“Mans fóra de Cuba” berra a solidariedade en Compostela

Luisa Cuevas Raposo (Cubainformación) – Terra Sen Amos

A solidariedade con Cuba ergueu a voz unida, martes 20 no Toural de Compostela en convocatoria de emerxencia contra a ofensiva dixital externa, promotora dunha falsa imaxe de revolta popular que o fracasado asediante da illa desde hai máis de 60 anos, o goberno dos EUA, espalla agora nos media dominantes coma proxecto humanitario. Os responsábeis do Bloqueo e de todas as carencias e dificultades económicas de Cuba, os EUA, invitan arestora a opinión internacional a sumarse a un chamado comando de salvación que sen arriar o Bloqueo interveña na illa coma antes fixera o Imperio en Iugoslavia e Nicaragua ou como tentou de a pouco desde a fronteira colombiana contra Venezuela. A concentración de emerxencia foi iniciativa do Colectivo Internacionalista Mar de Lumes, co apoio da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, e nela coreárose lemas contra o Bloqueo e o imperialismo e en defensa de Cuba e a súa Revolución.  “O imperialismo destrue paises; Cuba salva vidas”,  podía lerse nunha extensa faixa.

Cubainformación.

En nombre de Mar de Lumes, Oscar Valadares recordou que a recente ofensiva estaba dirixida contra a soberanía e independencia de Cuba e a clara vontade popular de seguir unha dirección propia; recordou que o ataque chegaba no medio dunha insólita crise sanitária e que, querendo vestilo de asistencia humanitaria, os causantes do bloqueo non buscaban senón aganar a illa e o seu pobo.  

“Non estamos hoxe aquí para negarmos as dificultades que atravesa Cuba –precisou­­- senón para proclamarmos en todo momento e lugar, fronte a mentira: esas dificultades non poden explicarse sen aludirmos ao bloqueo económico e comercial que procura aferrollar o país e paralisalo”.

Advertiu que durando o bloqueo máis de seis décadas e depois de encarnizar seu infame cerco sobre a Illa, a nova ofensiva do goberno dos EUA non procura mellorar a situación das persoas que o pasan mal en Cuba, senón aproveitar os problemas para convencelas de que poden sair do paso se entregan a soberanía e a liberdade e regresan á dependencia e á subalternidade.

“Como xa é habitual- proseguiu- nada disto é explicado polos grandes medios de comunicación (…) que coa súa ocultación sistemática dos logros cubanos, xogan un papel esencial na guerra por mobilizar o medo e o odio e por desactivar a solidariedade e a amizade entre os povos. Non podemos permitilo”. 

Recordou que Cuba, sen invadir, bombardear nin bloquear ningún país veciño é o lugar verdadeiro no que a educación e a sanidade son bens colectivos. “É ese país que pode afirmar que non ten crianzas a durmir na rúa; é o país que, no medio da maior crise sanitaria da historia recente, puxo seus propios medios a traballar para producir vacinas que subministrar ao seu povo e enviar ao resto do mundo; Cuba é o país cuxas misións médicas están en 28 estados de 4 continentes, e mesmo antes da pandemia de covid-19, onde fosen precisas. Ese país que mesmo ofreceu axuda á Europa e aos Estados Unidos, cuxos poderes ollan para ela por riba do ombro e promoven a suxa feira de mentiras ás que temos que asistir a diário.¨ 

Negando ao  imperialismo dereito a se vestir de axuda humanitaria e a empregar a dor e as dificultades para conseguir seus obxectivos de dominación, dixo que fracasarían cantos pretendesen que a solidariedade internacionalista ficase calada e na casa. “E, sobre todo, non han conseguir que o pobo cubano fique en casa e calado: Dicimos non!”

No acto foi anunciada para a vindeira Segunda, dia 26, fronte a estatua de José Martí, no paseo de Montero Rios de Vigo, ás 20,00, a comemoración do Asalto ao Cuartel Moncada, ao se cumprir o 68 aniversario daquel feito heroico que había arestar o proceso revolucionario cubano e a caída da ditadura de Batista. A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil chama a lembrar aquel feito heroico que tras dura loita realizou a independencia de Cuba e recorda que a reincidente campaña que o imperio lanza hoxe contra a illa, ao cabo de máis de 60 anos de cerco fracasado, está dirixida contra o valor de exemplo e coheréncia da Revolución Cubana, recoñecido por todos os paises do mundo na Asemblea Xeral da ONU.

“Ti dis que Cuba é un estado fracasado e ocultas o fracaso de 60 anos de Bloqueo” (Carta de Pérez Esquivel a Joseph Biden)

Axencias – Terra Sen Amos

Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz, recorda que Cuba non é ameaza para ningún país e require a Joseph Biden que acabe co bloqueo da illa. Exprésao asi nunha carta que recolle 19 de xullo Prensa Latina e na que recorda ao presidente dos EUA que a paz non se regala, constrúese coa vontade e esforzo das persoas e os pobos. “E a ti correspóndeche como xefe de Estado dun país con sinalado protagonismo na política mundial, ser construtor desa paz, buscar o ben, respectar os dereitos humanos dos pobos e á súa autodeterminación e soberanía, lamentábelmente violados a diário polos gobernos da túa nación até o presente”.

Pérez Esquivel é un dos promotores da campaña para a concesión do Nobel da Paz as Brigadas Médicas de Cuba. Na foto, un cartaz de agradecimento en Turín pola solidariedade cubana contra a Covid-19

O premio Nobel, nacido no barrio de San Telmo de Bos Aires de pais emigrantes de Combarro, defensor dos dereitos humanos, da autodeterminación e da Teoloxia da Liberación, repite a Biden a pregunta evanxélica de cómo se pode reparar no gaspallo do ollo alleo e non ver a trabe no propio, e convida ao titular actual da Casa Branca a reflexionar sobre a política dos gobernos dos EUA con Cuba, seus continuos ataques contra a illa e o criminal Bloqueo.

Noutro lugar da misiva fai gabanza de Barack Obama “que na parte final do seu mandato tivera a coraxe de viaxar a Cuba e de significar con aquel xesto para a Historia que a política de Estados Unidos coa illa non podía termar na agresión permanente e no asedio criminal”. Recorda que sen apoio parlamentar para arriar o Bloqueo, pechar a cadea de Guantánamo e pór fin as torturas na base ilegal dos EUA en territorio de Cuba, era reponsabilidade do Congreso desactivar as medidas represivas que violan todos os

dereitos e soberanía do pobo cubano.

En defensa de Cuba cercada, e vituperando a escalada de Trump por aumentar o castigo ao pobo e non permitir que quedase aberta a máis pequena fenda no Bloqueo, o pemio Nobel interpela a Biden: ¨Ten delicto que fales dos dereitos humanos e ameaces a Bolivia e Arxentina, bloquees Venezuela, sigas apoiando golpes de Estado no continente e que o ministerio de Exterior do teu goberno recoñeza a súa intervención no asasinato do presidente de Haití”.

“Cuba –recorda a seguir o autor da carta-  non é ameaza para ningún país senón exemplo de solidariedade cos pobos a través das súas Brigadas Médicas Henry Reeve, do Proxecto Milagre e do labor permanente no mundo xunto aos pobos que necesitan o apoio solidario para se desenvolveren e acadar vida digna. Ti sábelo ben, Joe, que Cuba nunca vai someterse á vontade dos EUA, á agresión, nin aos intentos de desestabilización social por máis que empregues as redes e os medios hexemónicos de comunicación; teñen unha capacidade de resistencia por riba de todas as agresións do teu goberno; é un pobo digno e con coraxe demostrada desde o triunfo da Revolución”.

A tensión da misiva non cede no seu estilo directo e reinvindicativo, ao lembrar a Biden que a humanidade vive momentos de dolor e desacougo por causa da Covid-19, que afecta a países ricos e pobres, con máis rigor para os segundos. “Termar no bloqueo a Cuba e a outros países é un crime de lesa humanidade, por todo o dano que causa á vida das persoas e os pobos. Ti dis que o sistema cubano é o dun Estado Fracasado, e ocultas que desde hai 60 anos soporta un Bloqueo inxusto e que foron os gobernos dos Estados Unidos os que de verdade fracasaron ao quereren sometelo e dominalo”. Pregunta a seguir se o propósito certo da súa presidencia é contribuír á paz e a unidade dos pobos “E se así for, de verdade, terás que rematar con valentía coas políticas opresoras do teu goberno e construír novos camiños de unidade e solidariedade en ben da humanidade. As persoas e os pobos teñen memoria; facer memoria ilumínanos o presente. Recollerás o que sementas e non esquezas, Joe, que ninguén pode sementar cos puños pechados: para  sementares, tes de abrir a man”.

Pérez Esquivel remata a súa carta a Joseph Biden (ao que se refire co diminutivo familiar Joe)  co seguinte voto: “Temos a esperanza de o pobo dos Estados Unidos, coma o resto do mundo, reclamar o final do Bloqueo. A democracia non se regala: constrúese coa vontade dos pobos e coa súa participación como protagonistas e construtores das súas vidas e da historia”.

Un exército de funcionarios dos EUA ocupados en facer sufrir a Cuba

Rosa Mirian Elizalde – La Jornada

En febreiro de 2020, os amigos do secretario da OEA, Luís Almagro e dos congresistas de Florida, entre selfi e selfi cos fachas máis aborrecibeis da dereita transnacional, lanzaron nas redes a campaña Crisis en Cuba: represión, hambre y coronavirus. Naquela altura non tiñamos en Cuba nin un só caso de Covid-19 na illa; alimentos e medicamentos non faltaban, como agora, malia os golpes diarios contra as finanzas, as sancións aos bancos, o cerco aos barcos con petróleo, o corte súpeto das remesas, a cancelación dos voos regulares e moito máis. O escritor cubano René Vázquez Díaz, lembra o exército de funcionarios gobernamentais estadounidenses que traballaron arreo, desde 1960, para facer sufrir até o indecible aos nenos cubanos, aos anciáns e enfermos, ás mulleres e aos homes dun país pequeno que xamais agrediu seu verdugo. Imaxínen a cantidade masiva de funcionarios que, agora máis que nunca, mantén ese oficio diario.



Julián Macías Tovar, especialista en comunicación dixital, denunciou que a operación lanzada en Twitter contra o goberno de Cuba, foi coordenada desde o exterior cos mesmos mecanismos e protagonistas presentes no golpe de Estado contra Bolivia en 2019.  A publicación do mapa de procedencia de sinais que denuncia as emisións principais  desde a Florida, foi interpelada cunha rabiosa campaña polas trincheiras mediática anti-cubanas.

Estamos a vivir unha guerra de información ao vello estilo dos falcóns que marmuran na orella dos presidentes dos EUA. Non empezou con Biden, hai que dicir. Desde 2017 non paran coa matraca dun estalido social en Cuba e sentencian a súa solución máxica: a intervención humanitaria. Trump, no entanto, bradaba a diario sancións adicionais ao bloqueo ( 243 para ser exactos) que a actual administración non revisou.

Calculen o que debeu custar esta guerra de espectro completo que opera no ciberespazo, onde conectan e cruzan todas as informacións dos operativos en tempo real para garantir que o estalido social pase do anuncio prosmeiro a algo que se lle pareza, sen mencionar para nada a man que abanea o berce sen parar. Sen citar, xa que logo, que a maioría da poboación cubana non participou nos incidentes e non aceptará, mal que lles pese, a tal intervención humanitaria e a compaña de bombas e marines que mandarán con eles.

Cando o goberno chamou ao defendermonos, redes sociais e medios transnacionais berregaron que o presidente Miguel Díaz-Canel era un criminal. Esquecéulles mencionar que non chamou ao exército a disparar aos cidadáns, nin ordeou arrincar ollos, nin usar mocas elétricas, nin tanques de auga con ácido, nin gases lacrimóxenos, nin ningunha outra arma que non fose o peito daqueles que si saben quen é o criminal nesta historia. Saíron a defender a Revolución, mesmo, antes de Díaz-Canel explicar na tarde do domingo o que acontecía e demandar sentido ás persoas que foron un día tras outro bombardeadas por mareas de información tóxica e mentiras de toda caste vía redes sociais. Sen ir máis lonxe, cando redacto estas liñas, CNN en español anuncia unha manifestación de apoio á Revolución dos traballadores do Ministerio de Economía, na Habana, coma se fose unha protesta antigubernamental. Para lle dar realismo abondo, acompañouna da canción Libertad, do empresario miamense Emilio Estefan.

O que non din é que hai case dous anos dérase a coñecer evidencia documentada da participación de empresas e sitios dixitais de Florida na organización desta campaña, con financiamiento do gobernos dos EUA. Tamén non falan do uso de sistemas de big data e intelixencia artificial de última xeración contra a illa, coma os que empregaron para xustificar o golpe de estado en Bolivia, por exemplo, e a presenza de cibertropas dixitais que coordinan accións nas redes e utilizan eses sistemas de intelixencia computacional para xerar unha ruidosa cámara de eco contra o goberno cubano.

O investigador español Julián Macías Tovar mostrou como estas cibertropas organizadas en Twitter amplificaron millóns de mensaxes e deron instrucións para o acoso coordinado a influencers co obxectivo de dar volume á etiqueta #SOSCuba. As tácticas utilizadas, propias de operacións de ciberguerra, estaban encamiñadas a xerar de maneira artificial a ilusión dun consenso a gran escala contra o goberno cubano a partir dunha operación de forza bruta nas plataformas sociais, minuciosamente planificada, que reúne todas as características da guerra irregular ou híbrida, de deseño estadounidense en tempos de Internet, na que xa levan unha experiencia acumulada de case 20 anos.

Cando en 2003 o Departamento de Defensa dos EUA declarou ao ciberespazo como novo territorio a conquistar, fíxoo para definir as operacións de network centric warfare, ou ciberguerra, descritas como “realización e preparación para levar a cabo operacións militares de acordo cos principios relacionados coa información. Significa perturbar, si non destruír, os sistemas de información e comunicación, definidos en termos xerais para incluír ademais a cultura militar, na que se apoia un adversario para identificarse: quen é, onde está, que pode facer, cando pode facelo, por que está a loitar, que ameazas contrarrestar primeiro, etcétera”.

Con informacións inventadas, mentiras e manipulación, buscan que os espectadores representen o papel de cómplices dun crime contra millóns de cubanas e cubanos.  Queren presentar como estalido social disturbios creados nos laboratorios estadounidenses. Hai moitas cousas que non se din de Cuba, mais,  sen dúbida, esta é a máis importante.

Cuba empraza a Twitter a explicar a súa intervención mercenária na revolta do dia 11

Axencias – Terra Sen Amos

A masiva campaña que activou por internet unha finxida intervención humanitaria en Cuba, foi lanzada por medio da rede Twitter desde un laboratorio mediático radicado na Florida, con uso de etiquetas, robots e trolls automatizados.  Os sistemas de xeo-localización das contas foron subplantados para pareceren orixinados en Cuba malia seren dos EUA. Bruno Rodríguez Parrilla, ministro de Estado (asuntos exteriores) de Cuba comparou a pretendida campaña humanitaria lanzada por EUA contra a illa, coa que a OTAN, con Estado Maior en Virxinia, organizara contra Iugoslavia socialista en 1999, desprezando cautelas da ONU, e que dera lugar ao masivo bombardeamento aéreo de Belgrado, descrito nos titulares da prensa dominante coma operación benéfica. Rodríguez Parrilla denunciou que a rede Twitter non aplicou seu fachendoso regulamento para impedir o uso demagóxico do sistema a prol de intereses imperialistas. A compañía norteamericana, tan requintada para a defensa das suas leis de uso, mantense en silenzo en beneficio dos intereses espúreos dos EUA.




Twitter intervén a prol de intereses mercenarios en Cuba

Rogelio Polanco, membro do Secretariado del Comité Central do Partido Comunista, recorda ter asistido en Venezuela exercicios previos do mesmo manual de combate non convencional ou híbrido dos EUA lanzado destora sobre Cuba . Chávez daba a este xénero de agresión externa o nome de mecha lenta de explosivo, que ardía con contaxio masivo da opinión e incidencia no económico e político, sabotaxes diarias e atentados contra persoas e instalacións clave. As chamadas guarimbas formaban parte do criminal proceso xunto con medidas coercitivas de carácter económico, comercial, financiero, para provocar carencias, necesidades e limitacións de recursos financeiros, farmacéuticos asi como ruptura dos mercados de alimentos. Recorda Polanco o intento, agora repetido na campaña contra Cuba, de introducción forzosa de axuda emerxente, con apoio táctico de tropa armada, pola fronteira de Venezuela con Colombia. O que agora dirixen contra Cuba “é parte dun manual aplicado en Medio Oriente, Europa e América Latina, unha estratexia intervencionista para derrubar o goberno con tácticas de loita non violenta para inducir inestabilidade e caos, provocar intervención das forzas de orde para poder presentalas como represión e violación de dereitos básicos que poidan servir como pretextos mediáticos para a revolta, presuntamente en defensa das liberdades e na realidade como colaboración cos agresores externos”.

O ministro de Estado de Cuba dixo que Twitter, como rede de aceso presuntamente aberto e garantido, estaba na obriga de explicar o feito probado de operadores políticos utilizar de maneira abusiva etiquetas, colectivos de robots e outros recursos automatizados na operación encamiñada a crear un estado de opinión contrario ás propias leis de Cuba.

A “Francisco Villamil” esixe o cumprimento da aclamación da ONU contra o bloqueo e pide solidariedade verdadeira co pobo cubano

Ante os recentes acontecementos en Cuba, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil esixe que o goberno dos EUA dea cumprimento á resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do pasado 23 de xuño que, por 184 votos contra dous, pediu, por vixésimo novena vez, o levantamento do bloqueo económico, financeiro e comercial que impón a Cuba, reforzado con 243 novas sancións nos catro últimos anos, ningunha delas levantada pola administración de Joe Biden.

A reacionaria campaña promovida polos EUA que acusa ao goberno de Cuba dos efectos causados polo ilegal bloqueo, non cita que a Asemblea da ONU reclamara de a pouco rematar co asedio da illa que xa dura máis de 60 anos.

Nestes momentos difíciles, con toda claridade, declaramos o noso apoio á Revolución cubana, ao seu pobo e o seu goberno, ante un novo intento de desestabilización política na Illa, aproveitando a actual situación de pandemia. E facemos un chamamento a participar en próximas accións solidarias que anunciaremos en breve.

Queremos denunciar, de maneira enfática, a manipulación nas redes sociais e medios de comunicación, que magnifica os incidentes acontecidos en puntos concretos da Illa, presenta imaxes de protestas ocorridas noutros países como ocorridas en Cuba, e silencia as decenas de actos espontáneos de apoio á Revolución que están, nestes intres, percorrendo a Illa.

É verdadeiramente cínico que os mesmos medios de comunicación que pasaron de esguello polos actos de represión policial, con decenas de mortes, en Colombia ou Chile, fálennos agora de “represión” en Cuba, onde as protestas foron respondidas, de maneira pacífica, por unha maioría que apoia o proceso revolucionario.

Os devanditos incidentes non son produto dunha “crise sanitaria”, como presentan @s que piden unha “intervención humanitaria” con evidentes fins políticos: a cifra de contaxios e falecementos pola Covid-19 na Illa, aínda que cun grave repunte en lugares como Matanzas, é moi inferior á dos demais países da área, como os propios EUA. As protestas están asociadas á aguda crise de desabastecemento (alimentos, combustíbel, medicamentos, transporte, apagóns eléctricos), produto da conxunción dos efectos da pandemia –o país leva, por exemplo, 16 meses sen ingresos polo turismo- cos dun bloqueo económico, financeiro e comercial, máis implacábel que nunca. O traballo en redes sociais desde o exterior, financiado polo propio goberno dos EEUU, pretende aproveitar a situación de penuria económica para conducila a unha situación de caos e desestabilización política, seguindo un patrón xa aplicado noutros países.

Queremos denunciar tamén outra das mentiras diseminadas: a dunha hipotética prohibición de entrada de axuda material ao país. Cuba está a recibir doazóns desde diferentes países do mundo. Lembremos a recente campaña basca de Xiringas para Cuba, que recadou fondos para a compra de 655.700 xiringas, dun total de máis de 10 millóns en toda Europa. E que, ante a actual situación, ampliamos.

Quen desexe colaborar coa compra de material sanitario, pode facelo, ingresando na conta de SOdePaz: ES42 1550 0001 2900 0350 9221 .

Hoxe máis que nunca dicimos “Biden, escoita ao mundo: Unblock Cuba!” E xunto ao pobo revolucionario cubano, berramos: “Patria ou Morte. ¡Venceremos!”

Tamén o MESC (Movimiento Estatal de Solidariedade con Cuba) fixo público un comunicado no que condena os reincidentes ataques contra a illa co gallo da situación de crise e carencias provocadas polo ilegal bloqueo económico, fianceiro e comercial que os EUA manteñen desde hai mais de 60 anos contra Cuba. “Este capítulo da campaña permanente contra a illa –dí a nota do MESC- forma parte da guerra que se lle fai a Cuba  e que agora se utiliza para desestabilizar o pais con desprezo das súas institucións e violando o Dereito Internacional”.

Mentres os medios dominantes silenciaron o labor solidario das Brigadas Médicas Cubanas Henry Reeve, as arrasadoras consecuencias do prolongado bloqueo económico imposto polos EUA ou o  feito de producir cinco candidatos vacinais contra a COVID-19, salientaron pola contra as dificultades da poboación cubana das que fan responsábel único ao goberno cubano. O MESC recorda que a recomendación, emanada dos EUA, dunha intervención estranxeira para prestar asistencia hipócritamente definida coma humanitaria a illa sitiada, é un ataque directo a soberanía de Cuba.

De asistir a illa contra o criminal ataque da acumulación do capital, desde os recuados tempos en que comezara o bloqueo, ocúpanse máis de 2.000 asociacións de solidariedade de todo o mundo, así como centenares de entidades de cubanos e cubanas residentes no exterior, que esixen respecto a soberanía e independencia de Cuba e acabar coa política desaforada do bloqueo de parte dos EUA.

https://terrasenamos.org/manifestacions-a-prol-de-cuba-acompanan-en-todo-o-mundo-a-nova-aclamacion-na-onu-contra-o-bloqueo/

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook