Nazario Lores Calanda – TSA
Mañá de Domingo 28, amigas e amigos de Cuba e veciñanza achegada pola poesía e música, os dous galanos ofrecidos a José Martí na praza que leva o seu nome e figura en Pontevedra, celebraron o 170 aniversario do nacemento do poeta e guieiro da independencia de Cuba, tamén honrado como precursor da condición primeira para o progreso da patria que non era outra que expulsar ao colonialismo armado polos gobernos de Alfonso XIII e resistir de seguida a histórica cobiza de Washington sobre a illa. No acto, Erea del Rio Iglesias, presidente da Francisco Villamil, dixo que a emerxéncia primeira de Cuba, en nome da xustiza e do dereito internacional, era o cese de todos os sistemas de cerco financeiro, político e material que configura o bloqueo aplicado con infamia sobre a illa por 13 presidencias sucesivas dos EUA.
Luisa Cuevas Raposo foi a encargada de presentar o acto e de establecer as intervencións programadas. Anabel Gulías Torreiro, voceira do goberno municipal de Pontevedra falou en nome do alcalde Fernadez Lores, ausente por problemas de axenda, e fixo referencia das históricas relacións entre os pobos galego e cubano, unha irmandade na que repara en dúas realidade históricas extraordinarias: o Plantel Concepción Arenal, do Centro Galego da Habana, aula de formacióm gratuita e integral, aberta a emigrantes e nacionais cubanos e as 400 escolas que a emigración galega en Cuba enviara a Galiza a partir de 1904.
O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo entregou acento e virtude do seu dilatado maxisterio como rapsoda para unha das preciosas pezas do poemario Versos Sencillos de Martí.
Erea del Rio, fixo referencia a un texto do xornalista cubano Iroel Sanchez para glosar a realidade económica e sanitaria cubana, modelo e líder mundial na loita contra a Covid para, antes de rematar a súa intervención, alzar a voz para esixir o fin do ilegal bloqueo contra Cuba. A poeta Charo Lopez, que sucedeu a del Rio no uso da palabra, analizou a carta que Martí enviara a súa filla Maria Mantilla, habida da súa relación extra-matrimonial cando estaba no exilio en Nova York.
Antes de os Gaiteiros do Lérez pecharen o acto coa interpretación da Bayamesa ( Himno Nacional de Cuba) e do Himno Galego, a consul de Cuba Annabel Lafargue Wilmoth agradeceu a presencia no acto da plural asistencia, procedentes de todo o pais, con mención especial do cónsul xeral de Venezuela na Galiza , Asturias e León , Martín Pacheco. A Cónsul salientou a importancia da histórica amizade dos pobos de Cuba e Galiza que está ilustrada coa presenza compartida de nomes históricos nas dúas bandas do mar.
Convocaron o acto, a Francisco Villamil, o Concello de Pontevedra e o Consulado Xeral de Cuba na Galiza