Fernando Martínez Heredia
Canto ensina a vida dos pobos. Estudo paralelo; e a seguir que todo sexa visíbel e corpóreo como un mapa, ante os ollos, deducir a real significación do progreso, prever e entrever o mundo futuro na organización terreal, e o destino final de noso espírito.
(José Martí: Terceiro Libro de Esencia da Historia: A Alma da Historia)
A condición colonizada de Cuba implicaba a non existencia dunha historia propia porque o destino da colonia formaba parte da historia do colonizador. No século XIX déranse na illa tres procesos: cristalizaran especificidades que sumadas no andar do tempo adoitan formar a base dunha nacionalidade; unha formación económica sumamente dinámica e integrada ao mercado mundial capitalista, multiplica a poboación e a riqueza do país; configúranse identidades e sentimentos e intereses diversos que reclaman autonomía fronte á metrópole. Porén, a escravitude en masa, como base principal do sistema de explotación do traballo e da produción para a exportación, corrompeu a vida social de Cuba e frustrou a política da clase crioula, dominante na economía. Ao longo da centuria, esta clase foi cómplice do colonialismo e profillóu o racismo contra a negritude por safar lucro e dominio. Unha das novas correntes políticas, o independentismo, entregou á identidade cubana o nacemento do nacionalismo na Revolución de 1868-1878.
O abrente político de José Martí chega naquela Revolución, sendo adolescente branco, pobre, habaneiro e bacharel. Con 16, foi preso once meses, a metade con traballos forzados que lle habían marcar a saúde para sempre. O desterro e a formación intelectual que seguiron, cambiaron a súa maneira de entender as condicións de vida no seu país natal. Por que Martí non foi un intelectual cosmopolita máis, entregado ao pensamento dominante? Militba dende mozo nos ideais de liberdade e xustiza propios de ordes sociais máis avanzados que o da colonia cubana; mais neses ideais naufragaban os esforzos revolucionarios, decontado afogados en políticas e economías , tendientes a conservar a dominación social e a condición colonial.
Seus ideais tan avanzados podían levalo a tensións e contradicións coas fórmulas políticas vixentes, coma a da asimilación a España baixo a condición de «provincia de ultramar» con dereitos moi restrinxidos, ou o liberalismo autonomista, até o plano revolucionario de Máximo Gómez e Antonio Maceo de 1884. Mais a posición de Martí, a que lle marcou o tempo e a vida, foi a da independencia nacional a medio dunha grande insurrección popular inclusiva e profunda, que fose capaz de liberar a Cuba do colonialismo español nun mesmo acto de transformación do pobo e da política, para conducilos a soberanía nacional completa fronte a Estados Unidos mediante unha república democrática que emprendese mudanzas moi profundas de xustiza social.
Martí non buscaba «atinxir os niveis máis altos de civilización», seguindo o modelo a nacións de Europa ou o dos Estados Unidos: seu proxecto e as vías asumidas para atinxilo eran moi distintas ás ideas e as prácticas de tantos movementos e personalidades de Cuba e América daquela época. A cuestión é, ao mesmo tempo, moi rica e moi complexa, por ser Martí un caso excepcional de combinación de vocación e dedicación á política, ás letras e a produción de pensamento, e ser ostensibel a extraordinaria calidade e profundidade de seu desempeño neses tres terreos.
Para a clase dominante de Cuba no debalo do século XIX, trala Revolución do 68 e ao final da transición da escravitude ao traballo libre, cumpría avanzar para un capitalismo pleno con control autoritario da forza de traballo, un réxime político de orde con cidadanía restrinxida e nexos económicos íntimos con Estados Unidos. A consciencia histórica non debería predominar na Illa, senón a atención para os feitos inmediatos, os problemas da economía, certas modernizacións necesarias e un campo cultural español e crioulo, en procura do consenso para unha hexemonía compartida entre burguesía cubana e a metrópole.
Digo español, polo que toca ao idioma, a continuidade do exercicio da autoridade política e represiva, a lexitimidade do colonialismo e a necesidade consecuente dunha visión colonizada do mundo e da vida. E digo crioulo porque trala Revolución cumpría abrirlle espazo a unha instancia nativa que mediase co nacionalismo e lle puxese límites, co obxecto de garantir o control do activismo e das protestas sociais.
Canto á construción social das razas, persistía o profundo
racismo anti-negro, mais atenuado pola participación dos non brancos na
primeira xesta nacional que incluía a influencia política de heroes, o carácter
revolucionario que revestiu a abolición da escravitude e a necesidade de abrir
espazo dentro do campo «civilizado» a persoas de oficio, artistas e algúns
profesionais de cor, e, ao tempo, incitalos a un «branqueamento» cultural. En
suma, un campo cultural reformulado da dominación, no cal o español e o crioulo,
aínda que xa moi distintos, estarían unidos en canto á defensa de seus
intereses comúns, a pertenza ao partido do orde e a atención ao peso crecente
dos Estados Unidos nos asuntos de Cuba.
Na batalla por conseguir ou impedir que callase a nova hexemonía e condución
política, era central decidir como se partiría o poder dentro da formación
social de Cuba e canta autodeterminación e redistribución da riqueza e poder outorgar
a Metrópole. Eis os elementos do debate no tempo que vai dende1880 a 1895.
O traballo ciclópeo emprendido por Martí foi pechar o paso á posibilidade
evolutiva que tiña a dominación e organizar unha revolución de liberación
nacional, idónea para superar o colonialismo e frear un nacente
neocolonialismo. Obxectivo só realizábel se conseguía desatar as forzas das
maiorías para, mediante o lume destrutor e creador dunha revolución, construia
un pobo independente e distinto do outro pobo, erguía o ideal nacional de crear
unha república democrática e loitar por el, e desenvolvía capacidades
individuais e colectivas dende a diversidade social, como a de aprender a
exercer a cidadanía e esixir xustiza social.
O equilibrio de «os elementos reais do país» que ese
obxectivo implicaba, só podía vir dunha nova identidade nacional e dun real
aumento da forza efectiva das maiorías, para pechar á burguesía de Cuba a opción
de usufrutuar para si a construción nacional e a Estados Unidos o proxecto de
controlar Cuba. A república só podería ser con todos e para o ben de todos se a
maioría adquiría un gran peso e un grao notábel de control dentro dela.
Esta concepción de Martí condiciona súa intensa actividade práctica e os lucros
de seu inxente traballo intelectual, e é un dato inevitábel e central para toda
investigación martiana.