Prensa Latina – Tradución de Terra Sen Amos
En horas da noite do 24 de setembro de 2023, produciuse un ataque terrorista contra as instalacións da Embaixada de Cuba en Washington, cando un individuo lanzou dende a beirarrúa dous cocteles Molotov ppor riba do valado da instalación, que impactaron na parede frontal da misión diplomática. Non se produciron danos ao persoal que se atopaba non interior da sede. A solicitude da misión diplomática cubana, oficiais do Servizo Secreto dos EUA tiveron acceso ás súas instalacións para certificaren os efectos da acción violenta perpetrada. O presidente Díaz-Canel denuncióu o atentado terrorista e esixiu explicación das autoridades.
“Aos grupos anti-cubanos quédalles só o recurso a violencia ante a bancarrota moral do seu odio contra Cuba e a impunidade que se arrogan. De maneira regular, nos intercambios oficiais que sostén a Embaixada co Departamento de Estado dos EUA, alertouse que a conduta permisiva das axencias locais de cumprimento da lei fronte accións violentas, poden estimular a comisión de feitos desta natureza”, comentou o Ministerio de Estado cubano.
O MINREX sinalou asemade que é este o segundo ataque violento contra a sede diplomática de Cuba en Washington, dende abril de 2020. “Na noite daquel día, un individuo de orixe cubana, ergueito e brandindo un fusil de asalto no medio da rúa da capital estadounidense, disparou un refacho de trinta balas contra o edificio do consulado. Non houbo por sorte naquela altura danos para o persoal que se atopaba dentro do edificio, malia a importancia dos prexuízos materiais”.
Na nota de Cuba recórdase que por volta de tres anos, o autor do atentado aínda espera ser xulgado e o goberno dos Estados Unidos recusa cualificar o feito como un acto terrorista.
A Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas establece como obrigación especial dos Estados Unidos, como Estado receptor da legación, adoptar todas as medidas precisas para protexer os locais da embaixada contra toda intrusión ou dano para evitar que se turbe a orde na misión ou se atente contra a súa dignidade.
O Ministerio de Relacións Exteriores condena esta acción terrorista e espera que o Goberno dos EUA respecte a Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas, no interese de evitar repeticións destes feitos. “Advertimos máis unha vez sobre a mensaxe que a actitude do goberno estadounidense transmite fronte a ameazas deste tipo contra a sede diplomática cubana, pero tamén contra as doutros países na cidade de Washington D.C.” sinalou o Ministerio ao tempo que chamaba a atención sobre “a dobre medida que o goberno dos EUA emprega para atender o seu presunto compromiso contra o terrorismo”.