Arquivos da categoría Novas

Categoría onde van as novas

Enrique Ubieta, cronista da experiencia médica e política da brigada cubana en Lombardía

Pressenza – Nelsy Lizarazo (Redacción Ecuador)

Desde o inicio da pandemia, as novas das brigadas médicas cubanas a distintos países do mundo chegaron como vento fresco. Hoxe, a Brigada Henry Reeve, premiada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é un dos candidatos ao premio Nobel da Paz. Conversarmos sobre o inxente labor da medicina internacionalista de Cuba, co ensaísta e investigador Enrique Ubieta que acompañou en Lombardía a brigada cubana requerida polos italianos. A experiencia das mulleres e homes do destacamento médico dunha illa sen recursos e cercada e agredida polos EUA, axudando un pais de renda alta e medios hospitalarios de avangarda, merecía un cronista como Ubieta que ven de producir un relato da súa experiencia. Ubieta é autor de Ensayos de identidad (1993); De la historia, los mitos y los hombres (1999) e La utopía rearmada, que obtivera o premio EPO-Abril na súa primeira edición de 2001.

A Mole Antonelliana, o edificio simbólico de Torino, arde pola primeira vez en en luces en homenaxe a un pais extranxeiro.

Cando nacen e cal é o proxecto das brigadas médicas cubanas?

O internacionalismo médico cubano nace coa Revolución. No ano 60 vai unha brigada médica a Chile, onde a recibe Salvador Allende, quen, naquela altura, estaba lonxe de pensar que chegaría á presidencia. Falamos do 60! A seguir, as brigadas devén un feito habitual: van a Alxria, África ou América Latina, como parte do principio revolucionario de solidariedade externa, complemento da solidariedade no interior. Fidel anuncia nos comezos da Revolución que o país vai dispor de moitos médicos e que progresivamente compartirá  ese activo co resto do mundo. Logo da caída do campo socialista nos 90, houbera no mundo un retroceso da esquerda e unha recesión de  prácticas internacionalistas. Nesa altura, Fidel imprime renovada forza e compromiso ao sistema da axuda internacional médica. Arredor das importantes brigadas a Centro  América e Haití no 98, a conta dos furacáns Mitch e George empezan a xurdir diversas ideas ao redor desa presenza, que despois se estende por África e de novo a toda América Latina. En 2005 o furacán Katrina arrasa Nova Orleans, e Cuba ofrece ao goberno dos EUA unha brigada con máis de mil médicos e enfermeiros. Ese continxente recibe o nome de Henry Reeve, patriota norteamericano que pelexou na guerra de independencia de Cuba no século XIX e chega a xeneral: un home moi valente. O goberno de Washington recusa a axuda, mais o Continxente Henry Reeve comeza a asistir en catástrofes e guerras por dous, tres meses, o tempo xusto para axudar. No primeiro foi a Guatemala e Paquistán e a seguir ao resto do mundo.

A campaña contra o Ébola está contada nun libro teu

Unha das actuacións máis importante do Continxente Henry Reeve foi a do Ébola en Africa. O secretario xeral das Nacións Unidas   chamara ao presidente de Cuba para pedirlle que asistise aos países africanos contra o andazo e Cuba enviou 157 médicos e enfermeiros. Eu tiven a posibilidade de viaxar con eles, presenciar o traballo e escribír un libro sobre a campaña. Outro fito foi o da Covid-19 algo que aínda non rematóu. Cuba mandou brigadas a 39 países no mundo para axudar a erradicar a Covid-19 e por primeira vez na historia enviou brigadas a países do primeiro mundo, do grupo dos 7, como Italia. En Lombardía e Piamonte actuaron de maneira absolutamente gratuíta: nin o goberno Cubano nin os médicos nin enfermeiros cubanos recibiron un céntimo por ese labor. Actuaron nun país rico malia procederen dun país pobre, bloqueado ao máximo, buscando o goberno Trump asfixiarnos mentres eramos solidarios con outros.

A propósito da brigada a Italia, que ti acompañaches, que diferenzas advirtes entre os sistemas sanitarios de Cuba e Italia?

En toda parte hai persoas solidarias, de sentimentos nobres; o que cambian son os sistemas, que determinan o comportamento de algunhas persoas cara outras. En Italia vimos como están a derrubar o sistema da sociedade de benestar que existira mentres durou o campo socialista e agora está a ser invadido polos servizos privados. Nestes países con renda alta, a tecnoloxía obviamente é de primeiro nivel; os profesionais cubanos cos que eu viaxaba, primaron a relación cos  pacientes. Bloqueados desde o 60, nós carecemos da última tecnoloxía en varios campos da medicina o que, de súpeto, confrontaba dúas escolas, dúas maneiras de enfrontar a medicina: os facultativos italianos afeitos  resolver todo con 20 probas médicas coa última tecnoloxía e os ollos fixos no computador; os cubanos, namentres, preguntaban aos pacientes sobre o seu historial médico, auscultábannos, exploraban, examinaban,  observaban, recoñecían.  O director do hospital onde estabamos a traballar, observou que os médicos cubanos chegaban a unha conclusión ben antes que as análises informatizadas e con moitos menos gastos en recursos. Os médicos italianos logo tamén comprenderon a necesidade de conversar cos pacientes, de tocalos, de auscultalos e ese intercambio foi moi positivo.  O trato persoal co paciente acaba establecendo unha relación de confianza e afecto que inflúe na curación. Recibíronse moitas cartas de pacientes que saían de alta do hospital agradecendo aos médicos por esa relación de afecto. E por fin, o asunto da bio-seguridade. Os médicos cubanos veñen dun país tropical onde houbera varias epidemias que foron controladas (algunhas delas  creadas pola guerra biolóxica)  e están afeitos a lidar con andazos en todo o mundo. Especialmente co Ébola tiveron que aprender as normas de bio-seguridade porque podía custarlles a vida. Os cubanos estableceron un control de entrada e saída da zona vermella que foi mesmo contestada polos médicos italianos, con protestas de algúns recén graduados. O resultado foi evidente e eles recoñecérono dunha maneira moi aberta: durante tres meses, no hospital de campaña  traballaron mais de 100 colaboradores italianos e 38 médicos e enfermeiros cubanos e non enfermou un só traballador da saúde.  Mesmo acudiamos ás casas dos pacientes, algo que ali causaba sorpresa e visitamos un refuxio de rúa, para estancias limitadas a unha noite, de emigrantes prostituidas vivindo sen teitonin atención, para lles dar orientación epidemiolóxica.

Que efecto pode producir a experiencia de Lombardía e o contraste entre esas dúas formas de abordar o andazo?

Coido que é un momento propicio para reformular o sistema, pero iso non terá lugar se os cidadáns do mundo esperamos que ese cambio aconteza sen intervención, porque hai moitos intereses detrás, lamentabelmente. Non estamos a falar de atrancos insalvábeis senón de políticas para beneficiar a uns en detrimento de outros. A pandemia creou todas as condicións para o mundo cambiar, mais temos que cambialo entre todos. O médicos italianos cunha verdadeira vocación de solidariedade, de humanismo, de entrega á súa profesión apreciaron con toda claridade as potencialidades da medicina social e de todo o que se pode conseguir cando existe vontade política.

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos de Rosalía Tamuxe

O mundo clientelar do imperialismo silencia a vacina “Soberana 01” de Cuba contra a Covid-19

Ramón Pedregal Casanova – Fronte Antiimperialista Internacionalista

Os beneficios da explotación farmacéutica do capitalismo son os máis altos do negocio das multinacionais, razón pola que atacan aos países que investigan a Covid 19 sen respectar o dominio imperial. Esa farmacoloxía independente, é temida coma un disparo ao corazón. A revista Forbes comentaba en 2015:”O negocio máis rendíbel dos EUA é a produción farmacéutica; con ela saca o 21% de media en beneficios, moi por encima do investimento financeiro, que ven no segundo lugar con 17,3% ; o terceiro é para  os servizos tecnolóxicos, do que tiran un 16,1% . Máis aló queda o petróleo e a minería, que non superan o 2%”.

Trabajadores (Cuba)

As máis poderosas multinacionais da farmacia, as estadounidenses Pfizer, Merck Sharp & Dohme (MSD) e Johnson & Johnson obteñen máis do 25% de beneficios e o rexime imperial queda co 45% do explotado. Imaxinan a forza de que dispón EUA para coaccionar no seu campo de influencia? Comprenden por que empurra aos seus dominados contra os países que non lle prestan obediencia e contan con capacidade para investigaren e industria medicinal propia?

Na guerra por vender a súa vacina contra a Covid 19, EUA sementa dúbidas, espalla mentiras, emprende campañas de terror publicitario sobre os específicos en probas de China ou Rusia, ou determina a censura sobre as probas da vacina cubana, a primeira de América en fase clínica. Algo perverso e contrario aos principios elementais de humanidade. Como explicar que un país como Cuba, cercado polos bancos, os exércitos e a potencia comercial e política dos EUA; un pequeno país cualificado como do terceiro mundo, resulta ser un campión mundial no mesmo campo no que a maior potencia do mundo obtén os maiores beneficios? Aos EUA resúltalles insoportábel que en Cuba a medicina sexa de balde e teña carácter social. Eis a razón pola que nas redes inventen a diario casos de doentes que saen de Cuba para relatar unha pretendida agonía médica. A quen poderán enganar,  sendo o sistema dos EUA o que peor trata á súa poboación, no país onde os grandes capitalistas fan negocio coa enfermedidade da súa sociedade?

Antitético da explotación capitalista

Despois de bloquear máis de 60 anos ao pobo de Cuba, como pode explicarse que unha illa resistente, pequena, sen recursos e empobrecida por tanta agresión, manifeste ao mundo que coidar da saúde do pobo é o principio máis humano, responsábel e básico do seu sistema social? E cal é ese sistema social?: o antitético da explotación farmacéutica, o contrario do sistema capitalista.

O maior imperio da historia do mundo é quen de ameazar a vida no planeta, mais non é quen, en libre competencia (marca e símbolo do capitalismo) de ofrecer nada para salvar aos pobos do mundo. Agora o obxectivo a bater chámase Covid 19, mais cantos outros foron e serán antes de o imperialismo desaparecer? Nos Tratados de comercio dos EUA, o asunto de primeira importancia é a investigación farmacéutica que presenta coma beneficiados aos que pagamos a súa industria de pastillas, inxeccións, xaropes, cremas, e específicos que poden provocar outras enfermidades para o negocio continuar. Nese comercio, dispoñen da nosa saúde mal atendida.

Financeiros coma Bill Gates, investiran na industria da farmacia, máis rendíbel ca o negocio da banca ou a tecnoloxía e moi superior á mineiría. Non invisten na estabilidade social. Os Estados europeos, adiantaran 2.700 millóns de euros a conta dunha vacina en probas e polo tanto sen garantía. Os problemas sobrevidos durante as primeiras probas clínicas, suscitaron inquedanza. As farmacéuticas transnacionais non fanse responsábeis das consecuencias que poida ter a vacina sobre a saúde. Os países que a contratan exímenos de responsabilidade civil e asegúranlles indemnizacións nocaso de se producir unha condena xudicial.

 A farmacéutica é Astra-Zeneka, produtora da vacina de Oxford que recibira un adianto millonario das arcas públicas da UE e na que Bill Gates puxera a man. Este personaxe que promovera outra vacina contra a polio e cuxas probas en África produciron máis polio e outras enfermidades como resultado. Gates, icona dos negocios capitalistas en diversos campos da explotación humana, colleu gusto pola rendibilidade directa dos medicamentos.

Antes de Marzo había 30.000 médicos e médicas de Cuba que traballaban solidariamente en 61 países. Despois de Marzo, houbo outros 46 países dos 5 continentes que pediron axuda á Revolución Cubana para poderen se defender da Covid 19. Cuba non dá as costas á vida, protexe aos pobos, pon por diante a solidariedade, mesmo que os gobernos dos paises aos que axuda, oarticipen do criminal bloqueo.

Seu exemplo no mundo, acordou a voz solidaria que reclama para eles o Premio Nobel. Aprendan os gobernos, se é que aínda poden, e infórmense os que avalan campañas cargadas de mentiras ou de censuras coas que o réxime imperial e os seus medios deitan odio contra Cuba.

Tradución ao Galego de Moncho Leal, para Terra Sen Amos.

Trump coloca seu axitador anti-cubano Claver-Carone como presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento

Cubadebate – Terrasenamos

A Administración Trump consolida a entrega das dúas grandes institucións interamericanas aos ultraconservadores: sábado 12 de setembro, forzou o nomeamento de Mauricio Claver-Carone, voceiro do exilio de Miami, para a presidencia do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) Os dous primeiros recursos de cobertura da política imperial para Latinoamérica, a OEA e o BID pasan ás mans do anti-cubanismo irredento dos herdeiros de Mas Canosa e dos representantes da restauración anti-demócratica en Venezuela. O estilo Trump de gobernar a couces, liquida a tradicción establecida polos EUA, de reservar a presidencia do BID para unha persoa do continente sur. Claver-Carone é un fanático dereitista de nacionalidade norteamericana e coñecido fontaneiro do Congreso contra Cuba, Venezuela e Nicaragua.

Até a data, existía un acordo non escrito de o presidente do poderoso banco de desenvolvemento proceder dun país latinoamericano. Trump despreza esta tradición co nomeamento do seu asesor contra Cuba, Venezuela e Nicaragua.

«A imposición por EUA dun amanuense do sector máis reaccionario da  política anti-cubana no BID, é un perigo e unha ofensa para nosos pobos –dixo o chanceler cubano Bruno Rodríguez Parrilla- É difícil atopar alguén menos indicado e vai dividir a rexión na súa defensa dunha axenda de dominación e da Doctrina Monroe».

Claver-Carone será o primeiro estadounidense que ascende á presidencia do banco desde a súa fundación en 1959, xa que rompe a tradición dos EUA aceptar unha candidatura proposta por un goberno Latinoamericano. De feito, até a data, existía un acordo non escrito de o presidente do poderoso banco de desenvolvemento proceder dun país latinoamericano, malia EUA ter o 30% do capital e os votos, e asi contar cun poder de veto de facto. Os dous últimos presidentes foron Enrique Iglesias, uruguaio, e o colombiano Juan Luís Moreno.

En palabras do ex asesor de Bill Clinton, Fulton Armstrong, “Claver-Carone é un agresivo lobista e bag-man (home da bolsa negra, ou engrasador de vontades con subornos) a prol da política exterior estadounidense máis reaccionaria”. Armstrong denuncia que a ficha de Claver-Carone foi forzada por Trump en colaboración co senador por Florida Marco Rubio, nunha estratexia de submisión imperial do continente que busca a sintonía reaccionaria e a exclusión de China e Rusia.

Peter Hakim, membro da fundación Interamerican Dialogue de Washinton, comenta que o nomeamento de Claver-Carone acomódase a pé feito a dous obxectivos preferentes de Trump “Contar co apoio electoral de Marco Rubio en Florida e restablecer a doutrina Monroe [“América para os Norteamericanos”] para frear a China no continente e asegurar o control das institucións interamericanas”.

Celso Amorim, excanciller de Lula da Silva consultado en Río de Janeiro, coida que a fórmula elixida pode facer moito dano a longo prazo mesmo en Estados Unidos. “O BID foi o vehículo do soft power (poder conciliador estratéxico) en América Latina e Trump quéreo converter nun pau de sanguiño para bater nas costas dos adversarios”. Sen experiencia na banca nin en relacións exteriores, Claver-Carone adoptará unha axenda de pre-conceptos ultra e irá de ganchete con Luís Almagro, o secretario xeral da OEA máis entregado a Casa Branca e aos ultras de Miami, na súa cruzada por dereitizar ao prezo que for o progresismo independentista de América.

Unha ruina histórica

O senador Patrick Leahy coida que no BID e na OEA prodúcese a ruina histórica das duas últimas institucións interamericanas que sobrevivían e acusa a Almagro de forzar un cambio na Comisión Interamericana de Dereitos Humanos coa axuda de Bolsonaro. De feito, en Brasil denuncian que Bolsonaro ten a dubidosa honra de ser o primeiro presidente que vota pola entrega de BID aos EUA, nun pacto no que Brasil terá a vicepresidencia executiva da institución.  Leahy teme unha crise institucional inmediata no BIDe deste temor participan exmandatarios de América latina e Europa como Fernando Henrique Cardoso, Ricardo Lagos, Julio María Sanguinetti, Juan Manuel Santos, Ernesto Zedillo, Felipe González ou François Hollande, alarmados pola imposición do furibundo imperialista Claver-Carone. Porén, son presidentes do pasado os que temen este alarde  imperialista, pois os actuais na súa maioría apóiano, nunha mostra do cambio sísmico acontecido na política latinoamericana dos últimos anos.

O BID xa dera lugar a unha grave crise con China –accionista minoritario do banco– ao Pequín cancelar a asemblea anual prevista en Chengdu, pola polémica decisión de incorporar ao seu consello ao economista venezolano Ricardo Hausmann, en insólita representación do goberno venezolano de ficción de Juan Guaidó. Na usurpación estadounidense do nunca votado Guaidó, o nome de Venezuela é usado como o de un dos 17 países (de 23)  que votan por Claver-Carone, liderados por Brasil e Colombia. Outros son o goberno non electo de Bolivia e o de Lenin Moreno en Ecuador, que fora anfitrión do BID trala cancelación da reunión en China

The Wall Street Journal respondeu ás críticas contra Claver Carone nun editorial no que indica que a prioridade do novo presidente será acabar co amiguismo e os conflitos de interese dentro do BID.

Curiosamente, o mesmo Claver-Carone foi acusado repetidamente de conflitos de interese no seu protagonismo coma director do grupo  Democracy Advocates en Miami –financiado polo multimillonario empresario cubano-español Leopoldo Fernández Pujals, fundador de Telepizza– á vez que presidía un Comité de Acción Política (PAC) que paga millóns de dólares a congresistas que apoiaban a política anti-cubana.

Claver-Carone non debe a súa sona en Washington ningunha virtude política senón a súa sona como axente para a compra de votos a prol do Bloqueo contra Cuba, apoiado polos grupos de capital da Contra de Florida. Trump quixo nomealo a comezos deste anos vice-presidente do BID, mais a proposta foi vetada polo presidente do banco, Luis Alberto Moreno.

Restrición da mobilidade para tratar o agudo repunte da Covid-19 centrado na Habana

AXENCIAS – TERRA SEN AMOS

Dos 558 casos activos da Covid-19 que ten actualmente Cuba, 486 están ingresados na Habana e dos 59 novos positivos, 40 corresponden a Habana e o resto a Artemisa, con 15; Ciego de Ávila con dous; Matanzas, cun, e Mayabeque con un caso importado. O presidente de Cuba considerou de gravedade o repunte epidemiolóxico da capital con notábel dispersión de casos nos seus 15 concellos e nove eventos abertos polo que convocou a autoridades municipais e provinciais da capital a aplicar restricións nos desprazamentos a partir deste 1 de setembro. Diaz-Canel criticou a grande dispersión de casos nos 15 concellos capitalinos e dixo que a mobilidade de moitas persoas estaba a producir contaxios que replicaban nunha nova cadea de asintomáticos.

Os concellos da capital vólven dar un repunte coma o que se producira a comezos de xuño que comprometen os sobresaintes resultados da campaña contra a pandemia en Cuba.

Para coutar o problema, dixo que se precisaba unha xestión de goberno e participación da poboación, que na súa maioría apoia estas medidas, e asegurou que compria reducir o aumento de casos con novas altas a partir da aplicación efectiva dos protocolos de tratamento para poder transferir a fases de curación aos pacientes en estadios graves e críticos. “Que iso despois nos vaia levando a unha estabilidade no traballo, como a que tiveramos entre o momento en que superamos o pico da epidemia e este novo surto“

Logo de escoitar as precisións das autoridades dos municipios de Arroio Naranjo, Boyeros, Habana do Leste, Praza da Revolución, A Lisa, Centro Habana e Marianao –os que máis casos xeraron na Segunda e os de máis complicación– Diaz-Canel subliñou que a demora entre a consulta, a proba do PCR e o ingreso cando procedía era unha das causas do agravamento da pandemia. Entre os primeiros síntomas e proba, o diagnóstico e o ingreso pasaban entre dez e 15 días en máis dunha vintena de casos e recoñeceu que esta demora era unha das causas recoñecíbeis do aumeento de de casos graves e críticos detectados nos últimos días. “Desmontamos medidas que eran claras, como o illamento inmediato dos sospeitosos, ou os contactos dos contactos, e facerlles enseguida o PCR, sobre todo aos vulnerabeiss, para non chegaren á gravidade; non estamos a controlar ben os focos e máis persoas chegan aos  estados de grave e crítico por esa situación. É prioritario que cada concello habaneiro detecte as emerxencias axiña para tratalas cos protocolos existentes“.  

O gobernador da Habana, Reinaldo García Zapata, anunciou medidas de redución du 25 % a circulación do transporte e o  réxime de tele-traballo e de traballo a distancia para máis de 118.200 persoas; a intervención de 122 grupos de inspectores para actuaren en institucións e comunidades; a provisión de cédulas de residencia para quen teña un lugar de residencia que non corresponda co do carné de identidade asi coma o establecemento de 151 puntos de vendas novos nos sitios onde a oferta é escasa.

Na reunión informouse asemade de a tormenta tropical Laura afectar o submministro eléctrico de 2 665 000 clientes, con dano para 3 839 vivendas, delas 115 con derrubes totais, e problemas en 15 226 hectáreas de cultivo. Os traballos de recuperación restablecerono servizo eléctrico en 72 horas, aínda que quedan interrupcións en puntos afastados; resolveron danos causados en 469 vivendas e recuperaron até a data o 29 % dos campos de cultivo afectados.

A Federación de Mulleres Cubanas cumpre 60 anos con crecente presenza en todos os sectores da Revolución

O 61 por cento da dotación das Brigadas Henry Reeve, en misión a 40 nacións e territorios, son mulleres

Yeilén Delgado Calvo – GRANMA

O presidente Díaz-Canel enviou parabéns ás mulleres de Cuba no 60 aniversario da fundación da Federación de Mulleres Cubanas (FMC), e salientou o protagonismo feminino en todas as tarefas revolucionarias e  nomeadamente na loita contra a pandemia.

En conversa co diario Granma, Teresa Amarelle, secretaria xeral da FMC lembrou que a presenza activa das cubanas contra a Covid-19 fora responsabel e valente, tanto nos seus postos de traballo coma na provisión de servizos ou na producción. Amarelle fixo mención expresa do incremento da forza laboral na agricultura, con máis de 130.500 mulleres, e recordou que  constitúen o 61 por cento da dotación das Brigadas Henry Reeve en misión a 40 nacións e territorios.

A ninguén abraia, na Cuba do 2020, que sexan mulleres boa parte das científicas a cargo da Soberana, o candidato vacinal do país contra a Covid-19.

Coma elas, profesionais, obreiras, amas de casa e estudantes comparten a responsabilidade de manter a vitalidade do país nos días longos e desafiantes desta pandemia. Vémolas en hospitais, centros de illamento, nos barrios asistindo os máis vulnerábeis, como oficiais de Policía…

Conquistaron cada ámbito da sociedade, e non é casual. Hai 60 anos era impensábel que tivesen tal grao de inserción na vida pública, e para conquistar ese dereito e moitos outros nunha Revolución que nacía e non podía ser tal, sen asumirse feminista, xurdiu a Federación de Mulleres Cubanas (FMC).

As loitas polos dereitos da muller non eran novas, viñan da República, da man daquelas que esixiron dereitos civís, como o voto; a necesidade deles para ter Patria independente xa estaba demostrada desde a manigua, e logo na clandestinidade e na Serra.

Non flores nin enfeites, senón guerreiras, protagonistas, así as sabía Fidel. O líder da Revolución concibía pendente outra revolución, a das mulleres, e Vilma encabezou aquel esforzo por darlles oportunidades para alén da casa, o casamento e a maternidade.

Estudos, oficios, emprego, igual salario a igual traballo, acceso ao aborto gratuíto e seguro e a medios anticonceptivos, atención prenatal, licenzas retribuídas; en cada un deses logros está a teimosía dunha organización masiva, que accede a toda a xeografía nacional e batalla pola dignidade.

Se seis décadas transformaron totalmente o escenario inicial, a Federación segue plena de retos; a dobre xornada de traballo -fóra e dentro do fogar-, a carga mental, as nais vistas como únicas responsábeis dos fillos, e mesmo, a incomprensión cara aos homes que desexan exercer a plenitude a súa paternidade, son aínda atrancosimpostos polo machismo.

A FMC é unha das murallas contra os que devecen e propugnan retrocesos con respecto ao conquistado. Ante problemas complexos como a discriminación racial, a homofobia, a prostitución, os feminicidios, a violencia de xénero, o embarazo adolescente, ou a trata de persoas, ten o Estado cubano, nesta organización, unha fortaleza indescritíbel.

Estudos, accións, centros como as Casas de Orientación á Muller e á Familia, colaboración con outras organizacións non gubernamentais… a FMC comparte os rumbos de tantas e tantas mulleres que fan a nación, cos seus desafíos e heroicidades, para preservar e impulsar o vieiro que as fai empodeiradas, loitadoras, soberanas.

Lembremos que en Cuba, o 50,3% da poboación son mulleres (5 629 297), e delas,  936 018 de 65 años ou máis.

Na poboación economicamente activa, 1 812 100 son mulleres, delas 1 790 300 empregadas e 21 800 desocupadas para una tasa de desemprego de só 1.2%.

As mulleres empregadas no sector estatal son 1 405 400 ; no non estatal 384 900.

As mulleres ocupan, por votación directa, o 53,2% dos escanos da Asemblea Nacional do Poder Popular. No ano 1993 só representaban o 22,8%. da Asemblea.

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos, de Erea del Rio Iglesias.