Xosé Mexuto – Sermos Galiza
Obama vai a Cuba e certifica así unha mudanza histórica nas relacións da potencia imperial coa súa outrora colonia. O extraordinario desta visita é que a maior das Antillas non se viu obrigada a facer ningunha concesión relevante para obter o perdón do comandante en chefe. Non, é máis ben que nos EUA de cando en vez aparecen sinais de vida intelixente e o que fai aquí o Imperio é mudar de táctica -despois de 5 décadas de fracasado acoso-, sen alterar en absoluto os obxectivos estratéxicos -fortalecer as tendencias contrarrevolucionarias no interior da Illa co obxectivo de restaurar plenamente o capitalismo.
Xa haberá tempo para avaliar os 8 anos de mandato de Obama, mas está claro que no mellor do seu legado estará o restabelecimento das relacións diplomáticas com Cuba -desde o recoñecimento tácito ao direito da Habana a se dotar do sistema político e económico que tiver por conveniente- e o desxeo co Irán. Isto non significa en absoluto que o Imperio deixe de ser iso, unha estrutura de dominación global, porén si indica que hai sectores no corazón do sistema que son conscientes de que a solución bélica ou a guerra económica non son sempre as mellores armas de conquista.
E Cuba? Non sen contradicións, e con cada vez maior presenza de capital estranxeiro no interior da súa economía, mantén a aposta nun modelo económico, social e político alternativo ao capitalista, coa satisfacción das necesidades humanas básicas -eses dereitos humanos que se desrespeitan por toda a parte, mesmo no Occidente abastado- como principal norte.
Nota a rodapé: Obama vai a Cuba, Hollande recebe a Raúl Castro e, mentres tanto, o Estado español (e, of course, a colonia galega) perden pé na Illa a consecuencia da política sectaria, cega e revanchista do PP.
Artigo publicado na capa do dixital Sermos Galiza 20.02.16. O seu autor, Xosé Mexuto, é director do diário.