Prensa Latina – TSA
“Son inimigos da humanidade quen resisten bloqueos sen abandonar a solidariedade con outros pobos? Será máis ben quen aplica o bloqueo, tripando leis internacionais; inimigo da humanidade é o imperio coa súa cobiza expansionista e a teima de querer mandar no mundo!”. O Presidente de Cuba avisou onte do perigo que representa para a humanidade o neo-fascismo impulsado desde Washington.

Diaz-Canel chamou desvergoña as declaracións do secretario de Estado dos EUA ao aldraxar Cuba, Nicaragua e Venezuela como inimigos da humanidade. “Está probado que o éxodo migratorio é proporcional ao endurecemento do bloqueo desa potencia norteña”. Visitando Costa Rica, Marco Rubio acusara aos tres países de ser causantes do que a Casa Branca cualifica de crise migratoria.
O ministro de Relacións Exteriores, Rodríguez Parrilla, asegurou que “a demagoxia do goberno de Washington cara América Latina e o Caribe, que está a promover o Secretario de Estado, é un aldraxe e unha desgraza que nace dos métodos corruptos e deshonestos que Rubio, o seu cúmprice Bob Menéndez e outros anti-cubanos converteron en práctica habitual”. Sobre a pretensión expresada por Marco Rubio de querer visitar Habana a condición de mudar antes o goberno de Cuba, Rodríguez Parrilla dixo “quedará coas ganas: non poderá coñecer Cuba, país do que non sabe nada de nada”.
Bob Menéndez , citado por Rodríguez Parrilla, fora presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado dos EUA e xunto Marco Rubio e Ted Cruz, compuña durante longos anos a triloxía de senadores de orixe cubana patrocinadores da maioría das iniciativas desestabilizadoras contra o goberno e o pobo de Cuba. Protagonista dun escándalo de corrupción a gran escala que conmoveu o Senado dos EUA, Menéndez foi sentenciado o pasado 30 de xaneiro a 11 anos de cadea por un tribunal de Nova York.
Como parte da aberración anti-inmigrante de Trump, as axencias dos EUA e a UE deron conta da chegada onte do primeiro avión de deportados á Base Naval en Guantánamo, co comentario do presidente dos EUA de que a base ten capacidade para acoller até 30.000 presos sen arrepiar da inhumanidade de maltrataren migrantes coma se fosen delincuentes.
Mal pode considerarse sorpresa este bárbaro comportamento de parte dun goberno que desafía o dereito de xentes e que ven de renegar do Consello de Dereitos Humanos da ONU, mediante unha orde executiva do presidente Trump, quen tamén dispuxo manter a conxelación de fondos da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos.
(Traducido a Galego por Mariña Louro para Terra Sen Amos)