Arquivos da categoría Novas

Categoría onde van as novas

“En Cuba non hai nin haberá cazarías de bruxas; impunidade tampouco” (Enrique Ubieta)

Cores con dono (Cubainformación)

Co encabezamento Lecturas navideñas: notas sobre una articulación nada plebeya, o sitio Razones de Cuba inseriu o artigo que a seguir traduciu Rosalía Navia para Terra Sen Amos, no que o xornalista cubano e actual director da revista cultural La Calle del Medio revela o resultado cómico de querer aplicar a mesma escala de valor ao resultado dunha revolución contra o abuso, a explotación e a negación da soberanía, e a promoción dunha revolta de cores que poida resultar nunha leda reconstrución do dominio burgués.  Os exemplos abondan e ningún deles ten nada a ver con Cuba

Comentando a unha boa amiga, que nestes días do Nadal lía e relía algúns textos que expresaban sentimentos e ideas dun pequeno grupo intelectual que se arroga a representación das maiorías nun manifesto que chaman Articulación plebea, que me dispuña a escribir sobre os temas que abordan, e recomendoume un título: Lecturas do Nadal. Non o tomei en serio cando o dixo, pero despois lembrei que existiran unhas Pascuas sanguentas no xa lonxano 1956, cando a violencia de Estado exercida pola ditadura de Batista arrincoulle a vida, en apenas tres días, a 23 mozos cubanos. Como un dos temas tratados é, precisamente, o da violencia de Estado, o título pareceume acaído.

Cada asasinato, cada detido torturado durante a ditadura batistiana, indignaba máis ao pobo, porque, se algo non admite o cubano, é o abuso, o uso abusivo da forza. A Revolución foi a resposta á violencia propia do capitalismo neocolonial cubano: á inxerencia do Procónsul estadounidense (os presidentes do imperio nin sequera se tomaban o traballo de visitar este paisito) a dos marines ianquis sobre a estatua de Martí no Parque Central ou nos garitos e bares da Habana, a do golpe de estado que situaba na presidencia ao home máis achegado aos intereses de Washington, a das enormes diferenzas entre ricos e pobres, ou a que se exercía, física ou moral, contra as mulleres, os negros, os labregos…

Contra a violencia reaccionaria ergueuse a Revolución. E estableceu un referente ético, político, humano, de xustiza social, de inclusión, de democracia.

A serie televisiva Coisa mais linda, producida por Netflix no Brasil -agora nas nosas pantallas-, sitúa a súa trama entre os anos 1959 e 1960; a soa presentación, non diría que frontal, pero si o abondo visíbel, do papel reservado ás mulleres e aos negros na sociedade da época, abala ao espectador cubano. Non é so que teña progresado noso critério. Naqueles anos, precisamente, a Revolución removía en Cuba os vellos alicerces mentais e institucionais do racismo e do machismo. Unha Revolución dentro da Revolución, dixo Fidel. Non poucas películas do ICAIC nacido coa Revolución, consagraran ese alancar revolucionario, necesariamente violento (porque enfrontaba unha violencia histórica, institucionalizada) de liberación da muller cubana, e, en xeral, dos oprimidos todos.

Non se producían por decreto os cambios, non: impúñaos a acción protagonista das masas compostas de individuos conscientes. E o diálogo. A premisa do diálogo foi a alfabetización, o ensino xeral e gratuíto. Non lles pido que crean, pídolles que lean, instaba Fidel. O diálogo creceu na Praza, nos centros de traballo, nas aulas; convocouse para sancionar declaracións, congresos, constitucións, aliñamentos, axudas internacionalistas.

Cando se repasan as loitas pola igualdade racial e de xénero nos Estados Unidos e no Brasil dos anos 60 do século pasado, compréndese canto avanzara este pequeno arquipélago. Barack Obama gabárase na Habana da importancia da súa elección como presidente, obviando, por suposto, as máis fondas leccións das décadas dos 60 e dos 70. A admiración de Malcolm X pola Revolución cubana e a rápida radicalización do seu pensamento, tiñan de transfundo un contexto internacional de loitas populares. De líder dos negros, o afro-americano transformárase en líder dos oprimidos, nun loitador anticapitalista. Ese cambio radical custaríalle a vida.

Camiño longo cara a xustiza total

Cos anos, a Revolución pode visibilizar novos espazos de inxustizas e expande a súa forza rectificadora sobre eles: o camiño cara á xustiza total nunca termina. O cambio que necesita o mundo non é cosmético: para acabar coa depredación do medio ambiente -que nos trae estes virus novos-, coa violencia clasista, de xénero, racial e cultural -formas autónomas de violencia, pero interdependentes- para refundar a democracia sobre bases diferentes ás xa inoperantes da burguesía e acceder á xustiza social, premisa da verdadeira liberdade individual, para que a nave chamada mundo non naufrague, cos seus ricos, pobres e desafiuzados, todos pasaxeiros do mesmo barco, é necesario un cambio de paradigma, de modos de vida, de concepcións sobre o éxito e a felicidade.

Contra a violencia reaccionaria ergueuse a Revolución. E estableceu un referente ético, político, humano, de xustiza social, de inclusión, de democracia. Por iso resulta tan estrano que ese grupo clame por establecer un  novo referente que cheira a vello. Non pode obviarse o contexto: o imperialismo é máis agresivo, bota man de recursos que abertamente violan a legalidade internacional, mentres a inmensa maioría dos cubanos aproba unha Constitución que proclama o Estado Socialista de Dereito. O imperialismo abandona o marco legal e ético do sistema burgués, que xa non logra soster e reproducir o seu poder, e promove golpes de estado, fraudes electorais, asasinatos selectivos, golpes cirúrxicos, invasións, bloqueos económicos e militares; porén, hai unha esquerda sistémica no capitalismo que persiste en erguer aquel marco inoperante, e une a súa voz e a súa sinatura a de representantes da dereita e a de coñecidos e impresentabeis mercenarios.

O capitalismo aprópiase dos conceptos que se proclaman de forma abstracta. Os seus abonados en Cuba, arelan con arroubo o espello roto da Constitución do 40, da República neocolonial. O pluralismo político (e o pluripartidismo, que defenden, algúns de forma sutil, outros abertamente), é a base sobre a que se erixe a violencia capitalista: dentro do sistema, todo, porque o diñeiro constrúe a hexemonía, e dá gato por coello. Como acertadamente di o filósofo español Carlos Fernández Liria: que sentido ten alardear do achado político da división de poderes, nunha situación na que o poder non é político, senón económico.

De verdade cren os asinantes do manifesto, que coa desaparición da lingua política polarizadora, desaparecerán todas as formas de violencia e desigualdade? Cren de verdade que estas teñen a súa orixe na lingua polarizadora? A reconciliación da que falan, é entre explotados e explotadores, entre servidores do imperialismo e defensores da independencia e a xustiza social? O todos de Martí, por tanto, non é meramente cuantitativo -insistía Cintio Vitier en maio de 1995, nun panel no que tiven a honra de participar-, parte dun abrazo de amor, pero tamén dun rexeitamento crítico, rexeitamento que non é inapelábel pero que só pode devir en abrazo se os que enganan, erran ou menten, aceptan a tese central do discurso que é a viabilidade histórica dunha Cuba independente e xusta ». Aínda que desde o punto de vista semántico Patria e Socialismo non son o mesmo, sonno desde un punto de vista histórico: sen socialismo, só nos queda o regreso ao capitalismo neocolonial.

Os revolucionarios cubanos vemos como algúns tentan aplicar, metodicamente, os consellos das chamadas (contra)revolucións de cores en Cuba, para nada pacíficas. Sentámonos a observar? deixámolos facer? Compórtanse con cinismo os supostos plebeos, cando aseguran rexeitar toda acción estatal violenta. Néstor Kohan, marxista arxentino de sólida formación crítica, amigo dalgúns dos autores -o dato non é superfluo, porque o seu malestar axústase a principios-, narraba así encontros anteriores con eles:

« Nunha desas discusións, escoitei que me dicían “Aquí, Néstor, [Trátase de Cuba, de Néstor Kohan], hai unha DITADURA? [sic]. Logo de refrear a miña tentación de gargallada, pregunteilles: Vostedes algunha vez estiveron presos? Eu si. Vostedes enfrontaron por acaso a infantaría da policía coas súas moucas, as súas escopetas e fusís recortados? Obviamente a resposta foi negativa. E continuei: Vostedes participaron en manifestacións onde as forzas de represión e os seus carros de asalto disparan os proxectís de gases lacrimóxenos directamente á cara da xente que se manifesta? (…) Noutra das discusións, algúns anos despois, tomeime o atrevemento de dar un consello. Coma se fose un vello sabichón e non un don ninguén, un militante rapado. Non aceptes diñeiro da xente que che ofrece un blog de internet  para que escribas o que ti queiras. En realidade, a frase exacta que pronunciei, con bon sutaque porteño, foi: para que escribás o que vos querás. NADA É DE BALDE , irmán. Se che ofrecen iso, sempre hai unha peaxe que pagar. E non che me confundas o Vaticano con Camilo Torres… porque non son e nunca foron o mesmo. Evidentemente non fun un bon conselleiro. Non me fixeron caso ».

En Cuba non hai nin haberá cazarías de bruxas. Tampouco impunidade. Os cubanos respectamos a quen defenden criterios discrepantes de forma honrada. Non son inimigos. Dialogamos, debatemos, confrontamos. Pero décadas de enfrontamento ao imperialismo ensináronnos a descubrir a dobre moral inimiga, a pel de ovella sobre o corpo do lobiño. Ao final, este sempre salta.

Trump ordena asaltar o Capitolio mentres promete novas vinganzas contra Cuba e Venezuela por non seguiren seus consellos

Alina María Maceda – Terra Sen Amos – Washington

O presidente Trump incita o pobo norteamericano a tomar o Congreso arrogándose unha vantaxe en votos que non corresponde coas actas de novembro. Na letra da Constitución dos EUA,  o presidente é o primeiro custodio do sistema de garantías que validan a consulta democrática para a presidencia e a composición das cámaras responsábeis de lexislar e censar a norma. A instancias do presidente, unha manifestación armada asaltou o Congreso e deu morte a catro persoas do servizo do Capitolio.

Os enviados de Trump invaden o Congreso de Washington na Quarta Feria sen apenas obxeción da tropa de escolta.

As crónicas da toma do Congreso citan a colaboración da tropa encargada de vixiar o edificio cos asaltantes e The Washington Post comenta que os manifestantes amigos de Trump, de maioría branca, foran tratados con cumprimento cando ainda está vivo o recordo da dureza policial contra a marcha de Black Lives Matter.  A CNN dixo que era escandalosa a falla de previsión do servicio de seguridade, un descuido culpábel que provocaba inquedanza en todo o país, tendo en conta que Donald Trump, finalmente recoñecido perdedor das eleccións, manterá a presidencia até o 20 de xaneiro.

E mentres os EUA dirimen se é máis acaido ingresar no Congreso polos votos ou cun coitelo nos dentes e unha bandeira sudista, non pode ser menor a indignación de Cuba ao coñecer o propósito da Casa Branca de decidir nos trece días restantes de goberno de Trump, o reingreso da illa na lista de paises patrocinadores do terrorismo.  Na véspera do 62 aniversario da Revolución, o ministro de exteriores de Trump anunciara a inclusión do Banco Financiero Internacional S.A. (BFI) na “lista negra” das empresas cubanas ás que o imperio veda operacións finaceiras con empresas dos EUA e dos seus socios de rodo o mundo usuarios de patentes estadounidenses.. 

O ministro de Estado de Cuba, dixo que o goberno saínte de Washington procuraba reforzar desesperadamente o Bloqueo que fracasara na súa promesa de destruir a Revolución Cubana en 62 anos e que, ao tempo, esforzábase en pagar a minoría anticubana da Florida a súa inútil recada de votos para Trump. Marco Rubio, que acusara durante a campaña electoral ao Partido Demócrata de comunista, sentírase gabado pola renovada  promesa de Trump de acabar coa Revolución.  Con estas palabras, Trump ingresa na galeiría de presidentes  dos EUA que xuraran acabar con Cuba. Xa son 12.

No entanto, Venezuela renova a Asemblea Nacional ao cabo dunha consulta que recibe o refrendo de observadores recoñecidos de todo o mundo. A circunstancia histórica fai coincidir a insurrección dos partidarios de Trump descontentoss co seu fracaso nas eleccións de novembro, coa campaña de aldraxes do goberno terminal de Washington contra Venezuela por ter votado en orde e con garantías.  O ciclo de predicación en Latinoamérica das vantaxes da norma de Washington cumpre un século e, para celebralo, Trump manda invadir o Capitolio.

A opinión creada na Rede, convencera a moitos a se manifestaren en San Isidro

Ilustración publicada no diario Escambray.cu

José Alberto Amesty*-  Frente Antiimperialista Internacionalista

A oficina do Hemisferio Occidental do ministerio de Exteriores dos EUA promove a subversión en Cuba a partir da formación de líderes emerxentes locais, para transformaren a sociedade cubana desde dentro, por medio do combate e descrédito dos principios, valores e practicas socialistas. Este proxecto subversivo está en marcha e as organizacións que se benefician dos fondos provistos polo goberno de Washington, xa fan por engadar, comprometer e enganar a mocidade da illa para exerceren oficio de mercenarios ao servizo dunha potencia estranxeira.

Estes grupos de mercenarios son doados de dirixir xa que forman unha especie de club único, no que se consideran  elixidos e cometen por iso erros de autosuficiencia. A intromisión política nun estado soberano, por un ou varios estados ou organizacións internacionais, mediante a forza armada ou outras medidas, ten por obxectivo violentar as leis dun país para beneficio doutro. Velaquí algúns sinónimos de entremeterse: introducirse, inmiscirse, violar, intervir, invadir, derrocar…. Definición que nunca perde a súa carga violenta, de destrución, nunca de axuda.

A actual conspiración dos EUA contra Cuba comezara de feito 3 de febreiro de 1962, mediante a orde executiva Nº. 3447 asinada polo presidente John F. Kennedy, malia que desde 1959, o goberno de Eisenhower tomara medidas para restrinxir o comercio entre EUA e Cuba para prexudicar a economía da illa.

Sabemos os danos que este cerco causou a traballadoras e traballadores e a sociedade de Cuba en xeral, con cortes de electricidade nas principais cidades do país e nos horarios de maior demanda, mingua de alimentos, caída de frecuencias do transporte público entre outras calamidades que ben merecen seren chamados agresión política, económica, financeira, comercial e tecnolóxica. Un bloqueo enteiro e verdadeiro contra cuba.

A inxerencia afecta as comunicacións, a informática e as telecomunicacións, nunha política aberrante de parte dos gobernos dos EUA que empecen a circulación de información, coutan o acceso a Internet e ás tecnoloxías da información e encarecen a comunicación internacional do país. O ciberespazo convértese así nun arma para subverter o sistema político e xurídico cubano. Os danos económicos ocasionados ao sistema das comunicacións, desde abril de 2018 a marzo de 2019, estímanse en máis de 55 millóns de dólares. A Empresa de Telecomunicacións de Cuba S.A. (ETECSA) continúa sendo a entidade máis afectada cun 98% do monto total dos prexuízos.

Un dos principais agresores de Cuba heroica, foi a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional USAID, que ven cambiando desde hai tempo seu obxectivo declarado de asistencia económica, polo papel de lercha ladroa de centos de millóns de dólares que acaban na dotación de axentes locais, en prover as aparencias de rigor de presuntos xornalistas comprados e doutros profesionais, no envío de propaganda mentireira que axude a cambiar  mentes e argallar opositores ao goberno cubano mediante traballo político encuberto. E, xa que logo, seguir apoiando o bloqueo económico contra a illa heroica.

Do mentireiro mundo da USAID-CIA, pode esperarse calquera calamidade: cambian coma camaleóns con tal de enmascararen seu propósito verdadeiro que é acabar coa Revolución Cubana. E mentres o inimigo non descansa, nós temos a obriga de procurar arreo un mundo máis xusto e fraterno.

Ben se puido ver estes dias coa farsa de San Isidro: unha desestabilización  multifacética contra Cuba solidaria a medio dunha ciberguerra, entre outras armas empregadas polo imperialismo. O mesmo Pentágono danos a medida da belicosidade deste arma cando lle reserva un investimento multimillonario para crear medios e influencers (persoas ás que atribúen opinión de referencia na Rede) dixitais cos seus exércitos de bots (soporte lóxico que serve para comunicarse co usuario, finxindo un comportamento humano, mesmo que por veces sexa o dun humano de poucas palabras) que transmiten contra a illa desde Estados Unidos.

PARA ROMPERLLE O EIXO A CUBA

O escritor cubano Abel Prieto, asegura que a maioría dos que chegaron ante o Ministerio de Cultura Cubano en San Isidro, foron impulsados a facelo polo estado de opinión creado nas redes. Este é o espazo virtual, utilizado agora por USA, para romperlle o eixo a Cuba.

As revolucións de cor, entran dentro das estratexias de intervención, que os EUA usan para acabar con Gobernos  que non comparten a visión estadounidense da economía e da orde imperialista. Golpe de estado brando, golpe suave, golpe encuberto ou golpe non tradicional, son os nomes do conxunto de técnicas non frontais e principalmente non violentas, nomeadamente  conxuras, dirixidas a abalar gobernos sen que pareza que foi consecuencia da acción de terceiros.

A expresión procede do politólogo estadounidense Gene Sharp, quen, segundo Thierry Meyssan (xornalista e activista político francés, editor de A Rede Voltaire) “recibira o encargo da CIA para pór en práctica a súa investigación teórica en China”, en 1989, e traballou para “crear programas de adestramento da mocidade activista co obxectivo de organizar golpes”, por encarga do Estado de Israel

Por acaso, o golpe de estado é brando e ten que ver coa chamada lawfare (guerra xurídica ou guerra xudicial) para derrocar un goberno mediante mecanismos aparentemente legais.

No seu ensaio Da Ditadura á Democracia,  Gene Sharp describe 198 métodos para derrocar gobernos mediante golpes suaves e precisa unha estratexia de cinco pasos:

-Promover accións non violentas para xerar e propiciar un clima de malestar na sociedade, nomeadamente denuncias de corrupción, promoción de intrigas ou divulgación de falsos rumores.

-Desenvolver intensas campañas en defensa da liberdade de prensa e dos dereitos humanos, acompañadas de acusacións de totalitarismo contra o goberno no poder.

-Loitar arreo por reivindicacións políticas e sociais e por manipulación colectiva para provocar manifestacións e protestas violentas contra as  institucións.

-Executar operacións de guerra psicolóxica e debalo do goberno, creando un clima de ingobernabilidade.

-Forzar a renuncia dun presidente mediante revoltas para controlar as institucións, mentres se mantén a presión na rúa. Paralelamente, prepárase o terreo para a intervención militar, mentres se desenvolve unha guerra interna que produce o illamento internacional do país.

As primeiras tres etapas foran ensaiadas en San Isidro, o que nos fai pensar que a mellor defensa da Revolución Cubana, segue sendo a ofensiva audaz, creativa, oportuna e ben trazada.

* Articulista político venezolano, actualmente radicado en Costa Rica. Pastor da Igrexa Metodista Wesleyana Costarriqueña e Reverendo da Unión Evanxélica Pentecostal Venezolana UEPV. Colaborador de Aporrea.org, AlaiLatina, Suramericapress. Colaborador da Fronte Antiimperialista.

Tradución ao Galego para TSA de Rosana Domiño.

A prensa do capital silencia a revolta xeral de Latinoamérica contra o neoliberalismo

Xosé Aponte – Jacksonville (FLA)

Tanto o governo terminal de Washington coma seu relevo en portas, evitan recoñecer a actual revolta de Latinoamérica, a máis importante desde o Caracazo de 1989 que prendera coma lume no Ecuador e Chile. As grandes axencias de prensa agachan a revolución continental e para iso parcelan un feito evidente de alcance xeral. O pobo de Colombia leva máis de trece meses na rúa contra un goberno de narcos e bandidos e nese tempo as balas de Duque mataron 253 manifestantes aos que hai que sumar 150 ex membros das FARC asasinados desde o Acordo de Paz. A crecente represión das protestas contra o goberno de Moreno no Perú, causa dous mortos, centos de feridos e 200 desaparecidos; en Chile, desde a primeira semana de outubro, as forzas de orde, dirixidas por Piñera mataron 20 manifestantes inermes, feriron 1.233 e levaron con axuda dos xuices á cadea outros 3.712 na maioria mulleres; catrocentas manifestantes foron atinxidos en maior ou menor gravidade por munición de chumbo.

O pobo na rúa acaba en Chile coa constitución imposta pola dictadura e reclama destora a dimisión de Sebastián Piñera,  custodio das chaves de Pinochet.

En Perú, gobernantes e pobo distancianse tanto coma nos primeiros 60 e a protesta gaña en coherencia mentres aumenta a represión. Desertizado o país polo librecambismo -a única solución aos problemas económicos do país según o consello teimudo deMario Vargas Llosa- a única prenda económica do goberno en fuga consiste en concesións mineiras abusivas, nomeadamente aos EUA

O pobo na rúa acaba en Chile coa constitución imposta pola dictadura e reclama destora a dimisión do gardador das chaves de Pinochet, Sebastián Piñera. O temor é que o goberno neo-pinochetista blinde a nova constitución con regulamentos que xa se anuncian e que deixarían a loita na rúa e a esperanza de xustiza nun novo chasco. Polo de agora, Piñera négase a indultar os presos políticos das protestas e contesta de caralavada que ese rigor contra alzados é unha das previsións da nova Carta Magna. Para Piñera, tamén chamado O Rockfeller de Chile, o golpe cruento de Pinochet fora unha pragmática necesaria para traer a prosperidade do neoliberalismo. Os chilenos dinque coa desregularización medrou inxustiza e desigualdade. Piñera atinxe o 90% de desaprobación.

A revolta reaviva con forza en Guatemala o espectro da represión de  2015, que levara finalmente a cadea ao vesánico Otto Pérez Molina investigado pola Comisión Internacional Contra la Impunidad, promovida pola ONU. Washington esperaba conseguir con  ela afogar o espantallo do tirano e salvar a megaminería do norte, arrasadora da agricultura e causa das marchas da fame cara a fronteira con California.

RECORDO DE EL CHORRILLO

Desta volta xa non é a febre do ouro de Klondike, nos finais do XIX senón unha fuga masiva da pobreza que os media do capital deixaron de considerar. O neoliberalismo arrasou emprego, vivenda e saúde e a fuga da poboación en plena pandemia aparece tamén en Panamá, a meca dos capitais fugados que nesta altura recorda a matanza de El Chorrillo (decembro do 89) consecuencia do desembarco de tropa dos EUA, con 20.000 desprazados e unha conta de mortos de nunca acabar; Laurentino Cortizo, presidente nomeado polos mesmo causantes do sitio do Chorrillo, recibe críticas do goberno de Washington por ter reclamado axuda de Cuba para loitar contra a pandemia. Cortizo protesta a Casa Branca a súa condición de presidente obrigado a asistir de estafermo a fuga dos seus para o Rio de Tijuana mentres a súa mesa reborda de denuncia mineiras de empresas do Norte.

A Honduras empobrecida pola galerna do librecambio ven de arrasala un furacán que a retrasa 20 anos en tres semanas, mentres as protestas polo pais inerme crúzanse coa cadea de emigrantes de a pé.

Haití e Paraguai denuncian pobreza e corrupción mentres viven o retroceso cara tiranías de hai 50 anos. Haití co regreso dun goberno autoritario aliado coa delincuencia; Paraguai denuncia ao xefe da milicia, o corrupto Mario Abdo Benitez, cacique de Stroessner, que cerca e tortura aos pobos orixinarios e defende os intereses do capital sen contar coa precariedade e desafiuzamento masivos que provoca. En Haití, as bandas secuestran e asasinan co permiso de Juvenel Mose, un presidente que recorda a Papa Doc e os seus Tontom Macoutes. A macutización acelerada contra a resistencia popular só recibe a promesa dunha nova constitución. Un recurso que busca transformar o problema en falsa solución, coma no caso de  Piñera que acusado de tiranía reaparece de pais da Nova Lei mentres os paramilitares cargan contra disidentes e oposición.

En Brasil sucédense as concentracións que piden o fin da guerra policial de Bolsonaro nas rúas das cidades. En Abril o presidente meteu a tropa nas favelas de Río e matou 177 persoas que protestaban contra o goberno e o racismo das forzas armadas.  Emir Sadder recorda que cada 2 horas é asasinada unha muller no Brasil. En ningún outro pais do continente é máis maltratada polos representantes da Lei a poboación de procedencia africana que é maioria no Brasil, e entre 2018 y 2019 o aumento da violencia contra a poboación orixinaria foi do 150%.  A revolta pola degradación de dereitos económicos, sociais, culturais e de defensa da natureza conmove un pais cuxo presidente fai ironias en público sobre a pandemia que provoca centos de mortes por día e milleiros por mes. O goberno de Bolsonaro asegurou que non eran precisas políticas de prevención e emerxencia contra a Covid-19 porque a solución de todos os problemas do país viría do crecimento económico e a xeneración de emprego. Agora non hai ninguén no país que acredite na sinceridade do presidente cando anunciou que a inmunidade chegaría pola via natural porque o cinismo de Bolsonaro chega até non recoñecer as vítimas do virus.

A censura das grandes axencias e cabeceiras do capital enfosca a realidade do monumental fracaso do librecambismo mentres labora a diario por construir  un estado de opinión contrario a defensa da independencia de Cuba, Venezuela e Nicaragua e demoniza os avances de dereito fundados no socialismo. Cuba acusada durante anos polo imperialismo de exiliar catastróficamente a súa poboación por malgoberno, recibe distincións de axencias de Norte e Sur, ten unha docencia excelente, de acceso universal, sen comparanza mesmo en paises do norte integrados na cadena de explotación do Sur e envía brigadas médicas a todo o mundo

Os argumentos clásicos da ofensiva imperialista contra Venezuela son banais e mendaces fronte unha resistencia real e articulada sobre principios socialistas e non pode negar a propaganda colosal dos EUA que o goberno bolivariano ten acertos e resultados positivos para o pobo superiores a todas as trampas infames construidas no despacho de Elliot Abrahms, cónsul imperial encarregado por Donald Trump para acabar co goberno lexítimo de Venezuela. Abrahms leva no seu expediente a responsabilidade pola matanza de El Mozote (Salvador) hai 36 anos, onde un comando formado pola CIA asasinou a máis de 1000 labregos desarmados. 

A construción mercenaria de parte dos EUA dunha nova contra para acabar co sistema de cooperativas agrícolas de Nicaragua, só rexistra o voto das universidades e colexios de pago e dunha parte da burguesía exiliada en Florida. Como se ven repetindo na historia do imperialismo dos EUA contra Latinoamérica, o orzamento do goberno de Trump para desangrar o programa socialista dos sandinistas, supera o PIB do país e non consigue dobrar a vontade independentista.

A imposición do librecambismo, a débeda externa impagábel e a amortización acelerada dos sistemas públicos de ensino, asistencia social e protección contra as enfermidades encenden a protesta en todo o continente. Neste vasto cómaro de tiranía, o máis visíbel e a reactivación do saqueo imperial con desprezo obsceno da lei internacional e do dereito a soberanía mediante unha política de mentira e falsificación activa da realidade e de negación do dereito.

Tradución ao Galego de Alicia Carvalho para Terra Sen Amos.

“Dialogar e criticar é normal na cultura, mais aos figureiros, nin caso” (Abel Prieto)

AXENCIAS – TERRA SEN AMMOS

Abel Prieto recordaba nunha recente entrevista co diario mexicano La Jornada, que ao cabo de seis décadas de bloqueo económico, cerco diplomático e propaganda infame contra Cuba, de parte dos EUA, a cultura cubana segue a ser un espello irradiante para todas as persoas que aspiran á xustiza e a equidade e un dereito de todas, non das minorías. Sobre a recente protesta programada perante o Ministerio da Cultura para a apertura dos noticiarios da TV do norte, o actual presidente da Casa de las Américas, recorda que non hai crítica que non se poda facer nos horizontes abertos da cultura cubana.


Abel Prieto recorda o consello de Fidel: “En tempos de máximo cerco imperial é urxente defender a cultura”

Non hai obxección posibel contra a crítica e a revisión posmoderna dos  límites, recorda Abel: “dialogar sobre como consolidar comprensión entre creadores e institucións, sobre manifestacións experimentais da arte ainda non ben comprendidas, é algo plenamente admitido o mesmo que a imprescindíbel función crítica da creación artística ou o todo é lícito da visión posmoderna, a liberdade de expresión e moitos máis asuntos”.

“O que non é lexítimo –precisa- e non respectar a Lei, o querer facer chantaxe ás institucións, aldraxar os símbolos da patria, procurar notoriedade mediante a provocación, participar en accións pagadas polos inimigos da nación, colaborar cos que traballan para destruilas, mentir e sumarse ao coro anti-cubano nas redes e encirrar odio”.

O escritor explica a elección do intre para finxir: “No medio da crise mundial provocada pola pandemia e o neoliberalismo global,  Cuba sofre ao mesmo tempo un estado de sitio sen precedentes de parte dos EUA. Eis a razón de que fora escollido este intre para pagar montaxes que poidan ofrecer unha imaxe desfigurada do país. Todo creador que procure  diálogo coas institucións con obxectivos lexítimos, terá interlocutores dispostos a conversaren e a recibir colaboración. Cos figureiros, nin caso”.