Leire Belrose – TSA Moscova
Como continuación dunha dilatada colaboración bilateral, Cuba e Rusia porán en marcha este ano unha empresa mixta de biofarmacia que distribuirá no mercado euro-asiático específicos cubanos de eficiencia probada. Eulogio Pimentel, vicepresidente primeiro de BioCubaFarma, xunto doutros directivos de laboratorios cubanos, conversou en Moscova con representantes de vinte empresas farmacéuticas rusas que comercializan medicamentos e recursos médicos. O anuncio da expansión euro-asiática da farmacia nova de Cuba, contrasta coa pechada negativa da UE a autorizar a distribución de específicos cubanos en calquera dos 27 paises asociados e coincide en tempo e hora coa declaración da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen de investir 800.000 millóns de Euros en material de guerra, dentro dun plan que nomea Rearmar Europa. Militarización histórica do proxecto de unidade europea que alarma a algúns comentaristas abalados pola previsíbel deserción orzaentaria da ciencia , a investigación e a asistencia pública do vello subcontinente colonial.
En Moscova, a delegación cubana deu conta de específicos orixinais coma o Heberprot-p para tratar úlceras do pé diabético ou o Hebermin, rexenerador de tecidos que xa están a ser distribuidos nas farmacias de Rusia. A Federación Rusa traballa destora no rexistro sanitario do Nimotuzumab, un anticorpo monoclonal creado en Cuba para o tratamento de cancro así como outras vacinas e terapias de avangarda entre as que figuran a VA-Mengoc-bc contra a meninxite meningocócica do serogrupo bc. Asemade, está en marcha na Rusia o desenvolvemento clínico da vacina terapéutica contra o cancro de pulmón CIMAvax e tambén a Jusvinza, un medicamento para tratar enfermidades autoinmunes, como a artrite reumatoide.
BioCubaFarma precisa que a colaboración coa Federación Rusa realízase en dúas direccións: a de transferir tecnoloxías cubanas para beneficio do pobo ruso e a do rexistro de medicamentos rusos para seren administrados en Cuba.
Eulogio Pimentel comparou as transferencias realizadas entre Moscova e A Habana como unha autoestrada na que nun sentido circulan tecnoloxías cubanas para beneficio da poboación da Federación Rusa e noutro Cuba rexistra medicamentos rusos de interese xeneral.
Mália o incremento de barreiras financeiras e políticas ilegais que deixan tras de si contra Cuba os dous últimos gobernos dos EUA, o avance da ciencia cubana multiplica o esforzo comprometido por Fidel e a Revolución na investigación avanzada. Durante 2024, os laboratorios de BioCubaFarma executaron 396 proxectos, boa parte deles levados a termo en cooperación con diferentes entidades públicas cubanas de investigación.
Cuba ocupa un lugar sobranceiro dentro do cativo feixe de nacións do mundo con máis de cen receptores de células nai por dez millóns de habitantes. A terapia celular xa está a ser aplicada en 14 provincias cubanas, fundamentalmente nas especialidades de anxioloxía, ortopedia e traumatoloxía.
O retraso relativo dalgúns paises da UE a respecto da terápia celular, agrávase a diário dende a crise financeira de 2008 e a renuncia dos governos da dereita a finanzaren a investigación. Como advirte Agustín Lage, director do Centro de Inmunoloxía Molecular da Habana, a economía do coñecemento é intrinsecamente socialista e fai por expulsar o capitalismo, un sistema co que comproba a diário a súa incompatibilidade. A medida que medra o papel do coñecemento, agrávase a contradicción do capitalismo co carácter social da producción e a apropiación privada. Un pais con escasos recursos naturais como Cuba, bloqueado dende 1961 polos EUA, está a probar que a formación pública e integral do Socialismo, aporta un enorme potencial de desenvolvemento a traveso da economía do coñecemento.