René Vázquez Díaz – Cubadebate
Nacendo a República de Cuba eivada e maltreita polos Estados Unidos, entre xurdíos parlamentos pronunciados na Habana, vinte de maio de 1902, salientan dúas frases de William Jennings Bryan, populista do Partido Demócrata e membro (xunto a Mark Twain) da entón chamada Liga Antimperialista:
“Fíxonos Deus veciños: fáganos amigos a Xustiza”.
Como César Vallejo escribira nun poema famoso, isto non foi posible. Ondea hoxe na Habana a bandeira de Estados Unidos e, por primeira vez na historia de ambos países, ábrese a posibilidade real dun futuro de boa veciñanza. Tanto en maio de 1902 como en xullo de 2015, a clave do fracaso ou éxito desas relacións, é a Xustiza.
Mal que o recache a poderosa prensa occidental, Cuba obrigou Estados Unidos a negociar. Ese diálogo en igualdade, atinxido a un prezo tan alto e sacrificado para o pobo cubano, é unha vitoria inédita na historia das Américas. Un dos obxectivos do bloqueo fora evitar justamente o que agora sucede: o diálogo en bases soberanas. No pasado, cando Estados Unidos e seus aliados falaban de “diálogo” con Cuba, o que de verdade querían, era impor as condicións da capitulación cubana, que queiras que non. Nisto fracasaron.
Compatriotas faltos de fe na forza do seu propio pobo, e estranxeiros que non confiaron na diminuta Cuba poder gañarlle o pulso a un país tan agresivo, venno coma unha vitoria que non parecía alcanzábel no transcurso das súas vidas. Para os inimigos profesionais da revolución, o que en efecto está a suceder é algo inaudito, case inconcibíbel, que os pon nunha situación vergonzosa e inestábel. Como van ser financiados a partir de agora?
Na lingua escollida por Obama para disfrazar esta derrota, non se di que Cuba foi (e segue estando, mália algunhas flexibilizacións) asexada, cercada, perseguida e agredida. Dise diplomáticamente que Cuba foi “aillada” e que iso “non funcionou”: unha agresión única na nosa época, pola súa crueldade e duración, minimízaselle chamándoa “aillamento”. A agresión si funcionou perfectamente para empobrecer aos cubanos e envilecer aos que elixiron converterse en aliados do agresor. Outro obxectivo esencial do bloqueo, foi impedir ao Estado cubano dispor de diñeiro para administrar, con éxito, logros como a educación, a saúde pública e o coidado da infáncia. Un obxectivo da prolongada agresión, parcialmente logrado, foi xerar fastío no espírito dos bloqueados. As vítimas de todo cerco rematan por culpabilizar ao seu propio goberno das animaladas de que son obxecto por parte dunha potencia estranxeira.
A insistencia do Presidente Obama en non falar de historia para “non ser prisioneiros do pasado”, é comprensibel nun líder que, para poder avanzar, ten que axuntar vontades contrárias dentro e fóra de seu goberno. Non me parece que iso vaia mellorar o entendemento mutuo. As maquinacións norteamericanas para desestabilizar Cuba e aumentar o sofremento dos seus habitantes, foron todas descobertas, denunciadas e derrotadas. A historia da inxeréncia e os abusos da oficina de intereses de Estados Unidos na Habana, debería ser matéria obrigatoria para os novos diplomáticos.
Até o momento, calquera personaxe insignificante da República Checa, España ou Suecia, por só poñer tres exemplos, mirábase no espello como heroe dunha cruzada contra a Revolución Cubana. Diplomáticos ou non, chegaban á illa con prepoténcia, sabedores de como resolver os problemas dos labregos de Mayarí ou dos tendeiros do Cerro. Aínda o sueco Aaron Modig segue durmido, sen recordar como o seu compinche Carromero, cancerbero do deplorábel PP español, cometeu un delito de imprudencia temeraria que matou a dous cidadáns cubanos. O caso de Alan Gross é triste e elocuente. Repetirase o espectáculo dun James Cason dirixindo aos seus asalariados cubanos coma un cómico cowboy?
Debe andar con pés de lá Estados Unidos e non abrir feridas que están moi lonxe de cicatrizar. Cando escolla a súa forma de actuar, a renovada estación da CIA na Habana debería levar boa conta do que fai. O Departamento de Estado coida que anunciou que poderá promover con avantaxe dende a nova embaixada “os seus intereses” e os “seus valores”. Os pobos de Cuba e Estados Unidos devecen cambios que conduzan á paz e ao benestar. En Cuba hai moitas cousas que deben cambiar e os cubanos estanas cambiando ao seu xeito e ao seu propio son, en exercicio da súa soberanía.
O “compromiso” do Departamento de Estado co pobo cubano non pode basearse en institucións ofensivas como Radio Martí nin nas rapañotas de dólares da USAID, porque todo iso recorda demasiado á doutrina de Robert Torricelli: “producir o caos na illa”. Non lle é doado a Cuba esquecer esa tendencia contraria ao dereito internacional e á decencia, xa que a Lei Helms Burton, vixente aínda na súa desalmada totalidade, baséase no espírito e a obra de Mr Torricelli: arrasar a illa.
Cales son logo os valores do Departamento de Estado representados polo bloqueo e a Lei de Axuste? Que valores defende Estados Unidos no lameiro xurídico e humanitario de Guantánamo? Os tempos dos cambios son chegados. Todo diplomático estadounidense ten a obriga de saber que a presenza do seu goberno en Cuba ten unha rancia historia de labregos desamparados nas beiras das fincas, explosións mercenarias, esmolantes cubanos traballando por un anaco de pan nos seus xardíns e necesidades de todo tipo no cerne do pobo.
Faremos por non falar de historia. Esquecer o malo, di Martín Fierro, tamén é ter memoria. Cruzando esta porta, poo que todos alangreamos é polo fin do intervencionismo: nunca máis agresións que provoquen novas loitas de consecuencias imprevisibeis, senón máis comercio, máis cultura e entendemento; máis felicidade e benestar, de xeito que se cumpra a invocación de William Jennings Bryan e a xustiza, derradeiramente, fáganos amigos para sempre.