TSA – Redacción
De 24 de abril a 8 de maio constituiuse en Caimito, provincia de Artemisa, a XV Brigada Internacional de Traballo Voluntario e Solidariedade con Cuba Primeiro de Maio, por mor do Día Internacional d@s Traballador@s, o aniversario 63 do Triunfo da Revolución Cubana e, en homenaxe ao Comandante Ernesto Che Guevara no aniversario 55 da súa caída en combate. Convocou o Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP) en colaboración con Amistur, a Asociación de Amizade Hispanocubana Bartolomé de las Casas de Madrid e o Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC). En nome da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil (Integrada no MESC), participou nosa presidenta Erea del Rio Iglesias. Máis de cento setenta delegados de organizacións sindicais europeas e americanas, de diferentes movementos sociais e de solidariedade coa Illa participaron no encontro. As nacións presentes foron Angola, Namibia, SudÁfrica, Vietnam, Reino Unido, EUU, Canadá, Brasil, Chile, Perú, México, Arxentina, Venezuela, Paraguai, Colombia, Bolivia, Puerto Rico, Turquía, Francia, Suecia, Alemaña, España… Para facer a crónica do esperado encontro, ao cabo da longa excepción da Pandemia, Terra Sen Amos entrevistou a Erea del Rio ao seu regreso a Bouzas (Vigo)
–Que salientarías dentro do programa das brigadas?
-Investigadores da bioloxía molecular avanzada informáronnos sobre as máis recentes investigacións científicas de Cuba e persoal da saúde cubana facilitounos información de aspectos críticos na abordaxe da prevención contra a Covid-19. Faláronnos sobre a actual produción dos cinco candidatos vacinais cubanos e outros avances confirmados como o da vacina de administración nasal contra a Covid-19, os específicos contra o cancro de pulmón e de próstata, a vacina contra a hepatite, os fármacos contra o pé diabético e contra o Vitiligo, entre outras achegas que xa forman parte da galería de importantes avances da ciencia mundial. Á espera do aval médico oficial por parte da OMS, tres destas vacinas foron xa recoñecidas en LatinoAmérica e noutros países do mundo coa categoría de Vacinas. Cuba é o primeiro país de América Latina e o Caribe e o segundo no mundo na inmunización antiCovid-19, con máis do 90 por cento da poboación vacinada, a máis de ser o único que puido desenvolver unha campaña masiva de vacinación para nenos e nenas maiores de dous anos.
–A relación coa poboación traballadora ocupaba parte da axenda, como é costume nas brigadas internacionais en Cuba.
-Seguimos un programa de labores agrícolas en cooperativas agropecuarias e fincas orgánicas, axudadas por traballadoras da Federación de Mulleres Cubanas (FMC) e da Asociación Nacional de Agricultores Pequenos (ANAP) Reunímonos cos representantes das organizacións ICAP, FMC, CTC, Unión de Jóvenes Comunistas (UJC) e cadros dos CDR. Brigadistas de todo o mundo que salientaran polo seu labor solidario con Cuba recibiron distincións. Foran de moito interese as charlas sobre a situación actual de Cuba e o estado das relacións entre o Estado Socialista e os EUA. O programa da Brigada incluía visitas a lugares de interese histórico, económico, cultural e social. Xantamos á sombra do forte sol caribeño nos luminosos xardíns da Casa da Amizade, convidad@s polo ICAP. No campamento, visualizamos o emocionante filme póstumo El Mayor do director Rigoberto López Pego. En tempo de lecer, visitamos A Habana Vella, as praias do Leste e Varadero e confraternizamos cos demais brigadistas.
-E sobre o Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba?
-Participamos máis de dous mil integrantes procedentes de todo o mundo no encontro celebrado 2 de maio pasado no Pazo das Convencións. O compañeiro Ulises Guilarte de Nacimiento, membro do Buró do Comité Central do Partido e Secretario Xeral da Confederación de Traballador@s Cuban@s (CTC) explicou que despois de dous anos sen poder realizar o encontro da solidariedade e das forzas progresistas do mundo, como consecuencia dos efectos devastadores da pandemia de Covid-19, estabamos por fin reunidos “pola necesidade e desexo de socializar ideas e continuar construíndo consensos, para artellar con maior efectividade a plataforma de acción que nos permita confrontar a ofensiva do imperialismo e a súa política neoliberal”. Na véspera desta xornada, participamos nun intercambio d@s brigadistas con traballador@s en fábricas, asteleiros, cooperativas agropecuarias e non agropecuarias e mais en centros de docencia. Unha cálida representación do pobo cubano recibiunos en barrios e comunidades onde están a ser realizadas transformacións que impactan sobre a súa orde social, infraestrutura e condicións de vida, coa activa participación dos seus moradores, integrantes dos Comités de Defensa da Revolución (CDR). Convivimos c@s morador@s dos seus barrios, visitamos os postos de artesanía e presenciamos desfiles de moda cubana; compartimos cos promotores e directores dos proxectos culturais máis vangardistas na que fora a primeira Capital da Illa, Santiago de Cuba. Ofrecéronnos o seu máis prezado agasallo: a música e a arte nos seus diferentes estilos, teatro, actuacións, canto, danza e pintura; unha visita guiada e interactiva ao Centro Cultural Fidel Castro Ruz, percorrendo as súas salas, admirando o ben conservado mobiliario estilo colonial e os máis avanzados medios e xogos interactivos para nen@s e moz@s. Asemade, fomos ao Museo do Memorial adicado a José Martí, Heroe da Patria, e abraiad@s ollamos desde o seu mirador as máis elevadas e femosas vistas de La Habana.
–Que presenza ten na vida diaria de Cuba o bloqueo encarnizado?
-A experiencia foi un encontro coa verdade, coa opinión dos cidadáns e cidadás cubanas que nos permitiu comprender mellor a realidade dun país que enfronta unha exacerbación do xenocida bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polo goberno dos EUA contra Cuba. Fronte á feroz campaña mediática, nomeadamente nas redes sociais, sumado ás dúas centas corenta e tres medidas de bloqueo impostas por Donald Trump e mantidas por Joe Biden, o pobo cubano reaxe manténdose firme, loitando cos seus propios esforzos e coa resistencia creativa, para continuar construíndo unha sociedade soberana e democrática, de equidade e de xustiza social.
-Por fin, o Primeiro de Maio.
-Manifestámonos a beira de cubanas e cubanos de todas asidades na Praza da Revolución, a carón de Raúl Castro, de Díaz Canel, dos Cinco Heroes e doutros participantes sinalados na xesta da Revolución Cubana, políticos, brigadistas e amig@s de Cuba e sobre todo, do pobo cubano nas rúas. Celebrabamos a Festa do Proletariado Mundial no xantar ofrecido pola Festa Internacional da Solidariedade Sindical no Pazo das Convencións onde participamos nunha Sesión Plenaria cos demais participantes neste Encontro Internacional de Solidariedade. Foron tres as comisións de traballo, que produciron conclusións comúns de total apoio á Revolución e contra o criminal bloqueo que sofre a poboación cubana.
-Outra parte fundamental da vosa visita foi dedicada a Villa Clara e Oriente.
-Martes, 3 de maio saímos para a provincia de Villa Clara e arribamos á Praza Ernesto Guevara onde ofrecemos ao Che un acto de homenaxe e unha ofrenda floral. O complexo centro do Conxunto Escultórico Memorial Ernesto Che Guevara, contén pezas complementares de enorme valor coma os vagóns orixinais do tren blindado, xesta fundamental no feliz desenlace da Revolución na capital Santa Clara. En Santiago cumprimos dous dias de programa e intercambios coas autoridades e membros do Partido que nos brindaron como recepción un concerto do extraordinario Coro Madrigalista. A cordialidade de Oriente acompañounos dende a cálida benvida a través da información detallada dos proxectos culturais e económicos da zona e os intercambios de experiencias coa Federación de Mulleres Cubana (FMC) e de ideas coas organizacións das comunidades nos CDR. No Campo Santo de Santa Efixenia, diante da tumba de Fidel, de José Martí, de Mariana Grajales, dos pais e dos irmáns Frank e Josué Pais, os irmáns ingleses ofrendaron unha frauta traveseira a Santiago de Cuba. Visitamos a Granxa Siboney, fixemos un percorrido polo exterior do Cuartel Moncada e realizamos ofrendas florais aos Mártires e a Vilma Espín. Na visita ao museo e o mausoleo dedicado aos Heroes do 26 de Xullo guiáronnos combatentes da Revolución Cubana no II Fronte Oriental Frank Pais onde colocamos ofrendas florais a Vilma Espín, a Antonio Gades e aos mártires. O acto político-cultural de clausura da Brigada precedeu a visita a Santi Spiritus, antes do regreso ao Campamento Julio Antonio Mella de Caimito. Como dixo o deputado europeo pola Esquerda Europea e responsábel das Relacións Internacionais do PCE, Manu Pineda, as diferentes asociacións de amizade con Cuba debemos organizar actos de protesta para que Cuba, Venezuela e Nicaragua estean presente no Noveno Cume das Américas, do 6 ao 10 de xuño en Los Ángeles. Só desta maneira asistirán México, Antigua e Barbuda, Bahamas, Barbados, Belice, Bolivia, Brasil, Dominicana, Granada, Guyana, Honduras, Jamaica, San Cristóbo e Neves, San Vicente e Las Granadinas, Santa Lucía, Surinam e Trinidad e Tobago, que poñen como condición que Cuba, Venezuela e Nicaragua non teñan censurada a súa participación neste Cumio! Viva a Solidariedade entre os Pobos do Mundo! Até a Vitoria Sempre! Patria ou Morte! Venceremos!