Adela Roade – Terra Sen Amos
EUA abstense na votación contra o Bloqueo na Asemblea Xeral da ONU e o mundo descobre con abraio que a teimuda agresión contra Cuba prosegue para alén de medio século, coa ruindade de sempre, mália que non pareza merecer nin o apoio do propio executor. O paradoxo fai regresar pola via do sarcasmo o que nacera en 1960 como traxedia: o governo dos Estados Unidos procura agora salvar a súa recomendación de librar a Cuba do sogueiro mentres abre o tiro ao cerco económico, político e comercial da illa. A prensa da mañá da Habana, anuncia que o Goliath imperial deixou cair un intre os brazos fronte ao David cubano que ten coma sempre un coio a fungar na súa honda. A administración Obama defende dende hai oito anos o principio da iniciativa sobre o da coheréncia, o que lle permite expresarse contra o Bloqueo na Cámara (con maioría Republicana) e termar ao mesmo tempo na agresión maior contra os Dereitos Humanos que é o cerco criminal. Explican na Casa Branca que nunca unha decisión política pode ter o mesmo valor ca outra resolución antagónica, endebén proceda do mesmo governo. Do que o mundo pode fiar plenamente é da razón e do rigor político da Revolución Cubana, un compromiso coa liberación dos povos, a independéncia e o anti-imperialismo que gaña por aclamación na Asemblea da ONU e mesmo recibe a abstención, nunha volta de Moebius, dos que cociñan a cínica receita do Bloqueo.