Iroel Sánchez e Ernesto Padrón recordan ao Galego-Cubano Neira Vilas

Terra Sen Amos – Redacción

Na portada de La Pupila Insomne, o periódico dixital cubano máis visitado, o seu director Iroel Sánchez lembra o  encontro con Neira Vilas en Compostela e reproduce un artigo do cineasta Ernesto Padrón, escrito en memoria de Neira, co que coincidira na redacción da revista ZunZún na Habana. Escrebe Iroel Sánchez:

“Novembro pasado, día 27, morreu Xosé Neira Vilas, gran escritor Galego-Cubano e nobre persoa a quen tiven a honra de coñecer. Lémbroo aínda no noso derradeiro encontro, nun serán no que arrostrara un tempo ruín para vir dende a súa vila a Santiago de Compostela, á presentación do meu libro Sospechas y Disidencias. Lendo un texto da xornalista Paquita Armas Fonseca sobre as propostas para os Premios Goya da película Meñique, na que participara Neira, atopei un valioso testemuño sobre o escritor. Coido que tanto o seu falecemento, como a proposta de Meñique para os Goya, non han ter a transcendencia merecida na nosa prensa. “Quero con este texto render unha modesta homenaxe a Pepe Neira, falecido recientemente, e implicado en Meñique, di Paquita Armas, antes de citar en extenso a Ernesto Padrón, director de Meñique, a quen coñecín e de quen moito aprendín cando traballei na Editora Abril, onde el dirixía a revista ZunZún.
Reproduzo as palabras de Ernesto sobre Neira e Meñique, nesta homenaxe a que nos sumamos dende La Pupila Insomne. Máis abaixo cito as doce propostas de Meñique aos Premios Goya.

Neira Vilas entre José Antonio Solana, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza e a Cónsul Laura Urra, durante a presentación do libro de Iroel Sánchez, Sospechas y Disidencias en Compostela.
Neira Vilas entre José Antonio Solana, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza e a Cónsul Laura Urra, durante a presentación do libro de Iroel Sánchez, Sospechas y Disidencias en Compostela.

Meñique e Xosé Neiras Vilas, un Galego-Cubano
por Ernesto Padrón

Coñecín a Xosé Neira Vilas cando en 1980 comecei a dirixir a revista “Zunzún. A esposa de Neira, Anisia Miranda, unha recoñecida escritora e xornalista cubana, era a xefa de redacción. Uns meses despois, Anisia pediume adicar máis tempo a escribir e propúxome que o Neira fose o novo xefe de redacción. Non sabía que o home de Anisia fose o famoso escritor Galego. Eu lera Memorias dun Neno Labrego e, por unha nota que lera na prensa, sabía que Neira vivía en Cuba e traballaba no Ministerio da Industria Básica. Por iso, cando Anisia mencionou o seu nome, coidei que estaba a burlarse de min. Así que me decatei de que falaba en sério, non daba creto de que que fósemos ter un xefe de redacción da talla de Neira.

Ao coñecérmonos, fíxenme a idea de que traballaría cunha persoa moi seria, non só co traballo, senón no trato cos seus subordinados. Enganeime. Xunto ao seu talento e rigor profesional, Neira era doado, retranqueiro e moi bondadoso. A súa presenza era unha escola para todos. Aprendín moitísimo con  el, e non só era o meu mestre e asesor literario; tamén era o meu conselleiro nos avatares administrativos e até nos meus problemas persoais. Para todos os xornalistas era unha cátedra darlle a Neira un texto a revisar: combinaba experiéncia, pedagoxía  e unha linda paciencia.

Todo o mundo na revista chamábao Pepe. Era o noso Pepe Neira. Tiña unha enerxía envidiábel. Era espilido, comía a correr (sen case parar de falar) e escribía a máquina a unha velocidade supersónica. Nos consellos mensais, onde configurabamos os temas de Zunzún, o Pepe era unha fervenza de ideas, combinadas con bós argumentos e algunha  laracha (encantáballe contar contos). A min especialmente abraiábame que tivese tempo para ser xefe de redacción, escribir para a publicación e ter en proxecto varios libros e outros traballos xornalísticos.

Recordo que andaba decote cuns recortes de papeis nos petos da camisa e do pantalón. Un día, rebordado de curiosidade, pregunteille que función tiñan, porque o vía, de cando en vez, tirar os papeliños e escribir neles. Explicoume o seu orixinal método de traballo para levar tantos proxectos a un tempo. A cada que se lle ocorría unha idea ou descubría unha información sobre calquera dos seus proxectos, tiraba un papel branco do peto da camisa, escribía nel e gardábao nun dos petos do pantalón. Valíanlle tamén os recortes de xornais ou revistas. Ao cabo do día, na casa, ordenaba e clasificaba estes datos en cadanseu cartafol, cos moitos proxectos que tiña en mente. Ao sobardar algún destes cartafois o límite informativo, considerábao en sazón e comezaba a escribir. Pero iso non quería dicir que renunciase a acumulación de papelitos para os outros proxectos. Diso nada.

Cando en 1989 comecei a traballar nos Estudos de Animación do ICAIC, xa Anisia e Pepe estaban vivindo en Galiza, en Gres, a vila de Pepe Neira. Alí radica a fundación que leva o seu nome. A fundación ten como sede a casa natal, na que hai un museo e unha biblioteca; a beira ten dúas novas construcións: unha, a residéncia do matrimonio, e outra reservada a conferencias e proxeccións,

Nesta sala de proxeccións, moitos anos despois, en novembro de 2014, exhibimos pola primeira vez a versión galega da miña longametraxe animada Meñique. Por eses chous do destino, Maimiño, como se di en galego, foi coproducida por Ficción Producións, unha empresa de Galicia.

Para min foi un enorme privilexio ter como espectadores de Maimiño aos alumnos da escola CPI de Boqueixón, e ao meu amigo Pepe. Sentín saudades de Anisia, que morrera anos antes. O día da proxección da película eu non sabía quen era máis pícaro, se Pepe ou os alumnos da escola. Díxome que lle encantara o filme, que os personaxes protagónicos eran moi lindos, e gabou a versión das voces que realizaran actrices e actores galegos.

Ese mesmo día, animado pola película, propúxome facer unha versión en animado do seu libro de contos Espantallo Amigo. Meses depois, comecei a escribir o guión, pero con constantes interrupcións e viaxes de traballo relacionados coa participación de Meñique en festivais. No entanto, mantiven con Pepe correspondéncia, propóndolle ideas e consultándolle aspectos da versión do conto. Propuxéralle mesmo que fose narrador do filme. Recusou a idea no primeiro, pero aceptou logo coa condición de facer a grabación sen ter que sair da casa.

Magóame que non poida ler o guion de Espantallo Amigo. Polo respecto que lle tiña, lía e relía o texto, facíalle arreglos e critícome por non lle ter enviado as primeiras versións. Pepe seguía a ser o meu xefe de redacción.

Morreu o Neira, pero, como lle dixen aos meus amigos, viviu intensamente, deixounos unha obra clásica e legounos tamén, aos que o coñeceramos, a súa entrañábel bondade, a súa vitalidade, a súa alegría, a súa enorme capacidade para vivir ao máximo a vida. Será de todo imposibel esquecelo.

(Até aquí o texto escrito en novembro polo recoñecido director de cine e fabulador de contos Ernesto Padrón. Hoxe revívenos o recordo dun Galego-Cubano que contribuíu coa revista Zunzún e tamén con Maimiño.

Eis as doce propostas de Meñique para os Premios Goya:
MELLOR PELÍCULA Produción: ICAIC (Esther Hirtzel Galarza, Armando Alba), Ficción Producións (Xullo Casal Fernández-Couto, Mamen Quintas)
MELLOR DIRECCIÓN NOVEL Bruno López Louro, Ernesto Padrón Branco.
MELLOR GUION ADAPTADO Ernesto Padrón Branco.
MELLOR MÚSICA ORIXINAL Manuel Riveiro.
MELLOR CANCIÓN ORIXINAL A miña outra metade compositor: Silvio Rodríguez; Chaca Chaca ZZZ, compositor: Silvio Rodríguez; Señora Arroio, compositor: Silvio Rodríguez; Meñique
compositor: Silvio Rodríguez;
MELLOR MONTAXE José Pepito Lemuel.
MELLOR SON Israel López, Yasser Montano.
MELLORES EFECTOS ESPECIAIS, Ronin Garay.
MELLOR PELÍCULA DE ANIMACIÓN Produción: ICAIC (Esther Hirzel Galarza, Armando Alba), Ficción Producións (Xullo Casal Fernández-Couto, Mamen Quintás

Trailer de Meñique https://lapupilainsomne.wordpress.com/2015/12/21/menique-y-xose-neira-vilas-un-gallego-cubano-por-ernesto-padron/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *