Arquivos da categoría Novas

Categoría onde van as novas

ESCRAVOS NO SÉCULO XXI

Rosa Miriam Elizalde – La Jornada

Persoal médico Cubano celebra 22 anos de asistencia solidaria en Haití

Nun exercicio de cinismo diplomático que raia no delirio, o goberno dos EUA di que Cuba é reo de escravitude moderna pola súa cooperación médica internacional. No en tanto, o goberno de Washington maltrata  emigrantes de América Latina, a plena luz do día e négalles dereito a asistencia legal. O paradoxo non é menor: médicos cubanos salvan vidas nas rexións máis empobrecidas do planeta, e o goberno de Trump encadea a seres humanos de pés e mans, embárcaos como se fosen gado cara a terceiros países e encérraos en centros de tortura.

Cuba sostén dende hai décadas un programa de colaboración médica sen precedentes, coa participación de máis de 600 mil cooperantes sanitarios en 165 nacións. Ese persoal médico enfronta pandemias, furacáns, fames negras e crises humanitarias sobre a base dun principio formulado expresamente por Fidel Castro para a colaboración cubana en saúde: “Nas relacións internacionais, practicamos a nosa solidariedade con feitos, non con palabras”.

Con todo, Washington, desde Bush até Trump, non parou na súa teima por desacreditar ese modelo, acusándoo de “tráfico humano” e “traballo forzoso”, cando o que lles molesta é que Cuba exporta dignidade, tal e como a definira Emanuel Kant: o filósofo alemán distinguía entre os que ten prezo e os que ten dignidade. O prezo é para aquelas cousas que poden ser substituídas por algo equivalente, mentres que a dignidade transcende todo prezo e non admite nada equivalente.

O que acontece ao norte do río Bravo non ten nada a ver coa dignidade. A nova administración Trump, decidida a aplicar unha política migratoria de tolerancia cero baixo parámetros supremacistas, reactivou o mecanismo de deportacións seriadas e sen o debido proceso da lei. Os inmigrantes son deportados sen xuízo nin oportunidade de responder as alegacións contra eles. Son expulsados con grilóns nos nocellos e alxemas nos pulsos, amontoados en avións que os levan non necesariamente ao seu país de orixe, senón ao país que Washington designa como “espazo seguro”.

O caso dos venezolanos deportados ao Salvador é especialmente escandaloso. O país centroamericano, convertido por Bukele nunha cadea vixiada por abellóns (drons) ofreceu ao goberno dos EUA unha infraestrutura de represión sen rendición de contas: o Centro de Confinamento do Terrorismo (Cecot), unha mega-cadea onde o amoreamento, a tortura, a desaparición e a negación do debido proceso e a relación cos familiares son o común, segundo organizacións de dereitos humanos. Washington expón deste xeito a súa violencia migratoria coas leccións ben aprendidas na era Bush: se os detidos están fóra do territorio nacional, non teñen dereitos nin poden reclamar a xustiza dos EUA. Esa foi a doutrina para Guantánamo. Hoxe, Trump recíclaa para deportar e reprimir sen custo xudicial.

Mentres, a maquinaria de propaganda do Departamento de Estado e os seus satélites mediáticos en Miami, seguen co retrouso de que os médicos cubanos son escravos. Mais de que escravitude están a falar? Da lanceta que opera de balde a un neno en Haití? Na vacina que se administra en Angola? Ou nas mans encadeadas do emigrante que foxe do seu país de orixe e acaba nunha cadea salvadoreña sen nome nin avogado? Cal é a diferencia entre esta situación e a dos dos desaparecidos na Arxentina, Uruguai, Guatemala ou Chile, durante a guerra sucia dos anos 70 e 80?

A hipocrisía é vella, mais esta é de cara lavada. Acusar a Cuba do que os EUA practican a escala industrial é unha vella estratexia: culpar á vítima para agacharen seus propios crimes. Os grilóns cos que encadean emigrantes non poden ocultar o verdadeiro rostro do imperio que se di libre e democrático, mentres reproduce, con nova tecnoloxía, as cadeas dos barcos negreiros que pairan aínda  pola conciencia moderna de Occidente.

En Barco de Escravos (Capitán Swing, 2023), o historiador Markus Rediker, norteamericano,  conta a trata sobre o Atlántico dende finais do século XV deica case i fin do XIX, durante 400 anos. “As adegas estaban tan ateigadas que case non tiñan espazo para se daren volta. As cadeas que os amarraban para evitar calquera tentación de fuga, púñalles en carne viva alxemas, pescozo e nocellos”. Exactamente como agora.

O trumpismo prescinde de máscaras: hai barra libre de fascismo e ao que se pase non o botan da festa, senón que o poñen a organizar outra, como esta de culpar a Cuba de escravitude moderna, mentres avións negreiros voan rasantes de Norte a Sur, por riba das nosas cabezas.

(Traducido ao Galego para TSA por Rosa Lourido)

Cuba enteira nas rúas nun Primeiro de Maio histórico

Yuniel Labacera – Juventud Rebelde

 Na Praza da Revolución José Martí da Habana era imposíbel abrir paso entre as máis de 600.000 persoas que alí déranse cita, como noutras partes do país, non só para conmemoraren o Primeiro de Maio,  senón para renovar o xuramento de seguir o camiño da Revolución que Fidel nos legara. Pese a quen pese, como sexa, Cuba vai, Cuba vai! Esa certeza que abraza un dos nosos máis altos versos feito canción, himno, declaración de principios, e que retrata en poucas palabras a estirpe desta illa inmensa, volveu facerse realidade neste Primeiro de Maio, baixo a presión infame encanallada e as ameazas de sempre, os fillos deste heroico pobo enchemos rúas, avenidas e prazas para celebrarmos o Día Internacional dos Traballadores.

Bandeiras, cores, barrocos cartazes de vermello e azul, imaxes que reviven a historia grande e a rmarea da alegría que contaxia, porque vivimos nun país libre, cal só pode ser libre nesta terra e neste intre , porque esta tradición fermosa non se limita a un mero aceno, porque é loitar polos nosos soños de xustiza para Cuba e para o mundo.

Todo comezou ben cedo dunha punta á outra da Maior das Antillas, e na Praza da Revolución José Martí da Habana non se daba aberto camiño entre unha marea de máis de 600 000 que como no resto do país, para alén de conmemoraren o aniversario do 1 de Maio, renovaban o xuramento de seguir o camiño da Revolución que nos legou Fidel e que fora certificado polo povo nas urnas naquel novembro de 2016.

ANOTACIÓNS SOBRE O TEMA DA EMIGRACIÓN VENEZOLANA

Farruco Sesto – NÓSdiario

Se algún país sabe de emigración é Galiza.  Pois practicamente todas as familias galegas, directa ou indirectamente, levan xa dous séculos bebendo desa auga que flúe e reflúe sen parar.  E moitos de nós, mesmo, mergullámonos nela. Con base a ese coñecemento parece útil, en termos humanos pero tamén políticos, comprender o que aconteceu, entre 2015 e 2020, coa emigración en Venezuela, coa que existen tantos vínculos. Sobre todo, porque foi un gran motivo de manipulación mediática.

Centenares de venezuelanos foran deportados ilegalmente por Trump, invocando unha Lei de Guerra, sen probas nin xuízo, aos campos de concentración de Bukele no Salvador. A xustiza dos EUA dixo que a orde presidencial era ilegal.

O primeiro que hai que dicir é que historicamente Venezuela é un país de inmigración, é dicir, de recepción de emigrantes de todas partes. E nunca foi, nin seguramente será, un país xerador de emigración. Para comprendermos esa paréntese puntual de seis ou sete anos, vaian as seguintes anotacións:

•        En 2013 a dereita opositora, seguindo o seu costume, descoñeceu a vitoria presidencial de Nicolás Maduro e lanzou un plan de violencia e subversión co obxectivo de derrocar ao goberno

•        En paralelo, sobre todo a partir de 2014, os EUA iniciaron unha brutal guerra híbrida contra Venezuela (bloqueo comercial,  sancións, sabotaxe de servizos, ataque á moeda, etc.) para retorcerlle o brazo ao país, segundo expresión de Obama, coa finalidade de producir tal deterioración das condicións de vida, que o pobo se vise obrigado a renunciar ao seu proxecto histórico e cambiase a súa orientación política. (Vana ilusión)

•        O exembaixador ddos EUA en Venezuela William Brownfield, daquela membro do equipo da Secretaría de Estado, haberíao de recoñecer despois, falando desas “sancións”, cando dixo en castelán:

 “…neste momento quizais a mellor resolución sería acelerar o colapso aínda que produza un período de sufrimento maior, por un período de meses ou se cadra anos”

•        Para poñer a guinda no pastel, en 2015 Obama lanzou un decreto (aínda hoxe vixente) que declarou a Venezuela “ameaza insólita e extraordinaria para a seguridade dos EUA”.

•        Compre anotar de paso que, nesa guerra híbrida, a oposición de extrema dereita, estableceu alianzas co narco-paramilitarismo colombiano así como coas súas réplicas locais en Venezuela, tales como o Tren de Aragua, (hoxe extinto) ás que apoiou loxisticamente, para sumalas aos plans subversivos.

•        É entón, no cénit desa estratexia subversiva, de escaseza e violencia, cando a oposición dereitista promoveu unha campaña mediática sen precedentes, incluíndo o uso masivo das redes, para estimular á poboación a emigrar e  “fuxir da ditadura”.

•        De maneira que se pode afirmar que o fenómeno de emigración descoñecido até daquela, que se produciu puntualmente en Venezuela, foi o resultado natural dun plan deseñado para facer cachizas da vida diaria do pobo venezolano, co fin de afectar a súa vontade política.

•        Pero como para a dereita todo é mercadoría, ocorreu tamén que o control e manexo dunha parte desa emigración inducida, converteuse nun negocio para os dirixentes da oposición, a través do acceso a fondos  humanitarios procedentes de organismos internacionais, pero tamén coa cobranza directa aos propios emigrantes, por xestións de translado e falsificación de documentos, en moitos casos até os propios EUA.

•        Paradoxalmente e en paralelo, esa mesma oposición fascista promoveu no exterior, particularmente en América Latina, unha campaña de odio e desprezo contra os propios emigrantes aos que Julio Borges, “chanceler” do “goberno” de Guaidó, chegou cualificar de praga ou peste.

•        A partir da pandemia, nommeadamente  en 2020 e 2021, sucedeu que esta onda migratoria episódica comezou a reverter, co regreso paulatino a Venezuela dunha parte dos migrantes.  Dous anos antes, en 2018, o goberno bolivariano lanzara a misión “Volta á patria” para facilitar o retorno dos seus emigrantes, poñendo á súa disposición avións e axudas loxísticas. No de hoxe, a cifra de retornados supera amplamente o millón de persoas.

•        Con respecto ás dificultades dos venezolanos migrantes nos EUA que foron ameazados, detidos e maltratados polas autoridades daquel país, Venezuela manifesta a súa disposición para recibilos incondicionalmente, esixindo ao mesmo tempo que os seus dereitos humanos sexan respectados en todo momento.

•        En relación aos centenares que foron deportados ilegalmente, acusados de terroristas, sen probas nin xuízo, aos campos de concentración de Bukele no Salvador, o goberno bolivariano reclama o seu regreso a Venezuela sen dilación, ao mesmo tempo que denuncia o caso nas Nacións Unidas como tráfico de persoas.

MEDIOS EXPULSADOS DA “USAID” TEMEN PERDER  A SÚA “INDEPENDENCIA”

PASCUAL SERRANO –  Mundo Obrero

O tremor de terra producido por Trump ao pechar a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID) sentiuse en todo o mundo. Moitas persoas coidaban que a decisión tiña que ver coa liña neoliberal de suspender o apoio a proxectos de cooperación ou humanitarios, pero a esquerda internacional sabe que a USAID era, basicamente, unha axencia de intervención e desestabilización contra gobernos e países que non eran do gusto dos EUA. De feito, o orzamento da USAID para fins políticos era de 16,8 mil millóns mentres os fondos para axuda humanitaria só recibían 10,5.

Os diarios que ficaran fóra da nómina da USAID en Miami e Madrid demandan donacións para manteren a “independencia”. Caricatura de Martirena.

Un apartado interesante dos orzamentos políticos era o destinado a xornalistas e medios de comunicación. Grazas a unha denuncia de Reporteiros sen Fronteiras (RSF) moi aquelados pola importante cantidade que deixaran de percibir da USAID, puidemos coñecer algúns detalles. Por exemplo, que o orzamento asignado para apoiar a medios independentes e redaccións no exilio, e garantir a liberdade de información era de 268 millóns de euros.

E non so para xornalistas e medios. RSF sinala que “hai tamén grandes ONG internacionais que apoian medios independentes (é o caso do International Fund for Public Interest Media) como pequenos medios locais que serven a audiencias en países con censura como Irán ou Rusia”.

De novo “independentes” e láianse de ficaren sen fondos do goberno dos EUA que eran quen os tiña comprados. Resulta ben elocuente.

Medios de comunicación de máis de 30 paises dependían dos orzamentos da USAID, segundo unha nota informativa da propia axencia que xa foi retirada da internet; en 2023 financiaran a formación e o pago a 6.200 reporteiros, asistiran a 707 medios non estatais e apoiaran 279 organizacións comprometidas “na defensa do xornalismo independente”. De novo “independentes”, e estaban comprados. Para 2025, o orzamento de axuda exterior para xornalistas e prensa incluía 268.376.000 dólares.

Moitas organizacións e medios expresan desacougo e inquedanza mentres outros calan coma petos por non quedaren na evidencia de estar na nómina do goberno dos EUA.

Algúns dos medios e xornalistas expulsados da nómina da USAID , por exemplo na Bielorrusia ou Irán, lanza a voz de alarma de que o espazo que abandonan por falta de pago pode ser ocupado pola propaganda dos gobernos que antes criticaban, Coma se o que eles facían non fose propaganda do goberno de ashington.

INDEPENDENTES/COMPRADOS

RSF  láiase “do risco da entrada de novas fontes de financiamento nestes medios que  poderían influír na súa liña editorial e afectar a súa independencia”. Seica non o facía o goberno de Estados Unidos cando lles pagaba a nómina? Avisan que as persoas responsábeis deste medios, antes escribían ao dictado da USAID,  poderían deixarse influír por novas fontes de financiamento.

Informan que, na Ucraína, 9 de cada 10 medios dependían do financiamento da USAID. Podemos imaixnar a pluralidade informativa dun país no que o 90% dos medios viven do diñeiro dunha potencia estranxeira. E cando esas nóminas desaparecen, denuncian que a liberdade de expresión está a morrer. É do que se queixa a directora xeral de Slidstvo.Info, que denuncia a suspensión do 80% do seu orzamento a causa do peche da billa da USAID. «Algúns corren o risco de pechar ou ser comprados por empresarios ou oligarcas; temo que o diñeiro ruso pode entrar no mercado e intensificar a propaganda». Así que se entra diñeiro ruso chega a propaganda e cando o diñeiro ven dos EUA, chega liberdade de expresión.

Non deixa de ser curioso que RSF afirme no seu comunicado que coa suspensión inesperada destas axudas están a “dar un duro golpe á liberdade de prensa”. Finanzar medios de comunicación públicos por parte de calquera Estado, considérase intervención gobernamental que atenta contra a liberdade de expresión, mais cando é o goberno dos EUA o que compra xornalistas e medios en máis de 30 países, o que fai é garantir a liberdade de prensa.

Sería ben interesante que os que alarman nas redes sociais contra medios  de comunicación finanzados polos gobernos de Cuba, Venezuela, Rusia ou China, fixesen algo semellantes cando falan de dalgúns dos 707 medios e 6.200 xornalistas pagados polo goberno dos EUA.

(tradución ao Galego para TSA de Xiana Areán)

“Coa Man no Corazón” expón en Compostela doazóns de 33 artistas para levar marcapasos a Cuba bloqueada

Delia Senín – Terra Sen Amos (Compostela)

Xosé Manuel Viqueira Sende, que fora presidente da Francisco Villamil de 2006 a 2010, lembrou que Cuba ten problemas para a provisión de recursos médicos por causa do  bloqueo imperial que atura dende os primeiros 60. A Villamil coa colaboración de 33 artistas de toda Galiza, do Concello de Compostela, voluntarios,  sindicatos e do BNG, presentou a mostra Coa Man no Corazón! que permitirá a adquisición de marcapasos para Medicuba-Europa.

Xosé Manuel Viqueira Sende, comisario da mostra, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela e Ingrid Izquierdo, Cónsul Xeral de Cuba. (Ana Pereira)

Desprezando toda a información manipulada contra a illa, Viqueira afirmou que “quen ten visión de futuro, aposta por Cuba”. A mostra contén obra  de 36 artistas en soportes, tamaños e técnicas diversas e está inspirada na figura do Che. Abre no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Compostela, no que mal se cabia o día da inauguración. Durante as presentacións, o pintor Yoseba Muruzábal rematou un retrato sobre táboa a vista do público .

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela, celebrou a  iniciativa:   “Atrae dende o  título: Coa man no corazón! , quer dicer: co ánimode todas as persoas que participamos nela, co corazón do feixe de artistas que aportaron obra para poder asistiren de feito a eses outros corazóns que precisan marcapasos en Cuba”.

Ingrid Izquierdo, Cónsul Xeral de Cuba en Compostela, notou que a firme oposición do pobo de Cuba a dominación imperial é, dende os 60, a causa central dos mecanismos coercitivos, de presión económica que multiplican os EUA contra a illa: cortes de subministro eléctrico, dificultades de recibir o combustíbel que produce a enerxía, pois todo barco que descargue en Cuba terá prohibido arribar a portos dos EUA. “O Bloqueo significa para o pobo cubano escaseza e carencias e, neste contexto, iniciativas solidarias coma a de Coa man no corazón! son de vital importancia”.

Francisco Sebio,  presidente da Francisco Villamil,  lembrou o éxito da precedente mostra organizada por Pepe Beiroa fins dos 90 para “rachar co bloqueo que había, e aínda hai, e axudar a Revolución Cubana”.