Salim Lamrani – Universidade da Reunión
Son varios os países europeos que recibiron asistencia médica de Cuba. Os profesionais da saúde de Cuba contan cun longo historial de cooperación medica en todo o mundo. Arestora, Francia, coma outros paises do subcontinente europeo, enfronta a realidade dos espazos desatendidos dentro do seu mapa sanitario e non dá solucionado o compromiso de ofrecer cobertura universal. Un informe do Senado revela o fracaso das políticas públicas para combater as desigualdades territoriais no acceso á sanidade: “A fenda sanitaria entre rexións segue a medrar”. Carencias que comprometen o pacto de solidariedade da República para garantir o finanzamento igual do modelo social francés. Isto significa que non toda a cidadanía ten acceso igual a unha asistencia de calidade.[1]
Os desertos médicos non se limitan ás zonas rurais. Son realidade nas cidades medianas e as zonas suburbanas, e un de cada tres municipios está afectado por esta realidade. Entre 9 e 12% da poboación francesa vive actualmente nun deserto médico, é dicir, entre 6 e 8 millóns de persoas. Non hai profesionais sanitarios abondo, sobre todo médicos xeneralistas, para satisfacer as necesidades da poboación. O acceso aos médicos especialistas é aínda máis difícil. Por exemplo, a diferenza de densidade entre departamentos é de 1 a 24 para os pediatras. Case 10% dos asegurados maiores de 16 anos non teñen médico de cabeceira. A presenza de médicos nas zonas rurais de Francia é inferior á media da OCDE.[2]
O Senado sinala que a desigualdade na prestación sanitaria podería agravarse por causa do avellecemento da poboación, o desenvolvemento de enfermidades crónicas e a dependencia. A planificación da política sanitaria non responde as necesidades das rexións e á demanda de proximidade dos cidadáns. A distribución dos profesionais sanitarios, basease no principio de liberdade de establecemento e vai en detrimento do principio de igualdade de acceso á asistencia e do interese xeral, malia a demanda ser elevada nos desertos médicos e de todos os pacientes seren solventes grazas á protección sanitaria universal. Os autores do informe lamentan que “os sucesivos gobernos adíen as solucións proactivas” por “falta de coraxe política”.[3]
Unha destas solucións, que respectaría á vez o principio de liberdade de establecemento dos médicos franceses, e o principio de igualdade de acceso á asistencia sanitaria, podería vir de Cuba. Dende o advenimiento da Revolución en 1959, a illa fixo da sanidade unha prioridade nacional e construíu un sistema público, universal e gratuíto, situando ao paciente no centro do proxecto médico. Recoñecido polas institucións internacionais como o modelo por excelencia para os países en desenvolvemento, o sistema sanitario cubano tamén se considera unha fonte potencial de inspiración para as nacións máis ricas, grazas sobre todo ao seu modelo preventivo. Ademais de tratar aos seus propios cidadáns, Cuba leva, dende hai máis de medio século, os seus coñecementos médicos por todo o mundo, tratando a persoas de todos os continentes e facendo deste servizo a súa principal fonte de ingresos.[4]
En 1963, A Habana enviou a súa primeira brigada médica de 55 profesionais a Alxeria para axudar á nova nación independente a facer fronte a unha grave crise sanitaria. Dende aquela, Cuba estendeu a súa solidariedade ao resto do mundo, especialmente a Latinoamérica, África e Asia. A illa levou a cabo máis de 600.000 misións en case 160 países de todo o mundo, nas que participaron máis de 325.000 profesionais sanitarios. Realizaron perto de 2.000 millóns de consultas médicas, 15 millóns de intervencións cirúrxicas e 5 millóns de partos. Hoxendía, a cooperación médica internacional é a principal fonte de ingresos de Cuba, con máis de sete mil millóns de dólares anuais.[5]
Remedio cubano para a UE
Trala pandemia de Covid-19, varios países, entre eles Italia, solicitaron asistencia médica a Cuba. Por primeira vez, médicos cubanos interviron en Europa Occidental. A Habana enviou unha brigada de 52 médicos e enfermeiras a Lombardía, moi afectada polo virus. Tras dous meses de traballo, os membros do continxente Henry Reeve regresaron a Cuba. Bruno Rodríguez Parilla, Ministro de Asuntos Exteriores de Cuba, subliñou que a axuda cubana fora “solidaria e gratuíta”, dada a crise sanitaria.[6]
Moi impresionadas polo labor dos profesionais cubanos, outras rexións de Italia solicitaron a súa axuda para atenderen as deficiencias do sistema sanitario do país. Dende 2023, a rexión de Calabria beneficiouse da presenza de médicos cubanos. Unha primeira brigada de 51 persoas chegou en xaneiro de 2023, seguida doutro grupo de 120 médicos en agosto de 2023 e outros 98 en febreiro de 2024. En total, 500 médicos cubanos interviran nesta rexión do sur de Italia. A Republica, o principal diario do país, expresou seu entusiasmo co titular: “Estes son os médicos cubanos que salvarán o sistema sanitario de Calabria”.[7] O gobernador da rexión, Roberto Occhuito, expresou a súa gratitude: “O pobo de Calabria estalles moi agradecido porque nos permitiron garantir servizos esenciais para a atención dos nosos cidadáns, evitando o peche de servizos e hospitais. Salvaron os hospitais”.[8]
O Principado de Andorra tamén recibiu asistencia dun continxente de 39 profesionais cubanos durante a pandemia de Covid-19. Washington tentou presionar ás autoridades do país para disuadilas de utilizar os servizos dos profesionais da illa. Pero María Ubach, ministra de Asuntos Exteriores, non se deixou intimidar e deu unha resposta contundente e pública: “Son consciente da posición de Estados Unidos, pero somos un país soberano e temos dereito a elixir os socios cos que queremos colaborar”. Logo dunha misión de dous meses, parte do persoal médico cubano regresou á illa, acompañado polo agradecemento do goberno e o pobo de Andorra.[9]
Francia tamén autorizara aos departamentos de ultramar de Martinica, Guadalupe, Guayana Francesa e San Pedro e Miquelón a solicitar a asistencia de médicos cubanos para facer fronte á emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19. A pedimento de Alfred Marie-Jeanne, Presidente do Consello Executivo da Colectividade Territorial de Martinica, un equipo de quince médicos realizou unha misión de tres meses en Martinica, de xuño a setembro de 2020, para reforzar os equipos médicos de loita contra a pandemia. O profesor François Roch, Presidente do Comité Médico do Hospital Universitario de Martinica, expresou a súa satisfacción: “O balance global é positivo”.[10]
Os continxentes de médicos cubanos poderían chegar a Francia nun prazo relativamente curto. Moitas rexións son favorabeis, como a de Côtes-d’Armor, onde as autoridades locais desexan evitar o peche do hospital de Guingamp. As autoridades cubanas, a través do seu embaixador en Francia, Otto Vaillant, expresaron a súa vontade de axudar.[11] Só precisa un decreto gobernamental, que achegaría unha solución duradeira á cuestión dos desertos médicos e permitiría a cidadanía francesa acceder por igual á asistencia sanitaria. Como recoñece o informe do Senado, é un asunto de “coraxe política”.
*Salim Lamrani é Doutor en Estudos Ibéricos e Latinoamericanos pola Universidade da Sorbona, e profesor de Historia de América Latina na Universidade da Reunión; está especializado nas relacións entre Cuba e Estados Unidos.