Prensa Latina – Terra Sen Amos
Cuba renova na Organización Mundial de Comercio (OMC) a súa denúncia contra o Bloqueo, a inxeréncia ilegal dos EUA que se mantén coma principal atranco para o progreso material da illa dende 1960. Recordouno Alina Revilla, encargada de negócios de Cuba na ONU, na sesión do decimoterceiro exame da política dos EUA dentro da OMC no pleno celebrado en Xenebra. Revilla acrecentou que dous anos depois de Habana e Washington restablecer relacións diplomáticas e abordar a normalización do seu trato comercial e financeiro, non se aprecian cambios de importáncia na aplicación da política de cerco contra Cuba.
Recoñecendo que se produciran nestes 24 meses «avances na relación diplomática e de cooperación entrambos países», a diplomática lamentou o mantemento do cerco económico, comercial e financeiro. Neste contexto lembrou que non se materializara o anúncio realizado en marzo pasado por EUA de medidas para permitir pola primeira vez dende a entrada en vigor do bloqueo, o uso do dólar a cubanos e instituciones financieras para transaccións puntuais. De feito, Washington continua o asexo e perseguizón dos activos monetarios cubanos no exterior. «A política de bloqueo contra Cuba -sinalou Alina Revilla- segue a ser o freo principal para o desenvolvemento económico do país ao enterquinar todos os sectores da economía nacional, provocar un incremento sustancial dos custes financeiros e coutar o acceso aos fluxos financieros externos. Os esforzos da Habana por se integrar no sistema de comercio mundial, desenvólvense en condicións de dificuldade extrema, por causa dunha política ás avesas do principio de libre comercio”.
O bloqueo imposto a Cuba en outubro de 1960, mantiña nos seus comezos unha exención para a alimentación e os medicamentos, mais en febreiro de 1962 EUA agravou o cerco que chegou a ser case total. O governo norteamericano deulle ao Bloqueo estatuto legal no 92 e anunciou que por mor da Cuban Democracy Act, as sancións continuarían no entanto a República de Cuba non renunciase á Revolución e a Independéncia.
A Asemblea da ONU condenou 24 veces o Bloqueo coma unha inxeréncia ilegal contra o comercio, a economía e as relacións políticas de Cuba co mundo. Na sesión plenária do ano que agora remata, EUA renunciou pola primeira vez ao voto en contra (da interrupción do Bloqueo) o que deixou dun barreno ás illas Marshall e o Estado de Israel, sempre mandeleteiros de Washington contra Cuba.