Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC)
Reclamamos unha información máis equilibrada sobre Cuba. Un tratamento da actualidade cubana con datos que non procedan en exclusiva dunha fonte nin omitan a opinión dos miles de persoas que no Estado español son partidarias da Revolución cubana. Debe cesar o veto informativo a solidariedade con Cuba e ao traballo que levan adiante numerosos grupos de colectivos da emigración cubana patriótica.
No último mes, os media con presenza en todo o Estado e outros que aspiran a seren considerados como alternativos, aceptan o papel de divulgadores preferentes dunha operación dirixida en toda regra a interferir na política cubana. A campaña arranca dos centros de poder dos EUA para soerguer “axentes de cambio” ao servizo da guerra de Washington contra A Habana. Só mencionemos dous nomes: Yunior García e Yotuel Romeu, protagonistas –exclusivos e blindados contra a crítica ou a réplica- en noticias, reportaxes, entrevistas, editoriais e espectáculos televisivos. Un discurso informativo único (no que dominan os termos réxime, ditadura, represión, censura…) para un obxectivo concreto: aldraxar ao goberno cubano e lexitimar, ao prezo que sexa, un cambio político na illa cara a unha “democracia de mercado” sometida aos EUA e a Unión Europea.
Esta operación de propaganda toma vantaxe da asfixia absoluta da economía de Cuba, a través do corte, desde os EUA, de todas as fontes de ingresos e subministracións da illa. Unha brutal campaña que se aproveita dun escenario de graves carencias materiais, creadas polo bloqueo, as 243 últimas sancións e os 20 meses sen turismo, para inzar odio e culpabilizar hipocritamente ao goberno cubano da situación.
A alta responsabilidade desta matriz de pensamento único sobre a realidade cubana, tamén recae sobre outros medios que posúen a capacidade de compensar o desequilibrio informativo, desde unha posición de honestidade e ética xornalística. No canto de daren a Cuba leccións dunha liberdade de prensa eses mesmos medios non pratican, deberían dar voz a quen non a ten, achegar outras perspectivas e opinións e publicar outras análises libres da ditadura editorial e mediática que reservan para Cuba.
A opción de entrevistaren a cubanas e cubanos da emigración que defenden a Revolución, está aberta. Están a condenar a este grupo emigrante a rabia e indignación de ver a súa bandeira aldraxada desde posicións reducidas e subalternas e senten orgullo de pertencer a un pequeno país do Sur que, mesmo pobre, cercado e bloqueado, foi o primeiro en abrir as súas escolas a poboación infantil inmunizada contra a Covid-19, con vacinas creadas e fabricadas polas súas empresas públicas. Algo, por certo, que ocorreu 15 de Novembro, cando os media que criticamos xeraban centos de contidos informativos sobre unha marcha opositora pantasma que só tivo lugar nas redes sociais. Un globo inflado con diñeiro.
Aos sectores do xornalismo honrado e ético que resisten na estrutura mercantilizada dos medios, estamos a pedirlles que dean o paso, que sexan valentes, e esixan, nos medios onde traballan, o rigor e o equilibrio informativo que tanta falta fai.