“As tácticas de Washington contra Cuba son vellas, mesmo que as técnicas sexan modernas” (Diaz Canel na Asemblea do  Poder Popular)

Axencias – Terra Sen Amos

Washington usa tácticas vellas con modernas técnicas para crear en Cuba un clima de revolta e inseguridade pública, como abondo se comproba nas sucesivas convocatorias das redes para ocupar as rúas contra o goberno socialista e na recente campaña para desmobilizar as manifestacións do 1 de Maio en toda a illa. Intervindo na Asemblea do Poder Popular de Cuba, o presidente Diaz Canel recordou a obsesiva campaña do goberno dos EUA contra a Celebración do 1 de Maio e a resposta masiva do pobo a prol da Revolución en ocasión do Dia dos Traballadores, a convocatoria por excelencia do calendario socialista cubano.

Na clausura da IX Lexislatura de Asamblea Nacional del Poder Popular (ANPP) Miguel Diaz Canel dixo que unidade, diversidade e paz definían o proceso de Cuba ao socialismo.

O xefe do Estado intervía na clausura da V Sesión Extraordinaria da IX Lexislatura da Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP)  que en varias xornadas de traballo sancionou importantes leis e avanzou cara á adopción dun novo Código das Familias.


As primeiras palabras do mandatario foron para recoñecer a entrega voluntaria de compatriotas que prestaron as primeiras asistencias con risco das súas vidas así como das brigadas de bombeiros, sanitarios, doantes de sangue e socorristas que acudiran a pouco de teren noticia da deflagración do Hotel Saratoga da Habana.“Os mercenarios nunca entenderán aos patriotas”, dixo o presidente ao comentar a agónica teima dende redes sociais pagadas ppola NED, por denigrar a actuación cidadá e de goberno en tan dramáticas circunstancias.

Fronte un sistema de propaganda que dende hai seis décadas augura o derrubamento por consunción e incompetencia da dirección revolucionaria, Díaz-Canel salientou o afortalamento do país como Estado Socialista de Dereito coa aprobación de oito novas leis na Asemblea do Poder Popular, que outorgan lexitimidade ao sistema político e garanten os dereitos cidadáns. Salientou que a sanción de novas leis en asemblea é parte do proceso participativo mediante a celebración de consultas populares e referendos, primeiro coa Constitución de 2019 e a seguir co Código das Familias en trámite.

O xefe do Estado recordou que o veto de Washington contra Cuba e outras nacións para evitar que podan asistir ao Cume das Américas, pactado para o mes de xuño na cidade de Los Ángeles, revelaba que o goberno estadounidense non ten capacidade e valentía de escoitar a todos os países do continente o que significa que no cume non haberá resposta aos problemas fundamentais de  Latinoamérica e o Caribe. Diaz Canel dixo que Cuba aposta por medidas anovadoras para sacar adiante a súa economía nun escenario global adverso e citou como prioridades o combate contra á inflación, a recuperación do peso cubano, a estabilidade do sistema electro-enerxético nacional, a atención ás persoas e comunidades en situación de vulnerabilidade, a autonomía municipal e o desenvolvemento da empresa estatal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *