Apoiar Venezuela e Cuba, nacións irmás e referencia de dignidade

Venezuela conta xa con 3.100 Comunas establecidas polo goberno socialista e unha rede de 647 comercios dependentes que venden máis de 4 mil produtos procedentes das Unidades de producción Familiar (UPF) asi como a producción das propias comunas.

Farruco Sesto Novás – Nós Diario

En decembro tivemos as primeiras noticias do brote dun novo virus, como algo que comezaba a facerse notar nun lugar distante, alén dos mares. En principio non parecía especialmente ameazante nin perigoso. Catro meses despois, o mundo sofre unha pandemia que sementa masivamente a morte e paraliza e castiga a vida social, tal como a coñecemos, particularmente a vida urbana en case todos os países.

Ben mirado, isto no fondo non é senón un ataque feroz, desapiadado, contra a vida de cada día, causado por unha pequena partícula que, en moi pouquiño tempo, nos esnaquizou a cotiandade até extremos insospeitados. Non é certo?

Pero onde quero chegar, ao referirme aquí a estas circunstancias coñecidas por todos e por todos sufridas? Diréivolo con claridade: quero chegar ao tema de Venezuela, para que pensemos nela todos xuntos e nos solidaricemos co seu pobo, que sofre non só esa circunstancia común, senón ademais un ataque desapiadado por parte de EEUU e os seus países subordinados, incluíndo os da Unión Europa. A pandemia, no marco dunha guerra híbrida. Imaxinemos respecto diso que, se un pequeno virus, sen propoñerllo porque carece de conciencia, é capaz de afectar de tal maneira a vida social dun país, que non sería capaz de facer voluntariamente e con toda a súa forza de coacción despregada, un imperio, o máis violento e poderoso da historia, se se propuxese desencaixar a un pobo e rebentar a súa cotiandade para dobregar o seu ánimo e facelo render?

Pois iso, e non outra cousa, é o que lle ocorre a Venezuela, que non só debe atender a pandemia como os demais países, por certo con notable éxito até o de agora, senón que ademais ten que facelo mentres sofre na súa carne desde hai varios anos a experiencia da cruel guerra de novo tipo deseñada e posta en práctica pola elite norteamericana, coa complicidade vergoñosa dos poderes europeos. Guerra total que significa ataque mediático coordinado, brutal bloqueo económico, comercial e financeiro, intento de cerco diplomático, imposición de medidas coercitivas unilaterais, ameazas constantes de invasión, terrorismo e paramilitarismo organizado, planificación e execución de magnicidios, saqueo dos seus bens e contas no exterior, persecución contra os seus líderes e o seu goberno, e pare vostede de contar. Todo iso para lograr, como dicía máis arriba, esnaquizar até o límite do imaxinable a súa cotiandade co obxectivo de lograr a doma e castración da súa xente, cousa que non lograron nin lograrán xamais porque se algo lle sobra ao pobo de Venezuela é conciencia, dignidade e espírito de loita.

Pero fagamos o exercicio de imaxinalo nós por un momento. Imaxinemos a crueldade deste ataque contra a vida cotiá dun pobo, e as súas consecuencias reais, a partir de nosa propia experiencia destes días desde a declaración de alarma.

Imaxinémolo. Terrible asunto verdade? Pois é real no caso de Venezuela. E o peor de todo é que nestes momentos de grave pandemia xeneralizada, non só non alivian a presión senón que aproveitan para recruala, violentando as leis internacionais e, por suposto, atentando, eles si, contra os dereitos humanos individuais e colectivos. Unha acción criminal en toda regra que debería avergoñar as sociedades dunha Unión Europea que presume de avanzada, civilizada e democrática.

Chegados aquí, e de acordo ao que vin expoñendo, permítome solicitar o voso apoio a Venezuela, para esixir que cesen as mal chamadas sancións, non contempladas no dereito internacional.

Penso tamén que, en termos prácticos, unha boa maneira de manifestar esa solidariedade, sen descontar por suposto as expresións individuais de respaldo, é a través de comunicados das agrupacións sociais, culturais, deportivas, gremiais, veciñais, colectivos de intelectuais e artistas, asociacións, sindicatos, movementos e partidos aos que pertenzamos.

Poño o meu correo persoal á orde para recibir esas comunicacións de apoio a Venezuela e tamén a nosa querida Cuba, dúas nacións irmás referencias de dignidade. Grazas anticipadas. farrucosesto@gmail.com

*Farruco Sesto Novás foi ministro de Cultura do goberno venezolano e milita no Partido Socialista Unido de Venezuela.

“A humanidade conmóvese ante a miseria moral de Trump” (Salim Lamrani)

Berenice Sobral – Miami – Terra Sen Amos

Mandar un comando naval as augas de Venezuela sitiada ou aumentar o bloqueo de Cuba que loitan por se defenderen do Coronavirus, é a maneira de dialogar co mundo de Trump que, simultaneamente, estende, por primeira vez na historia, o estado de excepción a todo o territorio federal pola pandemia. Salim Lamrani, notario atento do Bloqueo, di que a humanidade conmóvese ante a falta de escrúpulos e a miseria moral do actual xefe da Casa Branca, que no canto de adicar todos seus esforzos e recursos a atender as vítimas da pandemia, prefiere facer a vida imposíbel a Cuba e Venezuela sitiadas. Hai quen dá o nome de asalto á razón o proceder da presidencia estadounidense, mentres outras voces ven no proceder de Trump a reacción violenta dun imperio en decadencia.

O ensaista Ariel  Dorfman, por exemplo, chama a Trump ignorante, mendaz, matón, racista e machista que celebra a predación da natureza; o historiador Max Boot, avisa nas páxinas de The Washington Post que coa súa catastrófica xestión fronte o Coronavirus, o titular da Casa Branca merece o título de peor presidente na historia dos Estados Unidos; The New York Times, di que mentres o mundo contén a respiración fronte a pandemia, o alarde militar súmase a una serie de decisións erráticas na política dos EUA contra Venezuela. O influinte Bill Gates, recorda que axudar aos demais no medio dunha emerxencia sanitaria non é só o que se debe facer senón o verdadeiramente intelixente, xa que, nunha pandemia, a cura dos demáis representa a garantía da propia salvación mentres que o maltrato a terceiros volveráse antes ou despois contra quen o produce.

O centenário The Atlantic, de Boston, explica que durante a a Recesión de 2007 a 2009, a economía sufrira unha perda neta de aproximadamente nove millones de empregos, no entanto a recesión da pandemia nos EUA propiciara en dúas semanas case 10 millóns de parados. The New York Times calcula que o paro xa é  do 13%, a cota máxima da Gran Depresión, hai 80 años.

The Atlantic dí que Taiwán, Singapur, Canadá, Corea do Sur, Xeorxia e Alemania atenderon a Pandemia con máis eficiencia e sufrirán muito menos. Corea do Sur e Estados Unidos descobreron os seu primeros casos no mesmo día. Corea do Sur rexistrara 8 de abril 200 falecidos o que significaba catro mortes por cada millón de habitantes; a dos EUA é seis veces peor.

En Trump súmanse a incapacidade de George W. Bush e a corrupción de Nixon, engade Max Bott no seu artigo do Washington Post, ao comentar a decisión do presidente de cesar ao director do sistema de información dos EUA como vinganza por ter revelado o seu intento de extorsión na Ucraína.

Para Lamrani é un insulto o matonismo do goberno dos Estados Unidos con un país como Cuba que extrema a súa conducta solidaria máis unha vez durante a pandemia actual. “Cuba -dí- ilustra a comunidade internacional sobre os principios que deberan imperar nas relación entre países: a solidariedade, a axuda mutua, o altruismo, a cooperación, o respecto da soberanía e a non intromisión nos asuntos internos”

Ex presidentes de 70 paises dirixen ao G20 unha proposta solidaria contra a pandemia, a crise económica e o bloqueo

Lorcan Collins – Nova York

Ex­‑presidentes e ex­-primeiros ministros de 70 paises, a beira de personalidades da economía e do dereito internacional, reclamaron na terza feira dia 7, en carta dirixida ao G20, unha resposta global contra a pandemia e medidas conxuntas para atenderen a prevista crise económica. A idea principal do manifesto é que non haberá solución para a emerxencia económica en portas sen resolver a crise sanitaria que non terá remate até non garantir a recuperación do Covid-19 en todos os paises. Para atender este cadro, reclaman a aprobación urxente dun fondo de emerxencia sanitaria de 8.000 millóns de dólares que será empregado para evitar unha segunda onda do Coronavirus asi como a amnistia de 44.000 millóns de dólares en demora de paises africanos. A urxente intervención internacional contra a pandemia, implica a superación das sancións vixentes de EUA, UK, UE e Canadá contra oito paises e a entrega da dirección da emerxéncia global a OMS.

Algúns dos asinantes da carta, participaran nesta xuntanza do G20 en 2009 en Londres.

Tanto o acordo dos asinantes de responsabilizar a OMS da administración do fondo de emerxencia contra a pandemia, como a evidente conversión do andacio en obxectivo superposto ao intervencionismo imperial, produciron alarma nos EUA que, sen citar a importante Carta ao G20, ameazaron duas horas despois con retirar a contribución de Washington a Organización Mundial da Saúde.  

Mália a relevancia dos asinantes, o documento non foi considerado de interese polos principais diarios dos EUA. Entre as persoas que endosan a proposta están o ex presidente da UE, Romano Prodi, os que foran primeiros ministros da UK, Gordon Brown, Tony Blair e John Major, o ex­-presidente Zapatero, o ex­-secretario xeral da ONU Ban Ki Moon, o que fora presidente  da UE, Romano Prodi e ex­-xefes de Estado de Irlanda, México, Colombia, Letonia, Polonia, Grecia, Panamá, Uruguai, Arxentina, Liberia e Italia, entre outros.

O 6 de abril, véspera da publicación da carta, o xefe da diplomacia da UE, Josep Borrell, pedira a exención humanitaria das sancións impostas contra Irán, Cuba, Venezuela, Siria e Corea del Norte para estas nacións poideren se centrar no combate contra a pandemia. Borrell non mencionou a Rusia, tamén obxecto de bloqueo de parte da UE, os EUA e Canadá, nin recordou Nicaragua ou a franxa de Gaza, sen medios para trataren os casos de coronavirus a primeira e a segunda en estado de sitio.

Dous dias antes, Estados Unidos, a UE, UK, Ucraina e Xeorxia bloquearan na ONU a proposta de Rusia para a Asemblea Xeral se solidarizar cos paises bloqueados e reclamar que lles fosen retiradas as sancións e poideren loitar sen interferencias contra o Covid-19. En virtude desta declaración solidaria da ONU, os Estados colaborarían entre eles e coa OMS. A teima bloqueadora imperialista foi cualificada na Asemblea de crime de lesa humanidade que despreza o Consello de Seguridade da ONU e manifesta unha submisión sen límites aos designios do goberno de Trump.

Sen dúbida, Cuba!

EUA negoulle atraque ao Braemar; Cuba acolleuono e prestoulle axuda.

Eddy Jiménez – Terra Sen Amos

En tempos de Covid-19, camións-cisternas con canóns de auga valen indistintamente en Latinoamérica para reprimiren manifestantes e para limpar rúas; en Cuba temos un problema: non che hai eses vehículos pois levamos máis de sesenta anos sen reprimir manifestacións.

De noite, resoan concertos de tixola nas cidades latinoamericanas en protesta por os gobernos desatenderen a saúde no medio do andacio; mais asi que chegan as nove da noite, en Cuba aplauden aos traballadores da saúde cubanos que, a máis de na illa, combaten contra o Covid-19 en quince países, á maiores dos máis de vinte mil que asisten enfermos en case todos os continentes.

Polo mundo adiante, asusta ver tropa militar nas rúas; en Cuba os hospitais militares atenden doentes e fan probas a quen presenta sinais de contaxio.

O trasatlántico británico MS Braemar , sen ter quen lle dese un porto de atraque, nin sequer  nos do poderoso veciño estadounidense e navegando con cinco persoas abordo diagnosticadas de Covid-19 e dúcias de sospeitosos de padeceren o virus, entrou no porto cubano de Mariel. Cuba non preguntou quen eran os viaxeiros millonarios e quen os humildes traballadores do trasatlántico; todos, por igual, foron auxiliados e transladados ao aeroporto, no medio de efectivas medidas sanitarias.

Case ao tempo destes feitos, varios aeroportos do Caribe negáronlle permiso para repostar a un avión da compañía alemá Condor,  que cubría un vóo humanitario de repatriación, con 221 pasaxeiros, dende Managua, Nicaragua, cara a Francoforte. Había ser a miña Cuba, en tempos de pandemia, a que lle dese pista e asistencia no aeroporto de Holguín para poder seguir rumbo seguro cara ao seu destino.

Nunca se poderá saber cantas persoas salvaron a vida no mundo grazas ao Interferón Alfa 2B Humano Recombinante, medicamento antiviral creado en Cuba e producido na nosa Illa e na China con tecnoloxía cubana, un dos fármacos máis utilizados contra o Covid-19, solicitado por máis de 45 países.

Millóns invisten as autoridades estadounidenses para desinformar sobre a realidade cubana, e, arestora, para desvirtuar e denigrar o apoio que brindamos, sen distingo ideolóxico, a calquera país que o solicite. Chegan até o cinismo de ameazar aos que piden axuda médica a Cuba. Dá noxo!

Cuba entende que salvando sálvase. É ese noso histórico sentir, non de agora senón dende o século XIX.

Non é meu propósito entrar en disquisiciones políticas; só digo que me sinto orgulloso de ser cubano. Se outravolta me desen escoller o sitio onde nacer, resoltamente e axiña, berraría: “Sen dúbida, Cuba”!

*Eddy Jiménez, xornalista e escritor cubano, amigo de Galiza.

CUBA E O ÉBOLA

Médicos cubanos en Liberia, entre a vida e o Ébola.

Ramón Fernández Leal – Terra Sen Amos

A chegada das brigadas médicas cubanas, primeiro a Italia,

logo a Andorra, fixo que aparecera coma nova con carácter

positivo algo referente a Cuba nos medios das potentes

corporacións sistémicas. Lendo a letra miúda, podíase

descubrir que unha parte das persoas expedicionarias

estiveran xa na epidemia do Ébola, en 2014. Tamén aí

descubrimos a cantidade de xente que descoñecía ese dato.

O 11 de xaneiro deste ano asistín, na “Casa da amizade” de

La Habana á presentación dunha nova edición en idioma

español e a primeira en inglés do libro “Zona roja” do escritor

e periodista cubano Enrique Ubieta, onde conta o que el viviu

coma expedicionario daquela epopea. Non pensei que ese

acto, emotivo, solidario, reivindicativo, viñérame tantas veces

ao recordo coma está a pasar agora nestes días.

O 8 de agosto de 2014 houbo unha petición expresa da ONU e

da OMS ao goberno cubano para a colaboración dunha

epidemia que matara xa a 2.400 persoas e que tiña

nalgunhas zonas unha mortalidade do 80%. Cuba envía unha

avanzada para preparar as condicións e o 2 de outubro

arriban a Serra Leoa 162 brigadistas médicos. Logo irán a

Liberia e Guinea Conakry outros 296.

Foi un feito sen precedentes na historia da humanidade. Un

pequeno país, asediado polo imperio máis armado da historia,

vai prestar axuda a miles de quilómetros cunha cantidade de

persoas equivalente ao que o resto do mundo proporciona.

Nunhas condicións nas que a vida valía ben pouco, con

temperaturas de 50º, a expedición cubana logrou baixar esa

mortalidade do 80% ao 22%. Unha das loitas máis

complicadas era a de lograr que se entendera que non se

podía seguir o rito mortuorio no que que as persoas

achegadas a quen finara lavaban o corpo, abrazábano e se

bañaban coa mesma auga, o que producía decenas de

contaxios inmediatos. A poboación non cría no Ébola. Antes

da chegada solidaria, as persoas infectadas estaban recluídas

sen asistencia médica, morrendo.

Na nosa beira, o virus do Ébola tivo prensa cando superou a

contorna africana e chegou a EUA e Europa. Nomeadamente

no estado español foi nova cando unha enfermeira chegou

infectada.

As grandes potencias preocupáronse en deter a súa

propagación, non en erradicala. Durou dous anos e supuxo a

morte de 11.300 persoas.

Cuba estaba presente, antes da crise do ébola, en 32 países

de África, con 4.000 brigadistas. Coma estivera en 1960 en

Chile polo terremoto de Valdivia, por primeira vez dende o

triunfo revolucionario, ou en 1963 en Alxeria ou en 2014 en

Haití,…coma en Paquistán, Nicaragua… En Cuba está a Escola

Latinoamericana de Ciencias Médicas, creada en 1998 logo

dos furacáns George e Mitch. Dende aquela licenciáronse máis

de 22.000 estudantes de todo o mundo en medicina. Cuba

tivo presenza solidaria médica en 109 países.

Coma en tantas cousas, sen Cuba nada sería igual. É moi

importante que se saiba nesta beira do mundo, anestesiada ealienada polo consumismo

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook