TERRA SEN AMOS/Redación.
Ramón Vázquez Díaz, deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), presentou tres preguntas parlamentares ao Goberno Galego, sobre “Zunzuneo”, a rede social criada e financiada polo Goberno dos EEUU para conspirar contra o Goberno e o ordenamento legal de Cuba.
Vázquez inquire á Xunta se dispuña información sobre a inxerencia da rede Zunzuneo contra as Leis de Cuba e pregunta ao Goberno Autonómico se comparte o ilegal bloqueo e a diaria conspiración do Goberno de Washington contra Cuba.
O deputado quere saber se a Xunta coñecía a participación de Yoani Sánchez na rede Zunzún, na altura de intervir en actos públicos en Galiza que contaron coa atención preferente de medios oficiais.
O escándalo suscitado pola denuncia da rede “Zunzuneo”, recorda que as leis internacionais, en en particular as de paises membros da UE, prevén sancións de extrema severidade contra a inxerencia exterior.
Xosé Neira Vilas, Medalla de Ouro da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” comenta na sua columna de “El Correo Gallego” a última conspiración norteamericana contra Cuba.
“Aproveitando a simpatía que esperta o Zunzún e o prestixio internacional da revista do mesmo nome, unha rede conspirativa anticubana inventa o verbo zunzunear. Atacan á Cuba de hoxe utilizando o paxariño e a revista. Puro diversionismo ideolóxico, insidias, calumnias edulcoradas, cun veneno propio da guerra fría. Así actúa o imperio contra un pequeno país. Un engano en gran escala, pois o Twitter chegou a almacenar datos persoais de miles de persoas. Un escándalo que viola as leis internacionais coa finalidade de desestabilizar a Cuba, unha obsesión de hai medio século: atentados, sabotaxes e ata unha invasión militar. Os que aspiran a gobernar o mundo non se deteñen en nada. Están nos cinco continentes. Esto do zunzuneo é unha agresión máis”.