Luis René Fernández Tabío – Mundo Obrero
A anunciada incorporación de Cuba aos BRICS é unha baza da diplomacia e da política exterior cubana. A Asemblea da organización fundada en 2010 por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica, aprobou por aclamación o ingreso de Cuba. Representa hoxe a 21 paises e ten unha eminente importancia económica e política na procura dun sistema de gobernanza mundial máis xusto e equilibrado. Por moito que exxistan desigualdades e diferenzas entre os seus membros —de tipo político, económico e ideolóxico— os integrantes coinciden en posicións básicas sobre cambios positivos para o balance do poder global. A integración abre oportunidades á economía cubana que para facerse efectivas debe superar atrancos e limitacións externas e internas. De maneira xeral, son favorábeis as dimensións políticas e económicas do seu ingresoque mais implicará un esforzo facelas efectivas.

As boas relacións políticas e económicas coas principais nacións integrantes do foro, abren o camio do novo asociado que ten vínculos históricos, políticos e económicos con China e Rusia. A necesidade cubana de investimentos e asistencia en áreas como infraestrutura, tecnoloxía e enerxía renovábel e a opción de empresas mixtas e cadeas de valor, para contribuír ao crecemento e a consolidación de mercados para os produtos da illa contan con opción neste horionte, tanto de alta tecnoloxía na industria biotecnolóxica, como nos sectores agropecuarios e mineiros. Aberta está tamén a posibilidade intercambios nas distintas modalidades de cooperación nos campos da medicina e a educación nos que Cuba ten experiencia e capacidade.
A nación antillana podería acceder a recursos financeiros do Novo Banco de Desenvolvemento (NDB) dos BRICS para proxectos de infraestrutura e desenvolvemento sostíbel cooperación tecnolóxica mediante intercambio de coñecementos e tecnoloxías aplicadas ao desenvolvemento de novos produtos e servizos. Os adiantos tecnolóxicos de India e China poderían ser vitais para Cuba en áreas como a biotecnoloxía,as telecomunicacións, e a agricultura sostíbel. Paises dos BRICS poderían pór ao alcance e Cuba coñecementos, das áreas de saúde, enxeñería e colaborar na trela das enerxías renovábeis, críticas para o crecemento e seguridade da subministración de enerxía.
Reduciría a vulnerabilidade de Cuba a diversificación das súas relacións económicas, comerciais e financeiras internacionais, lonxe da influencia das medidas económicas coercitivas de Estados Unidos e de mercados subordinados ás presións ilegais do bloque, caso dos aliados europeos e doutras rexións nas que o dictado imperial é norma.
A vontade dos BRICS de establecer e impulsar formas de pagos alternativas para transferencias monetarias e financeiras, son de vital interese para Cuba. Son pasos que poderían desembocar nun sistema monetario que reduza o protagonismo do Dólar na economía global. É obvio que a integración de Cuba en recursos de intercambio lonxe do circuíto do dólar reduciría os efectos do bloqueo económico, financeiro e comercial. Industrias coma o turismo e a cultura poderían crear e expandir mercados emerxentes en países como India, Brasil e China, dende un marco defensor da cultura, a historia e as belezas naturais. Iniciativas para establecer lazos de cultura poden abriren camiños a intercambios de interese e a alternativas que melloren a inserción internacional de Cuba.
CRÉDITO PARA ENERXÍA, TRANSPORTE E TECNOLOXÍA
O acceso a crédito preferente dentro dos BRICS será de importancia crítica para sectores coma enerxía, transporte e tecnoloxía. Cuba, abrumada pola débeda e excluida do crédito internacional por decreto imperial ten un acceso limitado a proxectos de cooperación e investimentos a gran escala como require a modernización e expansión económica do país. O bloqueo limita as relacións financeiras de Cuba,, mesmo cos membros do BRICS, de parte de nacións que queren evitar tanto sancións secundarias como perder mercado nos EUA. O bloqueo dos anos recentes, multiplicado polas chamadas sancións económicas de Washington e agravado na súa letalidade polo carácter central da maior economía do mundo e as condicións da globalización económica, obrigou a Cuba a trazar políticas e estratexias de desenvolvemento de señadas dende estrutura administrativa á defensiva e aínda excesivamente centralizada.
Erros na implementación das reformas do sistema económico, retrasaron exportacións e o esperado incremento d a oferta de produtos aos países BRICS. Para iso, a relación internacional de Cuba deben atender de preferencia as relacións bilaterais cos BRICS en xeral, pero sobre todo intensificar os acordos específicos con China, Rusia, India e Brasil, aproveitando sectores estratéxicos coma saúde, educación e biotecnoloxía. Cuba ten fortalezas derivadas do seu valor simbólico de liderado no Sur Global e pode posicionarse como un aliado crítico dentro dos BRICS en América Latina e o Caribe. Será prioritario prepararse para facilitar investimentos estranxeiros directos, eliminar barreiras burocráticas e promover marcos legais regulatorios claros e flexibeis que outorguen seguridade e confianza ás contrapartes dentro dos BRICS.
Serán precisas estratexias específicas para reducir vulnerabilidades e dificultades internas, así como deseñar proxectos de colaboración e negocios que permitan ao país inserirse beneficiosamente nos BRICS como vector da nova orde de gobernanza mundial para o desenvolvemento compartido, distante das pretensións hexemónicas do imperialismo estadounidense.
*Luis René Fernández Tabío é profesor do Centro de Investigacións da Economía Internacional da Universidade da Habana.
Tradución ao Galego de Lara Rianxo Baltar para TSA.