Nazario Lores Calanda – TSA
Organizada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e pola Asemblea Republicana de Vigo e cunha sá chea de xente, a proxección nos Cines Norte de Vigo do documental Matrioskas da cineasta navarra Helena Bengoetxea converteuse non só nun feito de carácter artístico senón en todo un acontecemento de vindicación memorialista e de xustiza histórica.
Durante os 74 minutos que dura o filme, Helena Bengoetxea achéganos ás historias de vida de catro mulleres nonaxenarias que, con doce ou trece anos, tiveron que fuxir das galloupas do fascismo durante a Guerra que comezaran os fascistas contra a legalidade republicana en xullo de 1936 . Teresa, Araceli, Alicia e Xulia, eran catro rapazas dos máis de 34000 nenos e nenas que entre marzo de 1937 e outubro de 1938 saíron dende distintos puntos da España leal para seren acollidos en fogares solidarios doutros paises. Segundo os datos que barallan os expertos, Francia acollería ao redor de 20.000 menores, Bélxica 5.000, Reino Unido 4.000 (a meirande parte vascos) México e Suíza uns 500, Dinamarca un centenar e a Unión Soviética perto de 3.000.
Precisamente na Unión Soviética, recalaron Teresa, Araceli, Xulia e Alicia. Alí viviron a II Guerra Mundial e a invasión nazi, padecendo o terribel cerco de Leningrado, aqueles 872 días en que o exercito alemán someteu a cidade a un bloqueo de fame e bombardeos criminais. Sufriron na URSS unha guerra contra o fascismo á que elas tamén seguramente chamaron Gran Guerra Patria pero tamén na URSS se formaron como profesionais e universitarias (medicas ou inxenieiras) e, nomeadamente empoderáronse como mulleres libres, xusto na antítese do que padecían ás mulleres que por se atoparen na España franquista, foron condenadas a morte civil e á invisibilidade social, laboral e xurídica.
Polas circunstancia do tempo que lles tocou vivir e por un compromiso político, de seu, transladáronse dende a Unión Soviética para trasladarse a Cuba , atendendo a demanda en 1961 do goberno da illa que precisou tradutoras de ruso para atender aos técnicos soviéticos que acudiron á illa para afortalar a Revolución e axudar a illa, xa daquela bloqueada polos USA.
Rodada entre marzo e setembro de 2020, cun parón de catro meses pola pandemia e estreada no 2021, asistimos en Matrioskas a un moi competente traballo documental que se construe dende a elegancia da impeccábel fotografía de Iñaki Alforja, e onde a realizadora navarra, formada na prestixiosa escola de cine cubana de San Antonio de los Baños, narra estas catro historia de mulleres (onde cada unha por separado conten ou complementa e amplía a experiencia das outras, por iso é acaido o titulo de Matrioskas) cunha tenrura que ultrapasa a eficacia dunha narración formalmente impecábel. Dotada dun tempo narrativo e ritmo ben precisos, onde nada falta e onde cada plano que centra a intervención destas admirabeis mulleres ofrécenos unha lección de dignidade e compromiso, Matrioskas aporta experienciae evidencias que nas que reencontramos unha parte importante da historia que o franquismo e o silencio da chamada transición tentou borrar, pero que o traballo de Helena Bengoetxea devólvenos agora, con man mestra, rigor e compromiso admirábel.