Terra Sen Amos – Redacción
O feito de o Voceiro da Hispanidade recomendar como paradigma de progreso, dende a súa páxina editorial, o governo corrupto e usurpador de Batista e cualificar Cuba actual de desolación absoluta dá lugar a unha carta de resposta de Eugenio Martínez Enríquez, embaixador de Cuba en Madrid, que acusa ao diario de non informarse sobre a actualidade e ignorar, por exemplo, a realidade de máis de 52 universidades levantadas pola Revolución Cubana para centos de miles de cubanos e extranxeiros; máis de 230 institucións de ciencia e tecnoloxía, que producen, entre outros medicamentos, 338 específicos rexistrados contra o cancro, 261 biofármacos e outros 900 en ensaios clínicos, unidos aos que xa en uso garanten altos índices de saúde ao povo cubano e expórtanse a todo o mundo por centos de millóns de euros.
Martínez Enriquez pregunta como pode o diario “utilizar a guía de teléfonos da Habana de 1958 para medir o desenvolvemento comparativo do país e para afirmar sen fontes, estudos, nin presenza en Cuba, que as institucións cubanas son opacas e ignorar o informe da organización Transparency International que coloca Cuba entre os primeiros paises menos corruptos de América Latina, só por detrás de Uruguay, Chile e Costa Rica”.
A carta de réplica recorda as palabras do presidente John F. Kennedy ao avaliar Cuba de 1958: “Coido que non hai un país no mundo, incluso nos países baixo dominio colonial, onde a colonización económica, a humillación e a explotación fosen peores cas de Cuba, debido á política do noso país, durante o réxime de Batista”.
Sobre a afirmación do editorial de que “sen ningún xénero de dúbidas, a economía da illa estivo en realidade nunha recesión permanente desde o inicio da Revolución” Martínez Enriquez cita que o ingreso per cápita en Cuba de 1958, un ano antes do inicio da Revolución, era igual ao de 1947 , o Departamento de Comercio dos EUA daba conta en 1958 dun paro en Cuba do 35% da poboación, 650 mil persoas da que 450 mil éranno permanentemente.
Á conta da comparación da guia telefónica de Cuba en fins dos 50, que o diario anuncia superior en negocios á actualidade, a carta cita os números de contacto de Fulgencio Batista Zaldívar, cabeza de lista dos corruptos latinoamericanos, que figura na guía como propietário de nove centrais azucreiras, dúas refinerías, dúas destilerías, un banco, tres aerolíñas, unha fábrica de pasta de papel, unha empresa inmobiliária e outra de transportes, unha produtora de gas, dous moteles, cinco emisoras de radio, unha emisora de televisión, varios xornais e revistas, unha fábrica de materiais da construción, unha navieira, un centro turístico, varios inmuebles urbanos e rurais, varias urbanizacións e outros intereses. Esta mesma guia do 58 non podia ser consultada polo 25% da poboación falla de instrucción básica, só corrixida en 1961; se cadra, o directorio telefónico valerialles ao 45% dos nenos que daquela non ían á escola, para intentar atopar explicación ao espectáculo estarrecedor de 10 mil mestres en paro e os seus fillos sen instrución. Hoxe, na desolación permanente de Cuba hai unha guía telefónica cos datos de case 300 hospitais e perto de 500 policlínicas, ás que apenas chaman os pacientes, porque poden acudir libremente sen temor a non dispoñeren de seguro médico ou diñeiro para o tratamento.
“Batista, quen por certo morreu plácidamente en Marbella e cuxos restos descansan no cemitério de San Isidro de Madrid -sinala tamén o embaixador- enriqueceuse e preparou esa guía telefónica mentres torturaba e asasinaba a miles de mozas e mozos cubanos. A que número telefónico poderian chamar en 1958 para denunciar o asasinato dos que aparecian no abrente aforcados nas árbores de Cuba?”
No remate da carta, Martínez Enríquez declárase convencido de que o citado no editorial, “non será o que viron os máis de 150 mil españois que este ano viaxaron a Cuba, entre eles máis de 2 mil para facer negocios, e teño por seguro que as súas calumnias non poderán deter a vontade dos cubanos de construíren seu propio destino, próspero, sostibel e socialista”.