Terra Sen Amos- Redacción
De Xosé Neira Vila quédanos a súa amizade de lei e ao cabo dunha dilatada vida de traballo en Cuba, Galiza e Bos Aires, a fundación da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, e o extenso e invaluábel arquivo da relación solidária de clase entre Galiza e Cuba. Neira consagrou a parte principal do seu traballo de historiador a reconstruir a emigración galega en Cuba e para ela estableceeu a denominación de Galego-Cubana. Neste apelativo, que xa forma parte do noso idioma, resume unha diáspora de activo compromiso emigrante coa terra perdida e coa independencia de Cuba, como foi o caso de Francisco Villamil, un coronel mambí da ría de Ribadeo que entregou facenda e vida por Cuba na guerra de independéncia de 1985-1898. No ano 1984, Neira promoveu a Asociacion de Amizade Galego-Cubana e deulle nome de “Francisco Villamil”. A Asociación, de ámbito galego, celebrou o 30 aniversario fins de 2014 coa participación de Neira Vilas.
Neira estudou o asociacionismo, os diarios e as edicións galegas en Cuba, os compromisos políticos dos emigrantes, as sociedades de instrucción nacidas na Habana, a asociacion Concepción Arenal de Centro-Habana, na que estudaron milleiros de emigrantes Galegos e de cubanos, e iniciativas coma a Bandeira Galega, a Academia e o Himno, tamén nacidos por intervencións dos emigrantes na illa. As pegadas dos Galego-Cubanos deron lugar a 17 volumes de Neira Vilas. Aliás, o autor foi responsábel da fundación e coidado do Arquivo Histórico Galego, dentro do Instituto de Literatura e Linguistica da Habana. “Crear escolas dende a outra banda do mar –escrebe Neira Vilas- era traballar non en beneficio propio senón para o futuro. Era unha obra rotundamente altruísta. A inmensa maioría daqueles emigrantes non volverán nunca a Galiza. Levaban na retina a paisaxe, o lugar onde a escola da casiña nova quedaría ben pero nin sequera coñecían a realidade tanxíbel do edificio, froito madurecido tras grandes ilusións e desvelos máis que por fotografía”
O autor de Gres (Vila de Cruces) mereceu o máximo galardón da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, a escarapela de prata e diploma polo seu labor a prol da cultura Galega e Cubana. O Cónsul de Cuba en Compostela, Alejandro Fuentes Hernandez, recoñeceu en xuño de 2011 en Compostela o labor de Xosé Neira Vilas a prol das culturas nacionais de Cuba e Galiza coa Medalla Alejo Carpentier, outorgada polo Consello de Estado da República de Cuba. O escritor galego, traballador en Cuba dende 1960 até a súa xubilación, asegurou que recibía a máis alta distinción do Estado Socialista Cubano, en nome dos obreiros galegos emigrantes, dos transterrados que loitaran na Guerra da Independencia de Cuba e da súa lembrada compañeira, a escritora galego-cubana Anisia Miranda.