Sabela Johnson (Overtown-Miami)
De Iroel Sánchez, que finou quinta feira na Habana con 58 anos, ficará a súa aportación estratéxica e práctica para mellorar a fronte informativa de Cuba bloqueada pola mentira. A súa teima foi como resistir o bloqueo informativo e a enxurrada diaria de lixo informático destilado polas axencias do Capital e de que maneira pode Cuba producir información de calidade que desafíe a censura dos EUA. Dende La Pupila Insomne, Mesa Redonde, Cubadebate, Cuadrando la Caja, Telesur ou o recente e novedoso Con Filo , a illa cercada replica interrogantes críticas e informacións precisas que deixan a ciclópea propaganda imperial coma un pallaso ao que lle ven de caer enriba un balde de auga. “A Revolución Cubana perdeu hoxe un fillo que traballou, até o derradeiro alento, polo ideal socialista e del herdamos un labor grande e valioso e un modelo de Revolución integral”, dixo o presidente Diaz-Canel.
Na batalla da información da Revolución Cubana, Iroel identificaba tres graves carencias na articulación, a produción de contidos de calidade e na formación masiva de un suxeito crítico e creativo. No primeiro, en 2018, Facebook e outras redes inundan Cuba e The Intercept revela que o governo dos EUA potencia ou censura os comentarios e cada quince dias o departamento editorial do Imperio dita as grandes empresas, incluida Wikipedia os seus intereses informativos. “Non me parece que poda haber algo máis censor e propio de un estado policial, mais esta importante nova non mereceu difusión nin comentario. Nós precisabamos convertir iso en información e aprendizaxe para o pobo” recordaba Iroel. Contra esta situación, Sánchez invitaba a seguir o que chamaba “a escala de combate de Fidel”.
Segundo exemplo: en Mar del Plata no 2005, Fidel e Chávez convocaron concentracións contra o propósito de recolonización de América Latina de Bush. Trataron de Internet con marchas, concentracións e estadios a rebordar. Aescala tiñaque ser internacional. “Todos temos problemas co Imperio: representamos as ideas que encarna a maioría e se non o saben é porque non somos quen de chegarmos a esa maioria. Coidar que loitando só pola nosa causa imos danar ao Imperio, dende unha asimetría coma a nosa, é dunha inxenuidade ofensiva”, recordaba Iroel. E en terceiro lugar o papel da intelectualidade, da arte e do simbólico. A máis dun século do grande cambio da vida intelectual en Cuba, dende o momento no que conecta co latinoamericanismo, o antimperialismo e recupera a José Martí, dase un feito chamado A Protesta dos Trece, no que un fato de mozos deciden interrumpir un acto cultural. Un deles é Rubén Martínez Villena (do que Iroel recolle La Pupila Insomne para ititular seu sitio) que publica un artigo sobre o sucedido e un poema que se repite nas escolas: Hace falta una carga para matar bribones / para acabar la obra de las revoluciones /para vengar los muertos que padecen ultraje / para limpiar la costra tenaz del coloniaje”. En defensa de Julio Antonio Mella, que está en folga de fame, Rubén chama ao ditador Machado Asno Con Garras, un nome que lle quedaría para sempre. Un exemplo da produción simbólica que pode eternizar un acontecemento histórico decisivo. Iroel era consciente de que ficaba moito por facer nesa angueira poética e invocaba o exemplo de Fidel na súa capacidade de criar metáforas, simbolismo e poesía, que sobardaban a información convencional. “E as tecnoloxías non van cambiar a esencia das cousas”.