Salim Lamrani, Universidade da Reunion
Establecido o goberno revolucionario en 1959, Cuba fixo da promoción do deporte unha prioridade nacional. Comprometida neste obxectivo, deveu un exemplo para o mundo. Antes de 1959, Cuba presentaba un modesto balance de cinco medallas olímpicas, entre as cales catro de ouro, conseguidas en París (1900) en San Luís (1904) e en Londres (1948) Nesa época o deporte estaba lonxe de ser unha prioridade gobernamental e as raras infraestruturas existentes na illa concentrábanse sobre todo na capital, reservadas á burguesía. A inmensa maioría da poboación estaba así excluída de todo acceso a prática deportiva.
Con Fidel Castro, o Goberno revolucionario adoptou unha política nacional de inclusión social que universalizóu o acceso á educación, á saúde, á cultura, á recreación e ao deporte. O Instituto Nacional dos Deportes, Educación Física e Recreación (INDER) establecido en 1961, inzóu un programa nacional de promoción do deporte e unha de política de detección de talentos. Construíronse infraestruturas públicas de aceso aberto en todo o territorio nacional e a asinatura de educación física recibiu carácter lectivo con importancia semellante ao resto das matérias. O deporte deixou de ser un privilexio reservado a unha minoría para devir nun dereito do pobo.
En 1962 Cuba comprometeuse co espírito olímpico prohibindo o deporte profesional, gangrenado polo diñeiro, e conseguiu resultados espectaculares. Logo dos discretos resultados nos Xogos de Tokio de 1964 (1 medalla de prata) e nos de México de 1968 (4 medallas de prata) Cuba colleitou os froitos do seu compromiso con 8 medallas en Múnic en 1972 (3 de ouro, 1 de prata e 4 de bronce) 13 medallas en Montreal en 1976 (6 de ouro, 4 de prata e 3 de bronce) e 20 medallas en Moscova en 1980 (8 de ouro, 7 de prata e 5 de bronce).
Cuba non participou nos Xogos de 1984 en Los Ángeles, nin nos de Seúl en 1988, por razóns políticas. Logo dunha longa ausencia de 12 anos, a illa triunfou nos Xogos de Barcelona en 1992. Malia as graves dificultades xenradas polo desmoronamiento da Unión Soviética, conseguiu un total de 31 medallas con 14 de ouro, 6 de prata e 11 de bronce, o quinto lugar no rango mundial, xusto detrás da nova Comunidade de Estados Independentes (CEI), Estados Unidos, Alemaña e China.
Nos xogos de Atlanta (1996) Cuba, gravemente afectada pola desaparición dos seus históricos aliados da Unión Soviética, baixo graves sancións económicas de Washington e malia atravesar o Período Especial en tempos de paz, foi quen de notábeis resultados. Cun total de 25 medallas, entre as cales 9 de ouro, 8 de prata e 8 de bronce, a pequena illa mereceu o oitavo lugar mundial, detrás dos EUA, Rusia, Alemaña, China, Francia, Italia e Australia.
Tamén foron grandes os éxitos de Cuba nos Xogos de Sídney (2000) e Atenas (2004) con respectivamente 29 medallas (11 de ouro, 11 de prata e 7 de bronce) e 27 medallas (9 de ouro, 7 de prata e 11 de bronce). Das olimpiadas de Pequín (2008) saiu con 30 medallas (3 de ouro, 10 de prata e 17 de bronce) e 15 medallas (5 de ouro, 3 de prata e 7 de bronce) nos Xogos de Londres (2012) Finalmente, en Río (2016) gañou 11 medallas (5 de ouro, 2 de prata e 4 de bronce) mentres o seu balance para os Xogos de Tokio (2020) foi de 15 medallas (7 de ouro, 3 de prata e 5 de bronce) e un notábel 14 posto.
Primeiro país de América Latina nas olimpiadas
Para o período que vai de 1896 a 2021, Cuba ocupa o primeiro rango en América Latina cun total de 235 medallas, entre as cales 84 de ouro, 69 de prata e 82 de bronce. A illa non ten rival no continente. Brasil, mastodonte demográfico de máis de 200 millóns de habitantes, ocupa o segundo rango con 150 medallas; Arxentina o terceiro con 77; México cuarto con 73 e Colombia quinto con 34. Canto o número de medallas de ouro olímpicas gañadas per cápita, Cuba, cunha poboación de 11 millóns de habitantes, ocupa o primeiro lugar do mundo.
O boxeo é o deporte rei en Cuba con non menos de 78 medallas olímpicas: 41 de ouro, 19 de prata e 18 de bronce. As lendas Teófilo Stevenson e Félix Savón fixeron historia da arte nobre ao gañaren tres veces cadanseu na especialidade. Por riba de todo, recusaron ofertas enormes para pasaren a profesionais. Cinco millóns de dólares terían dado a Stevenson por un combate contra Mohamed Ali, mais el preferiu permanecer fiel ao “agarimo do seu pobo”. Durante a súa visita histórica a Cuba en 1991, xusto despois da súa saída de prisión, Nelson Mandela, gran afeccionado de boxeo, pediu a Fidel Castro unha cita con Stevenson, un dos seus boxeadores preferidos. Félix Savón, pola súa banda, foi solicitado polo famoso promotor Don King para un combate contra Mike Tyson, daquela no cume, por 10 millóns de dólares. A súa resposta foi idéntica: “Non cambiarei xamais o amor e o agarimo do meu pobo por todos os millóns do mundo”.
O atletismo permitiu Cuba conseguir 50 medallas olímpicas, entre as cales 11 de ouro, 14 de prata e 20 de bronce. A loita e o judo son os terceiro e cuarto deportes olímpicos da illa con respectivamente 27 medallas (11 de ouro, 6 de prata e 10 de bronce) e 37 medallas (6 de ouro, 15 de prata e 16 de bronce) Mijaín López, lenda da grecorromana, acadou catro medallas de ouro olímpicas e está a procura dunha quinta medalla histórica.
Para os Xogos de París 2024, Cuba preséntase cunha delegación modesta de 61 atletas (27 mulleres e 34 homes) Certo que a fuga de atletas solicitados por outros países con importantes recursos prexudicou moito á illa, que enfronta actualmente una das máis graves crises económicas da súa historia, principalmente por mor do estado de sitio que imposto polos EUA. Non menos de 21 cubanos nados e formados na illa, defenderán as cores de 14 outras bandeiras (España, Italia, Portugal, Bulgaria, Estados Unidos, Canadá, Turquía, Chile, Porto-Rico, Acerbaixán, Polonia, Brasil, Bélxica, CIO) Mais Cuba, a illa dos campións olímpicos, afeita á adversidade e que fixo da resistencia unha segunda natureza, defenderá como adoita orgullosamente as cores da súa bandeira e do seu pobo.
Salim Lamrani é profesor de Historia de América Latina na Universidade da Reunión, está especializado nas relacións entre Cuba e Estados Unidos e ten o doutorado en Estudos Ibéricos e Latinoamericanos pola Universidade da Sorbona.
Versión galega de Cela Codeso Santalla para TSA; orixinal remitido polo autor con licenza de CC.