O exemplo de ouro de Andel, que non podemos perder

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

Vaise unha libraria de Letras Galegas e un espazo de relación arredor do país e do rio grande da escrita, das cántigas medievais, do xornalismo airado de Lamas Carvajal, de Eça de Queiroz, do Sar de Rosa, de Eugénio de Andrade, do Arnoia de Ferrin. Mais non nos pode compensar a visión pesimista dun tempo que estraga só o que nos pertence, de maneira que, se no libro maior da Reacción aparece un apunte de fracaso, faremos o preciso para nun tempo breve probar o contrario. Andel non foi nunca un supermercado de letra impresa, senón un espazo para relacionar intelixencia, ideas, critica, autores, experiencia lectora e o idioma, en Galiza e no mundo. Nunha cidade obreira na que o poder relea os tempos de encontro para alén das oito da tarde, e frustra a participación das persoas suxeitas a horarios de traballo de dia, a xenerosidade persoal de Concha e Xaime Nogueira non deixou de prover veladas memorábeis no Andel, arredor dunha narración nova, de poesía, historia ou plástica. Polo tanto, ben certo é que a biosfera perde cando unha libraria pecha, probabelmente máis que co diámetro medrado do maldito burato do ozono, mais, a diferenza do que non permite a estratosfera, nós podémonos servir sempre do modelo de Andel. Un Estatuto Autonómico que nacera coa promesa de primar a Cultura e a Lingua, maltratadas dende o Medioevo e defendidas até hoxe polo pobo cun heroísmo que non ten réplica no mundo, aparece agora entregado ao transvase de orzamento para a clase privilexiada mentres nega recursos para recuperar o idioma e a escrita. A experiencia de Andel entréganos instrumentos para desafiar tamaña aldraxe. Para unha asociación activa dende hai case corenta anos (lucidez dos fundadores) coma a Francisco Villamil, será case imposíbel recoñecer atrancos materiais e políticos máis altos ca os que houbera de remontar a Revolución Cubana. Grazas a Concha e Xaime Nogueira por nos legar o exemplo de ouro de Andel que non podemos de ningún xeito perder.

Cristina Escobar, popular presentadora do programa Mesa Redonda na TV Cubana, fala en Andel no 2015. Á súa beira, a actual presidenta Erea del Rio, que actuara como moderadora do coloquio.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *