Terra Sen Amos – Axencias
Un xulgado de Madrid ven de absolver tanto ao xornalista José Manuel Manzaneda, diretor do xornal Cubainformación coma á Asociación Euskadi-Cuba, dos tres delitos dos que viñan sendo acusados por Javier Larrondo, axente da asociación Prisioners Defenders. Javier Larrondo, responsábel desta ONG que ten como un dos seus cometidos a crítica do goberno socialista de Cuba e do seu programa de cooperación solidaria con todo o mundo, reclamaba 6 anos de prisión para cada un dos acusados e precisaba endebén que deberían recaer sobre estes as costas do proceso. O xuiz determina que estas costas obrigan ao presidente de Prisioners Defenders pola súa temeridade e mala fe ao manter a acusación contra a Cubainformación.
José Manuel Manzaneda publicara un artigo titulado “Crear unha crise sanitaria en Cuba, obxectivo da guerra contra a súa cooperación médica” que criticaba os insultos do presidente da ONG en relación á cooperación médica que o Goberno cubano leva a cabo en 60 países do mundo, considerando que lle correspondería o alcume de criminal de guerra no mesmo sentido literal que define a Donald Trump ou que se aplicara profusamente ao finado Henrique Kissinger pola súa vida consagrada a encirrar matanzas de utilidade para os intereses dos EUA, seu patrono.
Dí a sentenza que no artigo non se dan os requisitos esixidos legal e xurisprudencialmente para consideralo calumnioso ou incitador de odio e advirte que a adxetivación criminal de guerra mal se podería considerar inxuriosa xa que está dentro do que a xurisprudencia normaliza como recurso retórico na comunicación. De feito a sentenza enténdeo coma crítica, recriminación ou censura política e parte da liberdade de expresión.
A Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil, coeditora de Cubainformación, coida que esta querela está dirixida a unha organización e a un medio de comunicación que non existiría no caso de non poder contar co traballo voluntario e que está encaminado a defender e promover a solidariedade internacional e o socialismo. Ben ao contrario da organización Prisioners Defenders que forma parte do barroco tecido de instancias alineadas cos intereses do Departamento de Estado dos EUA e en ben de casos acredoras de pago en dólares.