Díaz-Canel denuncia en Paris a orde económica e financeira internacional por inxusta, antidemocrática e excluinte

Arleen Rodríguez Derivet  – Cubadebate

“As consecuencias máis nefastas da actual orde económica e financeira internacional, fondamente inxusta, antidemocrática, especulativa e excluínte, gravitan de preferencia sobre as nacións en desenvolvemento”. Con esta denuncia dun sistema internacional baseado na supremacía dos paises ricos, comezou o presidente de Cuba a súa esperada intervención no Cume sobre o Novo Pacto Financeiro Internacional, en Francia,  dia 22. O presidente comezou a súa intervención cun saúdo ao presidente Macron, anfitrión do cume, e aos presidentes Gustavo Petro e Cyril Ramaphosa, de Colombia e Sudáfrica.

O Presidente Macron, segue con atención e xestos afirmativos a intervención de Diaz-Canel.

Díaz-Canel falou en nome do Grupo dos 77 máis China, a agrupación máis representativa de nacións en desenvolvemento e a que historicamente foi bandeira e voceiro das demandas orixinais do relanzo para un estatuto máis amplo de discusión e toma de decisións no marco das Nacións Unidas. Países que viron a súa débeda externa praticamente duplicarse no últimos dez anos e que foran obrigados a gastaren 379.000 millóns de dólares das súas reservas para salvar súas moedas en 2022, case o dobre da cantidade de novos Dereitos Especiais de Xiro asignados polo Fondo Monetario Internacional.

O presidente de Cuba recordou que o Sur non pode nesa crise acceder aos 4,3 billóns de dólares anuais necesarios para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibel na década restante. “Os nosos pobos non poden nin deben seguir sendo laboratorios de receitas coloniais metamórficas, que empregan a débeda, a arquitectura financeira internacional e as medidas coercitivas unilaterais, para perpetuaren o atraso e encher as arcas privadas a costa do Sur.  Urxe, coma a maior de todas as urxencias, unha nova e máis xusta orde internacional”.

Un obxectivo que obrigará antes de máis, á reforma das institucións financeiras internacionais, tanto para gobernanza e representación coma para acceso ao finanzamento que teña debidamente en conta os lídimos intereses dos países en desenvolvemento e amplíe a súa capacidade de decisión nas institucións financeiras. Díaz-Canel coida inaceptábel que en pleno século XXI se impoñan á maioría das nacións no planeta institucións obsoletas herdadas da Guerra Fría e dos acordos de Bretton Woods, incoherentes coa configuración internacional de hoxe e inventadas para explotar as reservas do Sur, perpetuar o desequilibrio e aplicaren remedios de urxencia que aseguren o esquema colonial.

Díaz-Canel,  presidente electo do Grupo dos 77 máis China,  dixo que era urxente unha recapitalización realista dos bancos multilaterais de desenvolvemento para mellorar as súas condicións de préstamo e satisfacer as necesidades financeiras do Sur e poderen enviar  os Dereitos Especiais de Xiro non utilizados cara estes bancos e os países en desenvolvemento, dacordo coas necesidades, circunstancias especiais e vulnerabilidades, e incrementar os préstamos oficiais para atinxir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel. “Os nosos países necesitan recursos adicionais reforzados por accións concretas en materia de acceso a mercados, xeneración de capacidades e transferencias de tecnoloxía”.

O presidente de Cuba consideróu de emerxencia poder dispor de recursos de desenvolvemento sostibel que sobarden o produto interno bruto e definir o acceso dos países en desenvolvemento ao financiamento en condicións realistas de cooperación técnica; estimou preciso aplicar a axenda climática internacional considerando o principio de equidade e de responsabilidade común. “Resulta profundamente decepcionante que a meta de mobilizar 100.000 millóns de dólares até 2020 como financiamento climático nunca se cumprira; se lle engadimos a acumulación dos incumprimentos e o impacto da inflación, esta meta que nunca estivo baseada realmente nas necesidades e prioridades dos países en desenvolvemento nin da ciencia, é considerablemente maior”.

Miguel Díaz-Canel dixo que os tempos eran chegados para unha mensaxe política clara de renovación do compromiso colectivo de aplicación da Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostibel, sobre unha reformulación obxectiva das relacións Norte-Sur e dos principios de coexistencia global. 

Concluiu o presidente cunha interrogante e unha advertencia que Fidel nos deixara hai case dez anos: “Se hoxe resulta posibel prolongar a vida, a saúde e o tempo útil das persoas; se é perfectamente posibel planificar o desenvolvemento da poboación en virtude da produtividade crecente, a cultura e o desenvolvemento dos valores humanos, a que esperamos para facelo realidade? Prevalecerán as ideas xustas ou triunfará o desastre. Que non pasemos á historia coma dirixentes que puidendo afrontar a diferenza no destino común, non deramos feito; non ignoremos as emerxencias e actuemos con sentido de especie en perigo de extinción; actuemos con sentido de humanidade!”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *