Tres Tristes Tigres de papel

Farruco Sesto- A NOVA PENEIRA

A República Bolivariana  de Venezuela leva case un cuarto de século sometida a golpe de estado continuado, protagonizado pola oligarquía e as súas estruturas de poder, financeiras, económicas, mediáticas etc, coa anuencia e o apoio directo dos EUA, como autor intelectual e principal promotor.  Un golpe de estado xordo, máis que latente, que, de súpeto, segundo o momento e as circunstancias, revélase coma brote violento que parece xurdir espontaneamente. O feito real é que é o mesmo golpe unha e outra vez.

Corina Machado proclamara presidentes a Carmona e Guaidó, os dous no exilio destora, millonarios e esquecidos. Agora dí que o seu candidato verdadeiro é Edmundo González. Na imaxe, á beira de Juan Guaidó

Dentro desa estratexia intervencionista, houbera tres personaxes, moi desvergoñados e cun aquel narcisista, que no medio do brote de furor golpista autoproclamáranse presidentes de Venezuela.  Ben entendido que, nos tres casos, a sua autoproclamación formou parte dun plan que os superaba e do cal eran simples pezas manexadas por outros

Nin que dicir ten que, todos eles, no seu papel de presidentes de opereta, pasarán á pequena historia como tres pobres tigres…de papel

 FIRST PAPER TIGER

(Escríboo en inglés para destacar o seu papel de monicreque culturalmente subordinado)

O primeiro foi Pedro Carmona, xefe das cámaras patronais, que, con Hugo Chávez preso,  autoproclamouse presidente o 12 de abril de 1992 no propio Palacio de Miraflores, como resultado dun Golpe de Estado clásico obra dunha banda do alto mando militar, cun inmenso apoio mediático nacional e internacional e, desde logo, con apadriñamento estranxeiro.  Este señor, Carmona, aproveitou seu minuto de gloria para  disolver de facto todos os poderes e cargos de elección do Estado, entre eles a Asemblea Nacional, o Tribunal Supremo de Xustiza, o Consello Nacional Electoral e todas as gobernacións. A crónica recolle que os dous primeiros embaixadores que se adiantaron a recoñecelo no palacio de Miraflores, foron o do EUA e o de España.  Como se sabe, o golpe durou apenas 47 horas, porque o pobo e os soldados e oficiais leais, cercaron os cuarteis, liberaron a Chávez e devolvéronlle a súa Presidencia.  Hoxe Carmona vive en Bogotá, prófugo da xustiza. Como nota á marxe, debe sinalarse que a señora María Corina Machado avalou, coa súa presenza e firma, aquil primeiro decreto ditatorial de Pedro Carmona.

 

SECOND PAPER TIGER

O segundo, e ridículo, tigre de papel que se autoproclamou presidente da República foi Juan Guaidó  que, como é ben sabido, fíxoo nunha praza pública en xaneiro de 2019, sen que ninguén o elixise.  A cousa parecería de risa se non fóra polo compoñente tráxico que esa proclamación cargaba no seu seo. Coa súa presidencia de opereta veu o bloqueo comercial e financeiro, a guerra híbrida, as famosas mal chamadas sancións, o roubo dos activos no exterior, a sabotaxe eléctrica, e en xeral, o intento de render ao pobo de Venezuela pola vía de atacar a calidade das súas condicións de vida.  Arestora, Guaidó é tamén un prófugo da xustiza, millonario, que vive nos EUA e desde alí segue conspirando.  Pero o feito politicamente real é que a súa estrela de luz artificial apagouse e todos os países occidentais que no seu momento recoñecérano, entre eles España, ignóranno. Nun momento dado, pasaron o asunto por baixo da mesa coma se non ocorrese.

THIRD PAPER TIGER

O terceiro desprezábel  tigre de papel que acaba de aparecer en escena, para declararse presidente electo nun novo episodio do golpe continuado, é un señor que até onte moi poucos coñecían: de nome Edmundo González, empadroado en Miami, de profesión estudos internacionais e cuxo pasatempo favorito é ser axente dos servizos de intelixencia gringos. Como tal, segundo transcendeu nas revelacións de WikiLeaks, tivo altas responsabilidades na matanza de sacerdotes e monxas no Salvador, desde o seu cargo como primeiro secretario da embaixada de Venezuela entre 1981 e 1983.  Pois ben, no seu papel de sub-marioneta da extremista de dereita María Corina Machado (o verdadeira monicreque do imperio) este señor Gonzalez, no medio dun novo brote golpista de carácter cibernético e, por suposto, violento, con métodos fascistas, procedeu a declararse presidente electo, descoñecendo os resultados do comicio presidencial, onde unha maioría do pobo venezolano de 52% dos votantes, deulle seu apoio a Nicolás Maduro.

E van xa tres auto proclamados presidentes. Poderán algunha vez os EUA, así como os países da súa órbita, deixar en paz a Venezuela?  Un novo mundo sen hexemonías está a se formar, de nacións libres y soberanas.  E Venezuela pertence a el.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *