O congreso da solidariedade con Cuba aborda en Sagunto medidas contra a censura imperialista

Prensa Latina – TSA

A función dominante das redes sociais no relevo de editoras de diarios, axencias de información e noticiarios de radio e TV, e a produción incesante de noticias falsas (fake news) ou unidades de comunicación social intervidas e manipuladas en orixe para poderen transmitir conceptos nesgados e frecuentemente antitéticos da actualidade, foron debatidos nas primeiras xornadas do XVI Encontro Nacional de Solidariedade con Cuba no Estado Español, celebrada en Sagunto, Valencia) e organizada polo Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) A xornalista  cubana Rosa Miriam Elizalde, celebrada dentro e fóra de Cuba, e outro tres nomes da información internacional seguidos a  ambas beiras do Atlántico, coma Ignacio Ramonet, Pascual  Serrano e José Manzaneda, abordaron a esperpéntica disparidade entre a realidade cubana e os seus problemas obxectivos e a súa versión noticiábel dominante.

De esquerda a dereita, José Manzaneda, Rosa Miriam Elizalde, Pascual Serrano e Ignacio Ramonet

Tanto Rosa Miriam como os tres xornalistas que a acompañaban na mesa referíronse ao difícil que é botarlle unha man ás verdades noo medio dunha batalla tecnolóxica desigual e cun enfoque enormemente agresivo contra Cuba. Ramonet lembrou que o ex presidente Donald Trump atinxira 153 millóns de seguidores nas súas redes, o que lle levou a desprezar en mitos casos o uso dos medios habituais, sen nin sequera tomar en consideración as demandas de presenza na televisión, tan valoradas polos gabinetes presidenciais en todo o mundo.

Para Rosa Miriam Elizalde, as trapelas e trolas que paga e corrompe o goberno dos EUA como complemento do bloqueo son de carreira curta, coma a maioría  das mentiras, mais operan por cantidade por asfixiar a Cuba e elevar o cerco económico para consumiren a paciencia da poboación da illa. Mentiras e enormes sumas de diñeiro (mil milóns de dólares na última década) co propósito declarado de tumbar o goberno socialista. Este orzamento da USAID daría solución a problemas de Cuba causados polo bloqueo, porén se perda a diario en propaganda dos EUA.

A xornalista cubana, de longa experiencia nestes temas, apelou ao exemplo da campaña polos supostos ataques sónicos que se daban en Cuba contra diplomáticos estadounidenses, nunca demostrados, pero que serviran de pretexto a Trump para sumar 243 medidas ao bloqueo.

Pascual Serrano, comentou que na actualidade o capitalismo perdeu toda vergoña e admite que falencias e fracasos do sistema son de inferior importancia que os males que poderían producir solucións políticas alternativas.

Na primeira e segunda xornadas do Encontro, foron estudadas iniciativas para sumar forzas solidarias e estratexias fronte ao bloqueo de Washington.

As mesas de traballo contaron coa colaboración do eurodiputado español Manu Pineda, da vicepresidenta primeira do Instituto cubano de Amizade cos Pobos (ICAP), Noemí Rabaza, e do embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina.

Cuba, a sorprendente

Ningunha vontade foi excluida na construción do Novo Código das Familias de Cuba, aqui descrito polo caricaturista Martirena.

Farruco Sesto – Correo del Orinoco

De Cuba é imposíbel non namorar para sempre. Afirmación que fago dende o sentimento, pero tamén dende a razón, a partir da miña propia experiencia. O meu con ela comezara hai ben tempo, cando mal tiña quince anos, como un amor de mocidade dos que permanecen vivos e non esquecen nunca.

Toda unha vida entregada a este asunto de amor, e nunca defraudada. Nin un só intre de dúbida, nin dela, nin de min mesmo, nin dos lazos cos que voluntariamente amarrei a ela o meu espírito rebelde, a miña posesión máis valiosa.

Nunca me asaltara desencantamento polos seus dirixentes , polo seu pobo, ou pola súa revolución que chegou para quedar.

Porque Cuba é moi especial. Sempre excepcionalmente fermosa, con esa fermosura do auténtico, do singular.  Saben? Cuba éncheme a alma. Ou por que non dicilo doutra maneira, en colectivo?: Cuba énchenos a alma. E a cada momento sorpréndenos.

Cuba, a sorprendente, sería, paréceme, unha boa maneira de chamala, digo, se houbese que porlle un adxectivo para cualificala. Pois logo de máis de sesenta anos de bloqueo imperialista, séguenos emocionando, conmovendo, cativando, marabillando, coa súa imaxinación rebordada de humanidade, a súa capacidade de resistencia insubornábel, e un exercicio permanente de decoro, pouco menos que insólito, co que escrebe a historia paso a paso dende o acontecer diario.

Declaración que fago dende o amor que lle profeso, que non é un amor cego senón en constante posta a proba e reafirmación, para destacar o efecto de admiración e compracencia que me produce agora unha lectura rápida do CÓDIGO DAS FAMILAS, sometido a consulta especializada no ano 21, e a unha ampla consulta popular entre febreiro e abril deste ano, e que despois de ser apoiado maioritariamente en referendo nacional, foi aprobado pola Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba.

Pódese ler completo na edición ordinaria da Gaceta Oficial de la República de Cuba, N.º 87, do 17 de agosto de 2022, que puiden baixar por internet.

Prégolles que lean, que non o perdan, aínda que sexa nunha lectura rápida como a miña. E,  a quen tiver un interese especializado no tema, abordalo como documento de estudo e aprendizaxe. É algo extraordinariamente valioso, ao meu xuízo. Unha aportación substancial á cultura humana, dende esta illa máxica e sempre sorprendente, elaborada dende a súa propia realidade, a partir da dignidade e o humanismo como valores supremos, e que debe ser tomado referencia e exemplo.

Aprendín dos meus mestres que toda revolución verdadeira non é, no fondo, senón un cambio profundo e irreversíbel das relacións humanas. A sociedade cubana demóstrao máis unha vez.

Tradución ao Galego de Adela Roade para TSA.

A solidariedade dos EUA pide a Biden a suspensión urxente do bloqueo para Cuba poder reparar a desfeita do ciclón Ian

The New York Times – TSA

A organización solidaria estadounidense The People’s Forum (TPF ) inseriu domingo 2 no diario The New York Times, un cartáz titulado Pola reconstrución de Cuba: chamada urxente  para o presidente Biden” O anuncio require ao titular da Casa Branca que poña fin ao bloqueo no que veñen termando dende 1961 doce presidentes nun espectáculo ininterrompido de crueldade, un verdadeiro aldraxe aos dereitos humanos de parte do pais máis armado do planeta e dotado de influencia económica excepcional, contra unha illa menor ca o veciño Estado da Florida e carente de recursos. Nun texto que está a ser reproducido por diarios e noticiarios dos 50 Estados, TPF denuncia o castigo multiplicado contra a illa durante a presidencia de Trump,  agravado polo paso do furacán Ian, por riba de o bloqueo impedir mantementos básicos nos servizos e importación de medicamentos e víveres.

“Que Cuba poida reconstruirse: aviso de urxencia para Biden”

O momento crítico do ciclón na súa deriva polo Caribe, foi caer sobre o occidente de Cuba, co agravamento de sistemas previamente danados polo ilegal cerco. A TPF di que Cuba precisa reparar instalacións e servizos completamente destruídos ou gravemente danados e que iso só será posíbel se os EUA restitúen a illa o seu dereito a comprar materiais e repostos. A organización prevé o empeño da presidencia dos EUA en competir cos seus antecesores en crueldade no bloqueo e para iso precisa que débese respectar o dereito da illa “cando menos nun tempo excepcional de seis meses”.

“Malia a ben coñecida disposición de Cuba para afrontar  desastres naturais, o dano deste furacán foi inmenso –explica o texto da TPF- na provincia occidental de Pinar del Río, famosa pola súa produción de tabaco, máis de 5.000 leiras foron destruídas; en vilas coma San Luís, os danos afectaron ao 80% das casas”.

O feito de Trump incluir Cuba na lista de patrocinadores do terrorismo, tomando como pretexto o ofrecemento do goberno socialista para o poder colombiano dispor da illa para as conversas de paz coa guerrilla, o texto do anuncio insta a cesar esta operación de castigo plenamente artificial para poder o goberno socialista recibir do resto do mundo materiais precisos para a reconstrución.  O chamamento recorda que o castigo do cerco imposto polo goberno de Washington é unha barreira para o mundo non poder axudar ao pobo de Cuba. “Son políticas obsoletas da Guerra Fría as que impiden ao mundo axudar ao pobo cubano a poder reconstruír seus fogares, reparar a rede eléctrica, dispor de auga limpa e acceso a alimentos”.

A organización norteamericana que publica o chamamento insiste na emerxencia e excepcionalidade da suspensión do bloqueo e cualifica a Cuba de veciño ao que todo o mundo quer axudar.

Versión en Galego de Áurea Carvalho.

Ventos solidarios de Venezuela e México para axudar Cuba tralo paso de Ian

TSA – Axencias

Casas volteadas, teitos pendurados encol de restos doutras vivendas arrincadas de cachón,  postes da luz a ras das estradas, augas empozadas sobre viais. O paso de cabalo dos ventos de furacán de Ian, con 250 quilómetros hora, trocaron os límites das paisaxes humanizadas na zona occidental de Cuba, empeñados en Pinar del Rio. Os presidentes de Venezuela e Mexico adiantaron o seu propósito de axudar a superar os danos sobre outra serie de contactos e demandas de información de todo o mundo sobre as pegadas do furacán. “Todo o apoio e solidariedade de Venezuela para o pobo de Cuba e o presidente Diaz Canel, fronte estragos e danos do meteoro Ian”, manifestou o presidente Maduro. A ONU ofreceu intervir na medida dunhas forzas que prevé escasas e demanda información detallada de danos.

A recuperación do sistema eléctrico, suspendido polo paso do furacán, atinxiu o 72% da illa ao cabo de 24 horas.

Directivos da Empresa Eléctrica informaron na madrugada da Quarta que o 72%  do servizo eléctrico fora recuperado; o curso escolar poderá recomezar na Segunda dia 3; a normalización do transporte marítimo demorará debido aos danos rexistrados no porto de Batabanó. Nas 72  horas do paso de Ian, os encoros do país acumularon 30 % da media histórica do mes.

O voto acolle en Cuba unha lei de futuro e esperanza

TSA  – Axencias cubanas

No referendo do Código de Familia de Cuba, a participación foi de 6.251.186 votantes, un 74,01% do censo; os votos a prol foron 3.936.790 o que representa un 66.87% dos emitidos; o 33,13% votou non. O 94% dos votos depositados foron considerados válidos. A nova Lei foi referendada na Segunda 26 polos presidentes do Goberno e da Asemblea como código necesario de inclusión, de dereitos e oportunidades e xustiza social; de esperanza e protección para todas as persoas en situación de agravio comparativo ou acredoras de compensación, atención ou resarcimento dentro da familia. Ao se converter en Lei, logo dun impecábel proceso de debate intenso e aberto e de consulta, foi definida como lexislación da esperanza para desterrar as práticas discriminatorias e dar normalidade a eleccións de convivencia que non por seren diferentes carecerán de dereito e liberdade. Afecto e respecto da dignidade guiarán en todo caso as escollas protexidas.

Imaxe coa que o diario Granma ilustra en Terza Feira a nova da aprobación da Lei de Familia

O presidente Diaz Canel dixo que o proceso era unha vitoria da nación e que infundía forzas para enfrontar un ciclón, alegoría da tormenta tropical medrando para furacán na beira de Pinar del Rio. Esteban Lazo,  presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular, asegurou que entre todos os textos legais que en moitos anos pasaran pola súa mesa, o Código de Familia era un feito maior de xustiza popular e unha vitoria para a patria e o socialismo.

 Recordou Diaz Canel que o referendo da nova Lei sucedeu en orde e igualdade nunha nación cercada, axexada por atrancos de toda clase e baixo a teimosa metralla dunha guerra mediática alimentada polos dólares de excepción do bloqueo. “A guerra non convencional contou con recursos millonarios para espallar opinións adversas e inducir un voto negativo; mais fracasaron fronte a vontade expresada no voto da maioría”.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook