Memoria heroica do feminismo cubano na voz de Yolanda Ferrer, no 64 aniversario  da FMC

Lina Devesa – TSA

A comemoración do 64 aniversario da Federación de Mujeres Cubanas (FMC), organización da vital forza da Revolución é ocasión de lembrar a histórica entrevista con Yolanda Ferrer Gómez, fundadora da Federación e responsábel da súa dirección dende o momento da desaparición física de Vilma Espín. O prezado documento detalla e explica o empoderamento da muller en Cuba e o seu central protagonismo dentro da construción do socialismo cubano. “No triunfo da Revolución eran moi poucas as mulleres con participación activa na vida pública perto de 194 mil traballadoras que representaban o 12% da forza laboral de Cuba; non todas tiñan salario polo traballo que realizaban. A ocupación dábase en sectores tradicionais: educación, tabacaleiras, e  o 70% no servizo doméstico nas peores condicións. No de hoxe as mulleres representan porcentaxes importantes da forza laboral activa no sector estatal civil e no sector do traballo por conta propia. Tamén son un alto por cento das matrículas nas universidades, en contraste co 1% de antes do triunfo da Revolución”.

A imaxe de Vilma Espin recorda o seu labor revolucionario a fronte da FMC

A Federación exerceu un papel central na elevación do nivel cultural, educacional, da preparación das mulleres e na participación das mulleres nos sectores de dirección do país. “Antes da Revolución podían contarse cunha man ás mulleres con responsabilidades na dirección. Hoxe existen 10 mulleres membros do Consello de Estado, unha viceprimeira ministra e 5 ministras. Tamén representan o 55.74% do Parlamento cubano. O empoderamento da muller protagoniza todos os ámbitos e níveis da vida económica, política, social e cultural do noso país”.

Vilma tivo a responsabilidade e o grande mérito de dirixir unha Revolución dentro da Revolución. “Vilma é o corazón da Federación, o seu motor impulsor; símbolo e modelo das mulleres cubanas pola súa autoridade, o seu prestixio, as súas ideas revolucionarias, a forma de ensinar, a súa modestia; unha heroína da Revolución coa modestia persoal de ser unha máis entre as mulleres cubanas, unha sinxeleza que a prestixiaba enormemente porque ao mesmo tempo é intérprete fiel das ideas de Fidel no que corresponde á igualdade da muller. Ao tomar conciencia criativa do movemento de mulleres para a Revolución e da responsabilidade que tiña o proceso revolucionario coas mulleres, fixo aportacións fundamentais ao proceso. Lograr a unidade non foi doado mais ela sementou ese sentido solidario que logo foi realidade”..

As ideas avanzadas de Vilma sobre o papel da muller na sociedade e na Revolución revélanse na organización e na a batalla pola igualdade de xénero. “Ela e Fidel adiántáronse ao seu tempo na visión liberadora que revelan as resolucións de mediados e finais da década dos 70, que é cando as feministas académicas falan dunha categoría de xénero e empezan a abordar todos estes conceptos do feminino, o masculino”.

A igualdade dende a escola

Unha das primeiras tarefas que lle encomenda Fidel, Vilma ten un cometido central. “Foi a creación dos círculos infantís, organizacións constituidas cunha visión de xénero que evita a discriminación de labores, deberes, dereitos e xogos para nenas e nenos o que dá lugar a un proceso de transformación de ideas de fondo arraigo na nosa sociedade e dos papeis atribuidos de vello ao que deben ser as mulleres e o que deben ser os homes. Vilma marca obxectivos, establece pautas e forma cadros da organización. Asemade, transmite as súas concepcións organizativas e favorece o traballo en equipo, para o que favorece a información e exeriencia cruzada que dá lugar a unha estrutura da nosa organización que comeza no barrio, na comunidade, onde as mulleres organízanse, elixen representantes, identifican necesidades, trazan estratexias de traballo e elixen responsábeis para conformar bloques entre a delegación e o concello”.

Vilma dixo que a FMC tiña dentro dos seus obxectivos elevar o nivel político, ideolóxico, cultural e social das mulleres e axudalas a participar no proceso revolucionario. “No proceso de construir a Revolución, a muller vaise inserindo en todas as frontes da obra revolucionaria o que abre camiño á traballadoras sociais, brigadistas sanitarias e ao movemento de nais combatentes pola educación. Acostumaba dicer que os primeiros 14 anos da organización podíanse resumir nun só conceito: o da participación. A batalla pola igualdade aparece neste proceso sen que se pronuuncie coma conceito porque iso deveu realidade de seu, coma a vida mesma”.

A Federación de Mujeres Cubanas non se copiou de ningunha parte: é xenuína. “Analizando o movemento de mulleres nos países socialistas, decatámonos de que ningunha das súas organizacións femininas ten semellanza coa nosa, nin sequera as de masa. De feito, a FMC vai xurdindo na medida das necesidades das mulleres e a Revolución. A muller asume tarefas importantes como a saúde, a educación, a produción, e esta última foi moi importante porque as mulleres querían involucrarse á produción, mais os homes retrucaban”.

Na humilde poboación de Cuba de antes do 59, existía un millón de subempregados, e unha masa enorme que non tiña traballo; a Revolución déullelo. “Cumprindo un prexuixo masculino, os homes preguntaban por que a súa muller ía ter que traballar, se el podía mantela. A Federación interviu en dous sentidos: primeiro, por un dereito da muller para se desenvolver como ser humano pleno; en segundo lugar, a Revolución precisababa esa forza. De feito, a integración da muller na  produción a máis dun dereito de xénero era unha necesidade do país. O aprecio das mulleres en por si e ante a sociedade, ascendía. O comezo foi polo traballo voluntario; A proposta de Vilma era crear conciencia a través do traballo e con esa conciencia, acometer novas tarefas. As mulleres decatáronse de poderen realizar calquera tarefa no campo, na cidade; mobilizáronse e foron protagonistas en Praia Girón e na Crise de Outubro; ocuparon os postos dos homes que se mobilizaron á fronte, e o Che; non atendían gabanzas e procuraban análises lúcidas e práticas e deuse o caso de as mulleres resolveren mellor que os homes que substituíran. A organización vaise construíndo dese xeito, mentres Vilma teima na vinculación coa base coma obxectivo principal ao tempo que promoves estudos e investigacións desde as primeiras tarefas; define o papel da familia e os conceptos de xénero na sociedade socialista”.

Unha obra de Vilma trata de como relacionar infancia e mocidade coa política socialista de educación para lograr unha maior vinculación entre familia escola. “Inculca o respecto á diversidade e á orientación sexual, á identidade de xénero, para evitar que sexa tratado coma algo marxinal á sociedade, senón como parte desta. O Centro de Educación Sexual xorde da Federación, e dende a organización desenvolve un labor de orientación e prevención social. Se en Cuba, sociedade segura, non existen altos índices delituosos, é en parte resultado da Revolución mesma, pero tamén é resultado dun traballo preventivo do que Vilma é promotora. Ela ten moito que ver coa imaxe que se ten no mundo da muller cubana, e co papel da Federación no ámbito non-gobernamental e gobernamental, onde a organización marcou pautas. As delegacións das mulleres cubanas participante en congresos internacionais despois de anos de Revolución, deron a imaxe de soños das mulleres no mundo convertidos na realidade das conquistas das mulleres cubanas; a posición de principios das mulleres e a Revolución cubana atinxiu o ámbito internacional”.

Contra as posicións conservadoras limitantes

A figura de Vilma foi recoñecida dentro da comunidade internacional de mulleres, cun enorme prestixio. “Non houbo sector da Revolución no que Vilma non incidise; Vilma chegou a dirixir paralelamente, por espazo de dous anos, un departamento de desenvolvemento do Ministerio da Alimentación, sen abandonar a batalla polo empoderamento e o desenvolvemento da muller en Cuba. A promoción da igualdade da muller e a loita contra a discriminación foron obxectivos práticos da Federación que combateu a idea de vedar determinados traballos ás mulleres baixo a escusa de protexelas. Contra as posicións conservadoras limitantes, a Federación primou a información e orientación contra as prohibicións”.

Yolanda Ferrer Gómez defendeu e agrandou o inmenso legado de Vilma. “Miramos polo seu maxisterio e lucidez, seu exemplo, e o que  herdamos do privilexio de tela acompañado. A súa confianza marcóu a miña vida tanto coma a atención de Fidel á Federación e a exposición  de novas tarefas. No segundo Congreso da FMC en 1974, Fidel resaltou a importancia do centro, o eixo das análises do Congreso é a batalla polo exercicio pleno da igualdade da muller. Un fito a lembrar foi a vontade expresada por centos de mies de mulleres de se integraren nas Milicias de Tropas Territoriais (MTT) cando foron creadas. Fidel acolleu resoltamente ese devezo igual que a creación do Servizo Militar Voluntario Feminino tamén solicitude das mulleres. Fidel e Vilma despediran o continxente de mulleres artilleiras que marchaban a defenderen Angola. Unha lembranza que ainda nos conmove. Outro momento que nos marcou a todos, á Revolución, foi o Período Especial, pero dentro del, todo o que a FMC fixo enfrontando aquela situación. Tamén a confianza que se depositou en min polas responsabilidades que asumín dentro da Federación e, sobre todo, o compromiso de continuar a obra despois de Vilma”.

A Federación é, na definición de Yolanda, a fronte que convoca ás mulleres revolucionarias para defenderen á Revolución e seguiren avanzando na batalla por eliminar todo vestixio de discriminación.  “O protagonismo das mullleres é unha das conquistas fundamentais da Revolución: o papel das mulleres, o nivel que elas ocupan, o seu protagonismo no proceso revolucionario. O camiño por andar é longo e debemos perseguir a xustiza plena, endebén podamos considerar extraordinario o que se ten avanzado. A Federación é a voz das mulleres na sociedade e constitúe o espazo para debatermos e concertar a nosa intervención dentro da Revolución e para identificarmos a especificidade dos problemas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *