Cilia Torna – Sermos Galiza
Pasado 23 de xuño falecía na Habana, a consecuencia dun problema pulmonar que arrastraba desde había un ano, o revolucionario galego Óscar Fernández Mel, guerrilleiro na Sierra Maestra, compañeiro do Che no Congo e alcalde da cidade da Habana durante máis dunha década. Aínda que nado en Matanzas, Cuba, en 1931, con só un ano regresou a Galiza en compañía da súa nai e catro irmáns, residindo en Bretoña, a terra natal dos seus país até 1937, momento no que a familia decide regresar á illa do Caribe a consecuencia do levantamento franquista. Como lembraría o propio Fernández Mel anos máis tarde, “entre Bretoña e Mondoñedo vivimos sete ou oito anos e estudamos os primeiros graos da escola. Naqueles anos eu era moi inquedo e a ensinanza neses momentos era moi dura. As fins de semana e en vacacións iamos a Bretoña, onde o pasabamos moi ben, xogando ao aire libre ou acompañando os maiores na recollida das patacas”.
Retornado a Cuba, remata os estudos medios en Matanzas, ingresando na facultade de medicina da Habana, onde após licenciarse, pasa a incorporarse á loita clandestina, subindo a Sierra Maestra, onde participaría como médico e combatente na columna número 8 do exército rebelde mandado por Ernesto Guevara. A vitoria revolucionaria levarao a ocupar diversas responsabilidades no goberno cubano, primeiro como responsábel médico das forzas armadas revolucionarias e posteriormente mandando tropas durante a invasión mercenaria de Praia Girón, participacións que lle valerían importantes condecoracións pola súa valentía.
Unido por unha forte amizade ao Che Guevara, até o punto de vivir na súa casa tras o trunfo da revolución, acompañaríao no continxente internacionalista cubano que acudiu ao Congo para apoiar o proceso revolucionario, sendo nomeado xefe do estado maior dos voluntarios cubanos, atopándose a carón de Guevara en Kibamba, perto do lago Tanganika, cando o arxentino recibiu a nova de que Fidel dera lectura á súa carta de despedida na constitución do novo Partido Comunista en outubro de 1965. Fernández Mel sinalaría tempo despois que non acompañou ao Che a Bolivia: “por atoparme aínda en África, decidiuse que ficase conxunturalmente no porto de Tanzania como responsábel de organizar a saída dos cubanos atrapados no Congo mentres el se desprazaba, con xente máis nova e que non tivese queimada, a Bolivia”.
Os anos seguintes, Mel ocuparía diversas responsabilidades no goberno cubano. Vicexefe do estado maior das forzas armadas revolucionarios, fundador do Exército xuvenil do traballo, onde formou na unión da columna xuvenil do centenario e sobre todo na alcaldía da Habana, responsabilidade na que se mantivo entre 1976 e 1986, impulsando centos de proxectos que deixaron forte pegada na cidade. Unha das súas grandes preocupacións, xunto coa preservación e posta en valor do patrimonio do casco vello, será buscar unha solución para os problemas de mobilidade e transporte na cidade, proxectando a construción dunha liña de metro, cuxo deseño correspondeu a técnicos soviéticos e que finalmente non puido levarse adiante polos problemas xurdidos na illa trala caída do bloque socialista.
As últimas responsabilidades do revolucionario de Bretoña cinguíranse á area diplomática. Embaixador en diversos lugares do mundo, ocupou a delegación cubana en Inglaterra ou Finlandia durante os anos oitenta, mantendo até os seus últimos días un compromiso inquebrantábel cos ideais que o levaron á Sierra Maestra. Nestes últimos anos visitaría Galiza en diversas ocasións, as máis delas por cuestións persoais ligadas á súa familia galega, chegando a ser nomeado en 2009 fillo ilustre da Pastoriza, concello orixinario dos seus pais e onde residiu nos seus primeiros anos. Atendendo ao disposto por Fernández Mel, o seu corpo será incinerado e as súas cinzas serán enterradas en Santa Clara, a carón das do Che Guevara