Manuel Mera – Sermos Galiza
Once de novembro cúmprese o 40 aniversario da independencia de Angola, conquistada despois dunha longa guerra contra a potencia colonialista, Portugal. Mais a historia deste país tería sido moi diferente, se a axuda solidaria de Cuba non ter evitado o triunfo da intervención dos Estados Unidos. Norteamérica pretendía mediante os exércitos de Suráfrica e Zaire, impedir ao Goberno do MPLA (Movimento Popular de Libertação de Angola) asumir o governo. Non foi esta a única contribución solidaria de Cuba na África no eido militar. Lembremos a colaboración co goberno socialista de Etiopía (1977-1988) fronte á invasión somalí apoiada por Washington. Porén, destaca a solidariedade con Angola, tanto por se prolongar 16 anos (1975-1991), como por as forzas cubanas ser tamén decisivas para a independencia de Namibia e Cimbabue, así como para o remate do apartheid en Suráfrica. Falamos dunha colonia de 1.246.700 km2, e 6.761.000 habitantes en 1975, deles máis de 350.000 colonos brancos, nomeadamente portugueses. En Angola as exportacións dobraban ás importacións.