TSA – Axencias cubanas
No referendo do Código de Familia de Cuba, a participación foi de 6.251.186 votantes, un 74,01% do censo; os votos a prol foron 3.936.790 o que representa un 66.87% dos emitidos; o 33,13% votou non. O 94% dos votos depositados foron considerados válidos. A nova Lei foi referendada na Segunda 26 polos presidentes do Goberno e da Asemblea como código necesario de inclusión, de dereitos e oportunidades e xustiza social; de esperanza e protección para todas as persoas en situación de agravio comparativo ou acredoras de compensación, atención ou resarcimento dentro da familia. Ao se converter en Lei, logo dun impecábel proceso de debate intenso e aberto e de consulta, foi definida como lexislación da esperanza para desterrar as práticas discriminatorias e dar normalidade a eleccións de convivencia que non por seren diferentes carecerán de dereito e liberdade. Afecto e respecto da dignidade guiarán en todo caso as escollas protexidas.
O presidente Diaz Canel dixo que o proceso era unha vitoria da nación e que infundía forzas para enfrontar un ciclón, alegoría da tormenta tropical medrando para furacán na beira de Pinar del Rio. Esteban Lazo, presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular, asegurou que entre todos os textos legais que en moitos anos pasaran pola súa mesa, o Código de Familia era un feito maior de xustiza popular e unha vitoria para a patria e o socialismo.
Recordou Diaz Canel que o referendo da nova Lei sucedeu en orde e igualdade nunha nación cercada, axexada por atrancos de toda clase e baixo a teimosa metralla dunha guerra mediática alimentada polos dólares de excepción do bloqueo. “A guerra non convencional contou con recursos millonarios para espallar opinións adversas e inducir un voto negativo; mais fracasaron fronte a vontade expresada no voto da maioría”.