Xosé L. Rivera Jácome – Nós Diario
“Cuba vive e traballa!” É a consigna máis vista nos carteis que penduran por todos os recunchos da Habana, nesta última visita, para acudir en representación da CIG e convidados pola CTC, aos actos de celebración do 1º de maio. E abofé que esa consigna fai xustiza co pobo cubano. Cuba vive, vaia se vive! A pesar de todos os esforzos dos Estados Unidos e os seus lacaios, coa Unión Europea e os seus Estados á cabeza, por acabar con ela, por asfixiala economicamente, illala politicamente e desprestixiala mediaticamente, o pobo cubano está máis vivo ca nunca.
“Para quen di que toda esa xente vai obrigada, eu preguntaríalles: e o entusiasmo? É posíbel obrigar á xente a manifestarse con ese entusiasmo que se observa xa desde as últimas horas do día anterior e que enchía a cabeceira da marcha ás 4 da madrugada do día un?“
Así o demostrou este 1º de Maio, na marcha que se desenvolveu pola Praza da Revolución, diante das autoridades e das 1.072 persoas, 219 organizacións, 60 países que alí estabamos mostrando a nosa solidariedade, co corpo arrepiado de emoción, observando como, durante dúas horas, desfilou diante de nós unha multitude de traballadores e traballadoras (a organización cifra en 6 millóns e os medios menos afíns recoñecen centos de miles) de todos os sectores laborais, encabezadas por máis de 50.000 sanitarios, como recoñecemento ao seu esforzo durante a pandemia e rematada polos colectivos de mozos e estudantes, mentres soaba a Internacional.
Os medios en mans do poder político e económico no noso país e o noso contorno adoitan silenciar esta nova, ou dan unha versión manipulada, como de costume: que se ese 1º de maio non é realmente da clase traballadora e reivindicativo, transformándose nunha festa; que se ese pobo está baixo unha ditadura e a xente vai obrigada… Pois si, a clase traballadora cubana celebra, máis que reivindica, nesa data, porque non ten empresas que os exploten, nin leis laborais que vaian contra os seus dereitos, nin un goberno aliado das grandes patronais e o capital que lles facilite o aumento das súas ganancias a costa dos sacrificios da xente traballadora.
Desde o triunfo da Revolución, en 1959, o pobo cubano vén facendo desa data un acto de reafirmación do seu proceso revolucionario, que pensa con e para a xente. Un acto ben diferente aos que se viñan celebrando desde 1890, aínda baixo unha difícil influencia colonial. Cuba estivo na lista dos primeiros países en celebrar esa efeméride que se acordou en xullo de 1889 en París, coincidindo coa creación da Segunda Internacional, para preservar a memoria dos traballadores executados en Chicago por defender seus dereitos laborais. Ben poderían eses medios dar a coñecer a lista de países que, aínda hoxe, non celebran esa data, como os EEUU, Canadá, Nova Zelandia ou Australia (a herdanza do colonialismo británico). Para quen di que toda esa xente vai obrigada, eu preguntaríalles: e o entusiasmo? É posíbel obrigar á xente a manifestarse con ese entusiasmo que se observa xa desde as últimas horas do día anterior e que enchía a cabeceira da marcha ás 4 da madrugada do día un?
E o pobo cubano traballa, vaia se traballa! É por iso que leva superando máis de 60 anos de bloqueo, cunha resistencia creativa, para enfrontar as dificultades e carencias que se lle presentan. Dicía Fidel que “fronte a calquera dificultade obxectiva, as persoas deben medrarse”. E así é. A busca de recursos propios, diante da carencia de materiais, polo bloqueo, non lles impide saír adiante.
Eses marabillosos carros, verdadeiras pezas de museo de máis de 50 anos, que aínda seguen a circular polas estradas, son un exemplo visual. Pero, o mellor exemplo está nesas vacinas, tres xa homologadas e aplicadas e dúas máis candidatas contra a Covid-19, e os seus avances en vacinas contra o Alzheimer ou o cancro. Vacinas que, ben ao contrario das que teñen o monopolio aquí, Cuba está a facilitar a outros países pobres do mundo. Porque, o bloqueo a Cuba non é só contra a súa xente, nin é só económico. É un bloqueo para impedir que o resto do mundo poida coñecer o mellor exemplo, na práctica e na actualidade, que representa un modelo alternativo, verdadeiramente xusto e sustentábel, fronte ao modelo neoliberal predominante.
Xosé L. Rivera Jácome é membro do Padroado da Fundación Moncho Reboiras.