Palestra en Vigo sobre o feminismo na histórica irmandade entre Cuba e Galiza

Asociación Cultural Évame-Oroza

Xoves 22 de xuño ás 19.30 h, a Asociación Évame-Oroza de Vigo organiza no seu local de Vigo (rúa Subida a Costa, 5) unha palestra sobre o feminismo na histórica irmandade entre os pobos cubano e galego. O encontro será con Juana Caridad Fernández, Presidenta da Agrupación de Sociedades representativas de Municipios e parroquias de Galicia en Cuba, Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra Neira Vilas de Lingua e Literatura Galegas da Universidade da Habana, e José Luis Ansedes, promotor da homenaxe a mestra mindoninse Andrea López Chao e a Sociedade Hijas de Galicia, que terá lugar en Mondoñedo entre os días 30 de xuño e 3 de xullo. Presentará e moderará a palestra a xornalista Ana Baena.

Escudo que ocupa frontón do Centro Galego da Habana, fundado en novembro de1879.

En 1904, a mestra galega Andrea López Chao gañara unha praza de mestra no Plantel de Ensinanza do Centro Galego da Habana, onde ao pouco foi directora. Fora tamén vicepresidenta da Sociedade Hijas de Galicia, fundada en 1917 como hospital de caridade e logo convertido  en hospital obstétrico, en decadencia depois da crise do 29 e recuperado pola Revolución que o convertiu en hospital de referencia en toda a América Martiana.

A iniciativa de Andrea López Chao, o Plantel de Ensinanza recibira o nome de Concepción Areal . A institución promovida na Habana pola poboación emigrante impartía clases en réxime non venal, abertas tamén a poboación de Cuba. No seu cadro profesoral, destacaron o pedagogo Vicente Fráiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento e numerosas mulleres como  a propia directora Andrea López Chao ou Elisa Losada.

En 2023 conmemórase o centenario  do I Congreso de mulleres cubanas, no que participara Andrea López e do que saira unha moción das emigrantes que demandaba o dereito ao sufraxio.  Unha investigación en marcha relaciona as demandas feministas da emigración co movemento feminista cubano no primeiro terzo do século XX.

A profesora Arantxa Fernández Crespo declarara no encontro Mulleres galegas en Cuba, legado e transcendencia, que compre incorporar o feminismo as históricas aportacións do Himno, a Bandeira e a Academia,  chegadas da illa por iniciativa emigrante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *