Respaldo internacional para a carta de Ignacio Ramonet que reclama a Biden borrar a Cuba da lista de paises terroristas

Casa das Américas – Terra Sen Amos

A repercusión internacional da carta aberta escrita polo xornalista galego Ignacio Ramonet ao presidente dos EUA, Joe Biden, reclamando a exclusión inmediata de Cuba da lista de países patrocinadores del terrorismo, segue a medrar en todo o mundo. O nixeriano Wole Soyinka, Premio Nobel de Literatura  en1986, sumous a outras voces solidarias entre as que se contan loitadores de movimentos sociais, sindicalistas, intelectuais, artistas, profesores e xornalisas, indignados pola arbitrariedade deste inhumano proceder do goberno dos EUA, verdadeiro atentado contra a Lei Internacional.  A seguir, o texto da carta.

Señor Presidente Joe Biden:

Señor Presidente, o seu mandato presidencial remata dentro de poucos meses. Permítome escribirlle, con todo respecto, en nome dun número importante de persoas, movementos sociais, sindicatos, asociacións humanitarias e organizacións non-gobernamentais de todo o mundo que asinan comigo esta carta e que esperan un xesto de vostede para reparar unha profunda inxustiza cometida 12 de xaneiro de 2021 polo seu predecesor, Donald Trump, cando, a unhas semanas de abandonar a Casa Branca, resolveu (sen base legal nigunha) reinscribir Cuba na infame Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo (Lista SSOT, polas súas iniciais en inglés).

Como vostede sabe, Presidente, esa lista SSOT é un mecanismo de política exterior concibido pola Secretaría de Estado (ministerio de Asuntos Exteriores) dos EUA para sancionar aqueles países que “prestan insistente apoio a actos de terrorismo internacional”.

As consecuencias máis atroces derívanse do risco asociado a calquera tipo de axuda humanitaria, negocio, investimento e comercio que implique a Cuba e, por extensión, aos seus cidadáns. Por exemplo, aos cubanos con cidadanía estranxeira que reúnen os requisitos para unha exención do Sistema Electrónico de Autorización de Viaxe (ESTA, polas súas siglas en inglés) para viaxar a Estados Unidos, denegóuselles esendereito. Aos cubanos residentes na Unión Europea pecháronselles contas bancarias xa que, polo feito de estar o seu país na lista SSOT, eles son automaticamente considerados  “clientes de alto risco”. Moitos grupos relixiosos viron conxelados  seus fondos e bloqueados os envíos de axuda humanitaria á illa. As persoas que tentan facer unha transferencia de diñeiro por PayPal ou Wise a familiares en Cuba poden ver seus fondos conxelados e as súas contas bloqueadas. A maioría dos bancos néganse a procesar pagos cubanos e conxen mesmo as sumas de diñeiro destinadas a actividades humanitarias. A presenza de Cuba nesa lista SSOT limita, para os particulares, a apertura de contas bancarias no estranxeiro, o uso de instrumentos para cobranzas e pagos internacionais, o acceso á banca dixital, a contratación de servidores e servizos en liña e mil impedimentos máis.

Señor Presidente, a inclusión de Cuba nesa lista SSOT provoca, ademais, que os viaxeiros estranxeiros de países incluídos no ESTA que desexan visitar Cuba teñan que solicitar un visado especial no Consulado Xeral da Embaixada de EEUU no seu país de orixe. Esta política, implementada pola súa Administración, ten un impacto nefasto na industria turística de Cuba, un sector de decisiva importancia para a fráxil economía da illa.

Señor Presidente, como vostede sabe, todo isto vén engadirse ás terribles consecuencias do cruel e ilegal bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba que o Goberno do seu país mantén desde hai máis de 60 anos -descoñecendo a clara posición da Comunidade internacional e as sucesivas resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas -, co obxectivo de xerar unha situación de carencias e descontento na poboación que conduza a protestas contra as autoridades cubanas.

Semellante deseño agresivo, causante de tanta dor e tanto calvario para inocente poboación civil de Cuba, Señor Presidente, que atinxiu neste último decenio (como puido constatalo a súa propia esposa, Jill Biden, durante o seu percorrido pola illa en outubro de 2016) dimensións de castigo inhumano. O pobo cubano carece de acceso a moitos bens e recursos básicos: medicinas, alimentos, materiais de construción, fertilizantes, enerxía, maquinaria industrial, pezas de recambio que non se poden importar por figurar Cuba nesa lista. A onda migratoria actual cara a Estados Unidos, inédita na súa magnitude, é se cadra o exemplo máis ilustrativo do estrago e o sufrimento provocado polas medidas extremas e brutais contra a economía cubana derivadas tanto do criminal bloqueo como da inxusta inclusión de Cuba na infame lista SSOT.

Tampouco ignora vostede, Señor Presidente, que, en maio de 2024, o Departamento de Estado tomara a decisión de retirar a Cuba da lista de “Estados que non cooperan na loita contra o terrorismo”. Unha decisión acertada e xusta. A pesar diso e de maneira contraditoria, incongruente, confusa e inxustificábel, a súa Administración insiste en manter a Cuba na lista SSOT, a dos Estados patrocinadores do terrorismo. Como é posible afirmar, ao mesmo tempo, que Cuba coopera na loita mundial contra o terrorismo, e, paralelamente, acusar á Habana de patrocinar abertamente o terrorismo? A mellor maneira de clarificar esa contradición, é tirar Cuba, de inmediato, da lista SSOT.

Señor Presidente: nunha iniciativa de xustiza e lucidez política, a Administración do presidente Barack Obama, da cal vostede formaba parte, retirara Cuba desa lista miserábel en 2015, paso moi positivo para forxar, por fin, unha relación máis construtiva coa Habana. Durante o Goberno de Barack Obama, sendo vostede Vice-Presidente dos EUA, foi real a oportunidade de avanzar cara a unha normalización das relacións diplomáticas entre dous veciños con sistemas políticos diferentes pero dispostos a se entenderen en base ao respecto mutuo.

Non é novo para o Señor Presidente que Cuba sempre denunciou e combateu o terrorismo; endexamais lle prestou apoio nin patrocinio. Nunca o practicou. Dende hai 65 anos, mália tensións que puideron existir entre os EUA e Cuba, non lle hai evidencia dun só caso de acción violenta no territorio estadounidense que fose apadriñado, directa ou indirectamente, pola Habana. Nin un só caso! Pola contra, Cuba foi un dos países máis atacados por organizacións terroristas. Máis de 3.500 cidadás e cidadáns cubanos morreron en atentados cometidos por grupos terroristas finanzados, armados e adestrados por organizacións violentas con base, nos máis dos casos, nos EUA. Un mundo ao revés. Vostede sábeo.

Ao señor Presidente  non lle falta evidencia de que incluíndo -inxustamente- a Cuba nesa lista SSOT estalle a aplicar ao país e a toda a súa inocente poboación, numerosas e dolorosas medidas unilaterais de castigo. Nunca deixou Cuba de promover a paz, como confirma a iniciativa de Gustavo Petro que, a pouco de ser elexido Presidente de Colombia, retirou a solicitude de extradición dos dirixentes do ELN como parte da súa iniciativa de “Paz Total”. A Habana, pola súa banda, aceptou ser de novo anfitrión e garante das conversas de paz entre Bogotá e o ELN. Non descoñece vostede, que grazas á intermediación de Cuba, o 9 de xuño de 2023, na Habana, o presidente Gustavo Petro e Antonio García, comandante guerrilleiro do ELN, déronse a man nunha reunión onde se acordou, por primeira vez, un punto da axenda pactada e un cesar o fogo bilateral que constitúe un paso histórico cara ao silenzo das armas e a paz definitiva en Colombia. Un alto o fogo que, por certo, renovouse na Habana seis meses despois, tras cruciais xestións do Goberno cubano. Logo de meses, Cuba acolleu unha nova proposta do Goberno de Colombia de ser garante e sede alternativa doutro proceso de paz, esta vez co grupo armado rebelde Segunda Marquetalia.

Señor Presidente, Cuba non só é promotor da paz senón que, como ningún outro país do mundo, promove a saúde. No curso do últimos vinte anos, A Habana enviou máis de 600.000 profesionais e técnicos sanitarios a uns 165 países. Isto aliviou o sofrimento de moitos enfermos e salvou a vida a millóns de persoas en todo o mundo.

Cuba, señor Presidente,  non só promove a paz e a saúde senón que, como ningún outro país, fomenta a educación, como constatou a propia UNESCO en repetidas ocasión. Miles de mestres e de profesores cubanos interviron en decenas de países para erradicaren o analfabetismo e impulsar a escolarización de millóns de nenas e nenos. Iso é, precisamente, a antítese de promover o terrorismo.

En 2021, Señor Presidente,  a pouco de vostede se instalar na Casa Branca, varios altos funcionarios da súa Administración prometeran que revisarían a inclusión de Cuba na lista SSOT. En outubro de 2022, o seu propio Secretario de Estado, Anthony Blinken, reiterou esa promesa. En 2023, corenta e seis Congresistas, moitos deles demócratas, remitíranlle unha carta na que lle requerían o cumprimento da súa promesa. En xuño de 2024, durante o 56 período de sesións do Consello de Dereitos Humanos da ONU, nunha declaración conxunta, nada menos que 123 países esixíronlle o mesmo ao seu Goberno. Promesas e demandas de tanta importancia non deron conseguido nin un paso da súa Presidencia para rematar a descomunal inxustiza cometida contra Cuba.

Esta situación ten que rematar, Señor Presidente. Vostede sábeo. Non hai nin un só argumento consistente nin razoábel para acusar a Cuba e manter á súa poboación baixo tan ilegal e inhumano castigo colectivo. Vostede ten autoridade para, antes de abandonar a Casa Branca, corrixir ese cruel absurdo e retirar Cuba da lista SSOT. Fágao xa!

Coa esperanza de que saiba vostede, Señor Presidente, estar á altura deste momento histórico e atenda este pedido, despídese respetuosamente de vostede,

Ignacio Ramonet

Versión en Galego de Erea del Rio Iglesias.

As persoas que queiran suscribir o documento pode facelo no seguinte enderezo casadelasamericas2024@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *