ao outro da soleira principal: Cuba, territorio libre de América. En lugar dos barbudos de antes, a vixilancia estaba a cargo de milicianos moi novos con uniforme verde oliveira, entre eles algunhas mulleres, e as súas armas eran aínda as dos vellos arsenais da ditadura. Naquela altura non había outras.

O primeiro armamento moderno que logrou comprar a Revolución, a pesar das presións contrarias dos Estados Unidos, chegara de Bélxica o 4 de marzo anterior, a bordo do barco francés La Coubre, e este voou no peirao de La Habana con 700 toneladas de armas e municións nas adegas por mor dunha explosión provocada. O atentado produciu 75 mortos e 200 feridos entre os obreiros do porto, pero non foi reivindicado por ninguén. O Goberno cubano culpou á CIA.

PATRIA OU MORTE, A BROCHA GORDA

Foi no enterro ás vítimas cando Fidel Castro proclamou a consigna que había de converterse na divisa máxima da nova Cuba: Patria ou Morte. Vina escrita por primeira vez nas rúas de Santiago, víraa pintada de empresas de aviación e pastas dentífricas norteamericanas, na estrada poeirenta do aeroporto de Camagüey, e volvina atopar repetida en cartonciños improvisados nas vitrinas das tendas para turistas do aeroporto da Habana, nas antesalas e os mostradores, e pintadas con albaialde nos espellos das barbarías e con carmín de beizos nos cristais dos taxis.

Conseguiuse tal grao de saturación social, que non había nin un lugar nin un instante en que non estivese escrita aquela consigna de rabia, desde as pailas dos trapiches até a cuña dos documentos oficiais; prensa, radio e televisión repetírona sen piedade durante días enteiros e meses interminabeis, até incorporarse á propia esencia da vida cubana.

Na Habana, a festa estaba no seu apoxeo. Había mulleres espléndidas que cantaban nos balcóns, paxaros luminosos no mar, música por todas partes, pero no fondo do xúbilo sentía o conflito creador dun modo de vivir xa condenado para sempre, que pugnaba por prevalecer contra outro modo de vivir distinto, aínda inxenuo, pero inspirado e esmagador.

A cidade seguía sendo un santuario de pracer, con máquinas de lotaría até nas farmacias e automóbiles de aluminio demasiado grandes para as esquinas coloniais, pero o aspecto e a conduta da xente estaban a dar un cambio radical. Todos os sedimentos do subsolo social saíran á boia, e unha erupción de lava humana, densa e fumarenta, se espallaba sen control polos carreiros da cidade liberada, e contaminaba dunha vertixe multitudinaria até as físgoas derradeiras.

O máis notabel era a naturalidade coa que os pobres sentaron nas cadeiras dos ricos nos lugares públicos. Invadiran os vestíbulos dos hoteis de luxo, comían cos dedos nas terrazas das cafetarías do Vedado, e cociñábanse ao sol nas piscinas de augas de cores luminosas dos antigos clubes exclusivos de Siboney. O porteiro louro do hotel Habana Hilton, que empezaba a chamarse Habana Libre, fora substituído por milicianos serviciais que se pasaban o día convencendo aos campesiños de que podían entrar sen temor, ensinándolles que había unha porta de ingreso e outra de saída, e que non se corría ningún risco de tise, aínda que se entrase suando no vestíbulo refrixerado.

Un chévere lexítimo do Luyanó, retinto e lanzal, camisa de bolboretas pintadas e zapatos de charol con tacón cubano, asomara ao revés pola porta vidrada de rodicio do hotel Riviera, xusto cando a esposa suculenta e emperiquitada dun diplomático europeo facía por meter o pé no batente. Nun refacho de pánico instantáneo, o marido que a seguía tratou de forzar a porta nun sentido mentres os milicianos alarmados facían por que virase no sentido contrario desde o exterior. A branca e o negro quedaron atrapados por unha fracción de segundo na trampa de cristal, comprimidos no espazo previsto para unha soa persoa, ata que a porta volveu virar, e a muller correu confundida e escarlata de vergoña, sen agardar sequera ao marido, e debruzouse na limusina que a esperaba coa porta aberta e que arrincou a fume de carozo. O negro, sen saber moi ben o que pasara, tremía apampanado.

Coño! -salaiaba- Cheiraba a flores!

Eran tropezos frecuentes. E comprensibles, porque o poder de compra da poboación urbana e rural aumentara dun modo considerabel nun ano. As tarifas da electricidade, do teléfono, do transporte e dos servizos públicos en xeral reducíronse a niveis humanitarios. Os prezos dos hoteis e dos restaurantes, así como os dos transportes, sufriran reducións drásticas, e organizábanse excursións especiais do campo á cidade e da cidade ao campo que en moitos casos eran gratuítos.

Por outra banda, o desemprego estaba a reducirse a grandes pasos, os soldos subían e a Reforma Urbana tiña aliviado a angustia mensual dos alugamentos, e a educación e equipamento escolare non custaba nada. As vinte leguas de fariña de marfil das praias de Varadero, que antes tiña un só dono e cuxo goce estaba reservado aos ricos demasiado ricos, foron abertas sen condicións para todo o mundo, inclusive para os mesmos ricos. Os cubanos, como a xente do Caribe en xeral, creran desde sempre que o diñeiro só servía para gastalo, e por primeira vez na historia do seu país estaban a comprobalo na práctica.

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras

Raúl marca límites ás privatizacións no seu discurso de despedida

Arlene Pereira Souto – Terra Sen Amos

As actividades laborais que poden emprenderse en Cuba por conta propia, foron ampliadas de 127 a máis de 2.000,  unha medida que non só foi acollida con alborozo dentro do país sitiado polos EUA, senón na propia prensa dos conspiradores contra o socialismo. No seu discurso de despedida como secretario xeral do PCC, Raúl Castro notou que o entusiasmo foi breve e que a medida foi cuestionada decontado polos que soñan coa restauración capitalista e a privatización dos medios públicos. “Algúns abrazan a idea da privatización por egoísmo e cobiza, sen advertir que por ese camiño arrasarían de a pouco os alicerces da sociedade socialista, construídos a longo de seis décadas e, a fume de carozo, estragarían os sistemas nacionais de educación e saúde, hoxe de acceso universal”.

Para seu discurso do aniversario de Moncada en 2013, Raúl presentárase con sombreiro guajiro. Os alamares do uniforme non son tan importantes coma o símbolo do mambí.

A piques de cumprir 90, o heroe de Moncada e derradeiro da saga dos Castro de Armeá, ofreceuse no seu discurso de despedida do VIII Congreso “como militante revolucionario para colaborar discretamente até o final da vida”. Mais na esperada alocución, non había  faltar  seu proverbial sentido da crítica: “outros esperan facer saltar polos aires o principio socialista do monopolio do Estado sobre o comercio exterior, e teiman por que se autorice a importación comercial privada para estableceren un sistema non estatal de comercio interior”. Raúl di que non pode haber confusión nestes asuntos crríticos: “e moito menos ser tratados con inxenuidade de parte dos cadros de dirección  e os militantes do Partido; hai límites que no podemos pasar porque as consecuencias serían irreversíbeis e conducirían a erros estratéxicos e a destrución mesma do socialismo e da soberanía e independencia nacionais”.

O feito de Raúl Castro renunciar as responsabilidades de goberno, confirma toda unha cultura política probada en máis de seis décadas de Revolución en Cuba, nas que os líderes son funcionais ao proxecto de independencia e socialismo. O relevo de Raúl, coma o de Fidel antes, sucede en discreción e reciben menos importancia que os obxectivos de goberno. Un principio exemplar que deixa no limbo a narrativa dominante sobre Cuba, nas mans dos EUA; banalidade propagandística que repite dende hai sesenta anos que a Revolución Cubana é unha tiranía familiar que non vai durar máis que un lume de tixola. Contrariamente, a realidade dunha dirección colectiva máis preocupada por resistir a ofensiva imperialista conservando a propiedade socialista dos medios fundamentais de produción, aparece máis que probada nos traballos do VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba e na naturalidade coa que acepta o cambio da xeración do Moncada, sen renunciar a continuidade dunha batalla pola independencia que o propio líder do Moncada, Fidel, situaba en cen anos antes.

Como recorda Iroel Sánchez, creador da páxina La Pupila Insomne, o sitio máis visitado de Cuba, malia a teima de sucesivos gobernos dos EUA por crearen con riadas de dólares, cabeceiras dixitais saudosas dos tempos da Colonia e da Enmenda Platt, en Cuba, non houbo máis que unha Revolución: a que comezara Céspedes 10 de outubro de 1868. Fidel, que asume o papel de continuala é, asemade, “un renovador e un rupturista polas forma de continuar a epopea cubana, pola xustiza e a soberania”. Estas formas orixinais proceden dos reveses propios, convertidos en contragolpes de enorme transcendencia. “A transformación de golpes imperialistas en vitorias son as máis populares, mais a institucionalización, depois da Zafra dos 10 millóns, o Proceso de Rectificación ou a Batalla das Ideas, son rupturas para manter os obxectivos supremos da Revolución  en cada circunstancia. O acervo do longo asedio é fundamental”.

RAÚL, LÍDER DO PROCESO DE REFORMA

A responsabilidade histórica de Raúl Castro foi a de organizar os debates populares para o proceso de reforma política e económica: unha convocatoria para continuar os ideais de soberanía e socialismo polos que loitaba o pobo de Cuba desde a invención dos campos de concentración de Valeriano Weyler, tempos que perviven no asedio imperial e no mesmo ideal por consolidar a independencia e construír a xustiza e a convivencia. O VIII Congreso do PCC advirte que se trata dun obxectivo a contramarcha do proceso acelerado a partir dos 80 no capitalismo do Norte, coa liberalización da economía, o desbarate da asistencia social, a concentración acelerada do capital, a guerra contra o Sur e a abolición do xornalismo e a cultura crítica. Unha situación de contraste que non impide aos poderosos sistemas de comunicación do capital proclamar o capitalismo como modelo moral do mundo e decretar que a construción do socialismo en Cuba é recurso aberrante e contrario aos dereitos humanos.

Molesta aos editorialistas subscritos á globalización, logo de ter anunciado cambios apocalípticos por idade na dirección da Revolución, que a solución de continuidade do goberno de Cuba aconteza en paz, formalidade prevista e confianza no futuro, tal coma sucedera na renuncia de Fidel en 2008. No entanto, a nova equipa de goberno na beira Norte do Canal da Florida, despacha aínda actas de votos denunciadas e declara que non ten chegado a hora de liquidar o bloqueo malia o fracaso completo e inhumanidade deste recurso contrario a dereito e fardel  infame nas biografías de doce presidentes anteriores.

Xa hai tempo que o bloqueo de Cuba é o máis longo da historia e malia a súa incidencia letal sobre a economía dunha illa sen recursos, o goberno socialista enfrontou a pandemia con mellores resultados que os países do seu entorno. “Son razóns para o optimismo que unha crítica profunda dos  nosos erros libere potencialidades, que poñamos na dirección do país a xeración que saíu curar o mundo e que pronto disporá  dos tres nomes que son resumo  da intelixencia e o saber que o socialismo sementou en Cuba: Soberana, Abdala e Mambisa”, dí Iroel Sánchez falando deste importante Congreso.

SODEPAZ

Para poder levar adiante seus plans de vacinación cos específicos nacionais Soberana 2 e Abdala,  Cuba necesita comprar xiringas e agullas (máis de 25 millóns) nun período de tempo moi curto. O prezo é de 0,08 € por cada xiringa e agullas.

Cuba fixo un chamamento á solidariedade internacional para cooperar na adquisición deste material cirúrxico no mercado internacional; xa recebeu 2 millóns desde Canadá e en Europa progresa unha campaña para dar adquirido 10 millóns máis.

SODEPAZ propuxo esta campaña ás organizacións do Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba, partidos e outras organizacións coa lema OS BLOQUEOS MATAN, A TÚA SOLIDARIEDADE DÁ VIDA, para recadar  fondos que serán achegados á campaña europea para a compra conxunta dos materiais.

Iliana Morales, directora de Ciencia e Innovación, do Ministerio de Salud de Cuba, comentou que para xuño concluirán os ensaios clínicos de Soberana 2 e Abdala, os dous candidatos vacinais máis avanzados da illa.

Soberana 2 comezou probas 4 de marzo na Habana. A terceira e última fase de ensaios clínicos contou coa participación de 44.000 voluntários.

Abdala, incluirá a 48.000 voluntários distribuídos entre as provincias de Santiago de Cuba, Granma e Guantánamo, leste do país.

Na primeira semana de abril iniciouse asemade un estudo de intervención para persoal sanitario na Habana, onde 150.000 persoas voluntárias recibirán a vacina Soberana 2 e un programa similar con Abadala para máis 120.000 laborantes da saúde nas provincias orientais.

As autoridades sanitarias anunciaron a posta en marcha doutro estudo de intervención comunitario na Habana, con 1,7 millóns de persoas voluntárias de entre os 19 e 80 anos, o que significa un 81% da poboación da capital onde se concentra a maior propagación do virus na illa.

A previsión é ter para agosto máis da metade do país inmunizado, de acordo cun plan fundamentado polos actuais ensaios clínicos.

Conta para envío de fondos:

IBAN ES42 1550 0001 2900 0350 9221
Titular: Solidaridad para el Desarrollo y la Paz

Máis información no número: 649 89 31 91

sodepaz@sodepaz.org

Obxectivo 1 millón de xiringas

(A 17 de abril, logramos 73.000)

Entidades solidarias coa campaña  (actualizado a 17 de abril 2021)

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

Asociación de Amistad Hispano Cubana de Málaga (ADAHC)
Asociación La Avellaneda de cubanos residentes del Sur de España
Asociación de Solidaridad con Cuba Maximiliano Tornet de Huelva
Comunidad de chilenos de izquierdas en España
ESPANICA
Federación de Asociaciones de Cubanos Residentes en España
La Ceiba Cooperativa
Partido Comunista de España (PCE)
Sociedad Cultural Cubano Andaluza José Martí de Sevilla,
SODePAZ

As desigualdades aumentan coa pandemia e comprometen a Axenda 2030, denuncia Manuel Marrero na ONU

Prensa Latina – TSA

A pandemia da COVID-19 profunda desigualdades entre países e evidencia a necesidade de transformar a inxusta, desigual e antidemocrática arquitectura financeira internacional. Os países en desenvolvemento teñen o desafío de atender crecentes gastos en saúde, a contracción das súas economías, o aumento dos déficits fiscais, a débeda externa, a inseguridade alimentaria, o desemprego e a pobreza, que comprometen o obxectivo da Axenda 2030. Tal foi o diagnóstico de Manuel Marrero,  primeiro Ministro de Cuba na súa intervención no Consello Económico e Social (ECOSOC) da ONU, entidade de asistencia da Asemblea Xeral para os obxectivos de cooperación e desenvolvemento económico, social e internacional, mediante os recursos humanos e financeiros do sistema das Nacións Unidas.

É urxente transformar a arquitectura financeira internacional para defender ao Sur das desigualdades, agravadas durante a pandemia, dixo o primeiro ministro de Cuba no consello económico da ONU.

Nun mundo dividido entre os que acaparan recursos e os que carecen deles, algunhas potencias estragan miles de millóns en gastos militares, faltan ao seu compromiso de achegar o 0.7% do seu PIB á Axuda Oficial ao Desenvolvemento e impoñen medidas coercitivas unilaterais, que violan a Carta da ONU e o Dereito Internacional, recordou o xefe do goberno de Cuba.

Manuel Marrero denunciou o bloqueo económico, comercial e financeiro máis longo da historia, imposto a Cuba por sucesivos gobernos dos EUA dende 1960 e elevado a niveis sen precedentes, mesmo durante a pandemia, con máis de 240 medidas de parte da administración Trump, e ainda en vigor. “Esta criminal e ilegal política, que rexeita a comunidade internacional, é o principal obstáculo ao desenvolvemento sustentábel do noso país”.

O representante de Cuba recordou que no 25 aniversario da creación da Organización Mundial do Comercio, a Rolda de Doha para o Desenvolvemento está paralizada e segue a ser un soño o trato especial e diferenciado para os países do Sur. “A cada, afastámonos máis do cumprimento dos compromisos da Axenda de Adis Abeba”.

Marrero reclamou apoiar os esforzos das nacións en desenvolvemento mediante accións concretas en materia de transferencia de tecnoloxías, financiamento externo en condicións xustas, acceso a mercados, desenvolvemento de capacidades e cooperación Norte-Sur. E non esqueceu outra das desideratas dos países representados na COSOC: procurar solución inmediata ao problema da crecente débeda externa, xa pagada con fartura, cuxo desmesurado monto lastra os esforzos dos países do Sur para se desenvolveren.

“É ben tempo que os países desenvolvidos salden a súa débeda histórica coa humanidade pola explotación colonial, as guerras de agresión e a depredación dos recursos naturais e do medio ambiente; esiximos solucións inmediatas e duradeiras, que permitan un futuro próspero, equitativo e sustentábel”, dixo Manuel Marrero no remate da súa ponencia no ECOSOC.

Dez resultados científicos de Cuba, distinguidos pola Organización Mundial da Propiedade Intelectual da ONU

Axencias – TSA

Dez produtos da investigación científica cubana recibiron Medalla de Ouro da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) cualificacións de excelencia para un país en vías de desenvolvemento e obxecto dun ferreño bloqueo económico no que terman 12 presidencias dos EUA, dende a fuga e saqueo do Estado de parte do goberno bendito por Washington e a inmediata aclamación da Revolución. A Medalla de Ouro da OMPI foi establecida en 1979 pola ONU para promover a actividade inventiva e creadora no mundo, nomeadamente, nas nacións non industrializadas.

Cartaz de Biocubafarma sobre a farmacopea cubana de excelencia.

A información da páxina electrónica da Oficina Cubana da Propiedade Industrial (www.ocpi.cu) indica que o primeiro produto  cubano acredor da Medalla de Ouro da OMPI foi a vacina anti-meningocócica tipo B, en 1989, relizada por un colectivo de investigadores do hoxe Instituto Finlay de Vacunas, que dirixe a doutora Concepción Campa Huergo.

En 1996, foi distinguido o Policosanol (coñecido pola sigla PPG) fármaco logrado a partir da cera da cana de azucre por especialistas do Centro Nacional de Investigaciones Científicas (CNIC), e en 2000 o antibiótico de uso veterinario Biocida, do Centro de Bioactivos Químicos de la Universidaad Central «Marta Abreu» de Las Villas.

No 2002 foi premiado o anticorpo monoclonal humanizado Cimaher, do Centro de Inmunología Molecular (CIM), e o produto Stabilak, para prolongar o tempo de conservación do leite cru sen refrixeración, obtido no Centro Nacional de Sanidade Agropecuaria (CENSA).

Outras invencións premiadas coa Medalla de Ouro da OMPI foron a vacina contra o Haemophilus Influenzae Tipo B, obtida no que daquela se chamaba Centro de Antígenos Sintéticos de la Universidad de La Habana, en colaboración coa universidade de Ottawa, Canadá (2006), así como a equipa para diagnóstico rápido microbiológico Diramic, do CNIC, e o surfactante pulmonar Surfacen, creado no CENSA, destinado ao tratamento do síndrome de dificultade respiratoria no naipelo, ambas en 2007.

Completan a lista, o fármaco Heberprot P, realizado polo Centro de Ingeniería Genética y Biotecnología,  galardonado en 2011, e a invención Anticuerpos Monoclonales Anticd6 (Itolizumab), do CIM para tratar e diagnosticar a psoriasis,  que recibira a medalla de ouro  en 2015.