Todalas entradas de Terrasenamos

Unha teima persoal

Farruco Sesto

Alguén, de esquerdas, fálame mal dun escritor de dereitas e dime que o único que lle perdoa é que sexa tan bon escritor. Respóndolle que, no fondo, talvez non sexa tan bon escritor, malia que a min non che me dá máis porque eu a ese señor non o leo.

E por aí comeza unha deboura cando dí que non sabe o que estou a perder. Que unha cousa é a persoa e outra a obra. Afirma que con esa maneira miña de pensar perdería o goce de boa parte da arte e a literatura de todos os tempos.  Ben, dígolle. Pode ser. Pero a ese señor non o leo. En primeiro lugar, porque non me dá a gana. E en segundo lugar porque tampouco me dá a gana.

El teima. Dime que, mesmo que o home sexa tan reaccionario, non podemos prescindir del por ser un escritor recoñecido e grande.

Ensaio de Atilio Borón que recomenda non confiar no autor obxecto deste artigo

 Eu respóndolle que o de gran escritor non me consta. E non me consta porque non o leo. Se nalgunha ocasión fíxeno, iso xa quedou atrás, case na prehistoria dos meus modestos tempos persoais. E desde logo, como queira que o paso dos anos esvae todo aquilo que non é esencial á mirada do corazón, o feito real é que xa non me acordo daquela lectura que foi, en definitiva, unha máis entre tantas.

Polo que, ao cabo, facendo unha analogía cun fermoso polo margariteño (o Polo é unha forma musical típica das rexións da costa oriental de Venezuela) que di que “o que pode sufrirse, xa o dei sufrido”, eu digo que “o que pode esquecerse, esqueceume”.

De maneira que non me interesa ese señor. Nin el nin a súa obra. Morra o conto.

Por riba, non leo aos imbéciles, e este é imbécil de mérito. Non importa o que me teña que contar e o ben que poida contarmo. Eu non os leo. Digo, aos imbéciles.  Tampouco leo a xente ruín. Quero dicir, á que fai dano, aos desalmados. E este señor é un adaíl da palabra estúpidamente malvada.

De maneira que non. Que non o leo.

Aínda máis: se estivese nesa illa deserta que protagoniza todos os xogos metafóricos sobre o illamento absoluto, e o único libro que tivese fose deste señor, téñase por certo que non o lería. Pois, ademais do que xa dixen, tamén polo moi persoal motivo de que non leo a quen me cae mal. E cáenme mal os marqueses voceiros do capitalismo. Sobre todo, cando se meten con Venezuela. É unha teima persoal.

(Publicado no Correo del Orinoco)

“O progreso de Cuba conta coa ciencia e o capital humano sementados en décadas de revolución” (Agustín Laxe Davila)

Agustín Laxe Davila – La Pupila Insomne

 En dous procesos paralelos e complementarios, estamos a vivir, como actores e notarios, a transformacións do modelo económico cubano, o aumento da autonomía operativa das empresas estatais e a proliferación de pequenas e medianas empresas, tanto estatais como privadas. Acompaña estes cambios un aumento dosde investimentos estranxeiros, aínda nos comezos. Ao tempo, a función da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación están cada día máis presentes no proxecto social cubano. Esforzámonos por identificar os cambios en marcha e por predicir cara a onde poden levarnos de continuar as tendencias actuais; pero é moito máis difícil predicir a que velocidades eses procesos ocorrerán. Desas velocidades relativas depende todo.

Agustín Laxe, no centro da fotografía, presenta na Feira do Libro da Habana de 2016 o seu libro “La Economia del Conocimiento y el Socialismo”.

En senso contrario continúa un proceso de deterioración da infraestrutura industrial, tal como puidemos ver nos recentes problemas de xeración eléctrica e de erosión do capital humano, ao cabo de décadas de bloqueo económico contra Cuba. Cal desas dinámicas acabará determinando o resultado conxunto? Non sabemos. A resposta depende en gran medida de nós mesmos. As economías, e en sentido máis amplo, as sociedades humanas, son sistemas complexos que responden a presión de moitísimos factores, non poucos deles con efectos non-lineais. De seguro sabemos en que sentido temos que traballar os revolucionarios cubanos e os camiños que debemos seguir.

Ese equilibrio de velocidades, que pode decidir todo, apréciase como un exemplo máis na proliferación de pequenas e medianas empresas que estamos a vivir. Aparecen a  eito, e iso é bo, pero dentro destas, as pemes estatais e de alta tecnoloxía son aínda poucas, e iso xa non é tan positivo. As iniciativas de menor risco relativo e limitado valor engadido, suceden espontaneamente a partir de actores privados. Moitos deles xa existían baixo a forma de traballo por conta propia con traballadores contratados; as empresas de base tecnolóxica, especialmente con tecnoloxías novas e complexas, contén incertezas e maiores prazos de recuperación, e deben ser guiadas por actores estatais.

Grupos de traballo que hoxe operan no sector académico público, son quen poden asumir o reto de crear pemes estatais de alta tecnoloxía, e ese podería ser un proceso determinante na transformación das nosas forzas produtivas. Para iso debemos contar con que o prazo de execución se dea nun prazo axeitado.

O socialismo require de forzas produtivas desenvolvidas, e estas teñen que xurdir da ciencia e o capital humano sementados por décadas de construción social revolucionaria en Cuba, a condición de non esquecer que falamos dun proceso de desenvolvemento que debe competir con outros procesos de signo regresivo. Nun discurso pronunciado en 1967, ao abordar a dinámica que nos impón a necesidade dun desenvolvemento acelerado, Fidel Castro definíase con esta expresión:“…milito no bando dos impacientes, e milito no bando dos apurados, dos que non viven até non dar cabo as tarefas e dos que tentan sempre facer máis do que se pode”.

Unha revolución é sempre un esforzo colosal por ensanchar a tempo o espazo do posíbel.

A definición de Fidel era válida en 1967 e tamén o é agora, porque na complexidade das sociedades humanas sempre coexisten procesos de diferente signo, e o avance ou o retroceso dependen das velocidades relativas. Os científicos cubanos temos que asumir unha responsabilidade nesta competencia de velocidades, coa mesma resolución e audacia coa que nos enfrontamos coa pandemia.

E seguir participando na defensa da Soberanía Nacional, pois só sobre esa base poderemos construír a nosa alternativa social e económica. A nación soberana pode facer realidade unha economía baseada no coñecemento, que poida inserirse con éxito no intercambio mundial de bens e servizos de alta tecnoloxía, e de coñecemento; que alimente cara ao interior, a expansión continua do noso capital humano e o perfeccionamento da igualdade e a xustiza social.

Por moito que os ideólogos imperialistas defendan agora o concepto de soberanía limitada, as funcións históricas do Estado-Nación soberano non están esgotadas para o Século XXI. Pola contra, as funcións do Estado-Nación son hoxe máis necesarias ca nunca, porque na conxuntura da desaparición do campo socialista europeo, seguida do esgotamento do modelo de globalización neoliberal capitalista, son precisas alternativas que combinen o desenvolvemento económico baseado no coñecemento a sustentabilidade e a xustiza social; alternativas que deben ser á vez localmente diversas e globalmente conectadas.

Construímos noso modelo a man, día a día, en todos os recantos da nosa sociedade. Cadaquén ten unha tarefa no desenvolvemento socioeconómico dos territorios, o aumento e diversificación das nosas exportacións e do seu contido en produtos e servizos de alto valor engadido, o aumento da produción de alimentos, o cambio na matriz enerxética cara a fontes renovábeis ou o perfeccionamento continuo do noso sistema educativo. Contamos coas conexións eficientes entre os nosos centros científicos e as nosas empresas para mellorar o enorme potencial dos Centros Universitarios Municipais, a produtividade do traballo e a rapidez e eficiencia dos investimentos.

A partir do contexto xurídico do 2021 contamos con Pequenas e Medianas Empresas de alta tecnoloxía, estatais e exportadoras. Non serán empresas grandes, mais é evidente o seu carácter estratéxico para o desenvolvemento económico e social do país. A nova Constitución establece que deben ser “propiedade socialista de todo o pobo”. As empresas estatais de alta tecnoloxía, deben ser programadas como catalizador do desenvolvemento e compoñente central do esforzo económico.

Compre sementar confianza nesta obra e considerar, con moito realismo, que non temos todo o tempo do mundo para irmos avanzando no proxecto. A dinámica relativa deses procesos pode definir o nosofuturo.

E todos somos responsabeis de que prevalezan, nas súas velocidades, os procesos de signo positivo que reforzan a nosa soberanía e o noso socialismo.

Sigamos militando, con Fidel, “no bando dos apurados”.

Artigo, publicado en TSA, que Richard Levins, biólogo norteamericano autor de  As Influéncias da Bioloxía e The Dialectical Biologist (con Richard Lewontin) dedicara a Agustín Laxe na revista Monthly Review . https://terrasenamos.org/agustin-laxe-atopa-na-ciencia-solucions-para-un-pais-pequeno-bloqueado-e-sen-recursos/

As vacinas anti-Covid 19 de Cuba chegan a Venezuela e son aprobadas por Nicaragua

Marga Lemos – Redación de TSA

Unha carga de 900 mil doses da vacina Abdala arribou a Venezuela como parte do programa de colaboración entre Cuba e a República Bolivariana, na común loita de Latinoamérica contra a actual pandemia de Covid-19 que os laboratorios do imperialismo desertaron.  O Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB) de Cuba está a enviar a todo o mundo os seus probados específicos contra a pandemia. Na véspera deste último despacho, a Autoridade de Regulación Sanitaria do Ministerio de Saúde de Nicaragua certificou o uso das das vacinas de Cuba Soberana e Abdala. De aparecer o máis leve efecto nocivo nas vacinas producidas por Cuba socialista, o réxime do Bloqueo tería inzado os telexornais do planeta de alarmas en defensa da saúde pública. Como tal non sucedeu, o silenzo da información sobre as vacinas cubanas é notábel, mesmo entre os que arestora fan por revivir a hispanidade colonial.

No entanto, a gallarda intervención das multinacionais de farmacia do imperialismo contra a Covid-19 e as súas variantes, non se había librar dunha guerra de denuncias sobre reaccións non previstas nas vacinas das grandes marcas dos EUA e o UK. Para o capital, o escape dunha miserábel guerra de Europa contra os EUA, tería sido inventar riscos nos específicos dos paises bloqueados mais isto non puido cumpirse contra as vacinas cubanas, logo presentadas pola OMS coma exemplo de rigor estatístico e distribución solidária. Trump respostou bloquendo decontado a aportación dos EUA a OMS o que significaba unha letal ameaza contra o sistema de certificación farmacéutica do planeta en plena pandemia, mais China frustrou a ofensiva criminal de  Washington ao aportar unha cota especial que defendía a referencia médica da OMS.

Mentres pousaba o avión coas vacinas cubanas en Venezuela, a autoridade regulatoria nicaraguana fixo público que as vacinas Soberana 02 e Abdala, son de aplicación terapéutica segura para diminuír a transmisibilidad da Covid-19, producida polo virus SARS-Cov-2′.

Para unha vacina ser declarada de utilidade, a Organización Mundial da Saúde OMS esixe dos específicos anti-Covid-19 unha eficacia superior ao 50 por cento. Abdala, xa recibiu a autorización de uso de emerxencia no país, do mesmo xeito que Soberana 02 para a poboación pediátrica.

Deseñada polo Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB), Abdala primeira vacina de América Latina, mostrou un 92,28 por cento de eficacia no seu esquema de tres inxeccións.

A Soberana 02, do Instituto Finlay de Vacinas (IFV) dei na análise final do tratamento, con dúas inxeccións, unha eficacia do 65,6 por cento. O IFV anunciou tamén o 91,2 por cento de cobertura ao cabo de dúas doses de Soberana 02 máis unha terceira dose da vacina Soberana Plus.

Os inmunóxenos cubanos mencionados complementan coa Mambisa e a Soberana 01. A Mambisa, tamén producida polo CIGB, única para aplicación mediante pulverizador nasal, acadou permiso das autoridades sanitarias locais para iniciar a fase II de ensaios clínicos.

Solidariedade con Euskadi-Cuba e Cubainformación contra unha campaña argallada polos defensores do bloqueo

Adela Roade – Terra Sen Amos

Os diarios sen memoria están condenados a desaparecer. Subido ao convoi do Bloqueo Total contra Cuba, decretado polo goberno dos EUA, o diario de referencia do Partido Popular en Madrid desafía a aclamación anual da Asemblea da ONU contra o bloqueo económico e político máis longo que se recorda e acusa ao medio Cubainformación -expresión da solidariedade de todo o Estado con Cuba e do sobranceiro compromiso de entidades e particulares de Euskadi- de agredir posicións políticas comprometidas co bloqueo definitivo da illa, representadas pola ONG instituida na capital de España co nome de Prisoners Defenders.

Portada de 2010, no mesmo medio que arestora acusa a solidariedade basca de agredir os dereitos humanos en Cuba.

Euskadi-Cuba e Cubainformación ven na campaña non só unha rabecha contra 32 anos de labor solidaria e de cooperación coa illa, senón tamén o propósito de acabaren co labor informativo sobre Cuba, construido co traballo voluntario das asociación de amizade integradas no Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba MESC.  A propaganda hostil tenta atinxir ás instituciones públicas bascas (Goberno basco, deputacións e concellos) aos que están acusando de non velar polo control dos seus fondos de cooperación.

A ONG Prisoners Defenders, da que non se coñece nin mención dos presos de Guantánamo nin da rede de cadeas da CIA en todo o , planeta, acusa a Euskadi-Cuba de levar adiante 18 proxectos que dotaron ás cooperativas agrícolas cubanas con sistemas de rego, invernadoiros, aveños de horta, tractores e maquinaria forestal que ten mellorado as condicións de vida de comarcas enteiras de Cuba. Todas estas intervencións responden a iniciativas cubanas inspiradas na estratexia de soberanía alimentar con enfoque de xénero. Os nomes dalgúns destes proxectos son expresivos: Empoderamiento de las mujeres en el programa de frutales para enfrentar el cambio climático en ecosistemas frágiles de Baracoa, Desarrollo agroforestal sostenible: una opción para el empoderamiento de la mujer en Guantánamo ou Mujeres protagonistas en el movimiento de la agricultura urbana ecológica en La Habana.

Do reaccionario sistema de información que desata esta violenta campaña contra a solidariedade internacionalista, era ben recordar que está ben recordar que na súa visita de Estado a Cuba en 2014, García Margallo, ministro de Asuntos Exteriores do governo Rajoy, solicitara o regreso urxente a Cuba dos 115 presos e dos seus 650 familiares, invitados en 2010 a Madrid por mediación do governo do PP respondendo a unha campaña non diferente da que agora encirra Prisoners Defenders. Por volta de catro anos, os exiliados ergueran un campamento de protesta as portas do ministerio de Asuntos Exteriores en Madrid para denunciaren abandono por parte do governo Español e urxir a repatriación. O diario que agora defende a posición da ONG Prisoner Defenders, celebrara en 2010 na súa portada a chegada dos exiliados baixo o títular La Cuba libre llega a España.

Euskadi-Cuba agradece todas as expresións de solidariedade recibidas dende asociacións, ONG, institucións do internacionalismo e partidos e renova seu compromiso de denuncia permanente do bloqueo de EUA, verdadeira violación masiva dos dereitos humanos de 11,2 millóns de cubanas e cubanos, condenada en 29 ocasións pola Asemblea Xeral da ONU.

Alfonso Sastre criticou na súa obra a Hispanidade rendida ao Imperio e defendeu sempre a Revolución Cubana

Mariña Lima (Coral Gables, Florida) 

Con 95 anos finou Alfonso Sastre en Hondarribia ( Euzkadi) onde se establecera fins dos 70 xunto a súa compañeira Eva Forest depois de padeceren cadea baixo acusacións inducidas do común compromiso coa esquerda abertzale, que nunca serían probadas. Sastre consideraba que a Revolución Cubana era o acontecimento capital do socialismo contemporáneo pola súa irradiación universal e por ter renovado a resistencia contra o Imperio. “A Revolución Cubana é unha liña de fazañas irrepetíbeis:  Moncada, o Granma, a guerra na Serra, o derrocamento de Batista, a resistencia contra o bloqueo e a forma en que remonta o asalto desesperado do Imperio depois da caída da URSS. Mesmo a construción política  previa a  Revolución foi un acerto, igual que a esperanza de liberación que transmite a toda Latinoamérica e Caribe: Venezuela, Nicaragua, Chile, Bolivia, Perú, Colombia, Arxentina, Uruguai…”


Sastre e Eva Forest con Fidel na Habana. Con eles, na esquerda da foto, Mario Benedetti e Armando Hart (ministro de Cultura)

A rendición da idea da Hispanidade fronte do Imperio, coa conseguinte renuncia a conservar un espacio histórico e cultural común é un dos motivos dramáticos que Sastre desenvolve case en exclusiva dentro da súa xeración. A ironía sobre o patriotismo racista dos colonizadores de Cuba é unha revelación en Ahola non es de leil, subtitulada Tragedia sin importancia (da que existe versión en Galego de Gero Calero) escrita polo autor na cadea de Carabanchel na altura de a Audiencia Nacional (1977) presumír de manga ancha  para encarcerar preventivamente, temerosa de parecer menos represiva ca o sinistro TOP. O texto critica un patriotismo da lingua española e das tradicións dos colonizadores que adoitaba preferir o dominio do Imperio USA. Sastre viraba polo forro o espírito do 98 no senso de abrazar a rebeldía cubana fronte o Imperio e admitir que o independentismo tamén pode representar o orgullo restante da cultura trasplantada. O dramaturgo dixo en moitas ocasións que Cuba era a súa verdadeira Madre Patria

Á sombra da reforma terciada do franquismo, os media relearon a importancia do dramaturgo vivo mais importante da súa xeración, a causa da súa condición de defensor da loita abertzale e da Revolución Cubana. Un silenzo imposíbel de aceptar sen consecuencias para un médio reactivo contra a censura por antonomasia como é o teatro.

O dramaturgo en ostracismo, aparecia decote como primeiro asinante contra os que celebraban o bloqueo.  “E verdade –escrebe Alfonso Sastre- que o Poder procura calar por todos os medios (nunca mellor dito) aos disidentes; pero no é menor verdade que moitos intelectuais aceptan calar con abraiante facilidade. En xuño de 2003, os acubillados de PRISA asinaran unha miserábel Carta abierta contra la represión en Cuba, directamente ditada pola CIA, e dende a Alianza de Intelectuales Antimperialistas comprendimos a urxencia de contestar pública e colectivamente. A réplica era inexcusabel, pois o porquiño orwelliano que controla os medios pretendia (e case o dá conseguido) facernos crer que o pleno da intelligentsia ibérica estaba contra a Revolución Cubana! A recollida de asinaturas para o noso comunicado (“Con Cuba, contra el Imperio”) foi reveladora. Varios intelectuais e artistas, considerados de esquerda, recusaron asinar malia estaren dacordo coa nosa réplica, por non poderen (aseguraron sen vergoña) seguir escribindo en El País, ou por defenderen as súas películas no Canal Plus, ou as súas novelas en Alfaguara… Non nos enganemos: a maioría dos intelectuais que calan, non o fan para salvaren súas vidas (…) senón para defenderen súas piscinas, como dixera Dalton Trumbo dos que no macartismo traizoaran seus compañeiros”.

O poeta e ministro de Cultura de Cuba, Alpidio Alonso Grau, manifestou seu pesar pola morte do dramaturgo que defendeu a Revolución en todas as ocasións nas que o sistema de propaganda imperialista inzaba os media de retrousos contra Cuba. “Moi dolorosa a noticia da morte do grande dramaturgo e pensador español Alfonso Sastre. A súa obra, monumental, perdurará. Os cubanos non esqueceremos ao amigo leal.”