Berenice Sobral – TSA Habana
O manifesto do Cume da Habana recusa a imposición de normas con impacto extraterritorial e todas as medidas económicas coercitivas contrarias a dereito, incluídas as sancións unilaterais contra os países en desenvolvemento; as existentes deben cesar de feito inmediato pois non só socavan os principios consagrados na Carta das Nacións Unidas e a Lei Internacional, senón que constitúen un atranco maior para o avance da ciencia, a tecnoloxía , o progreso material e moral e a plena consecución do desenvolvemento económico, en particular nos países atrasados. “Xa é ben hora de o Sur cambiar as regras de xogo”, comentou o presidente de Cuba, anfitrión dun centenar de xefes de Estado y de Goberno durante dúas longas xornadas de debate no pazo das convencións de Habana.
O G77+China, no que intervén o 80% da poboación do mundo, subliña que as medidas coercitivas unilaterais son unha ruína para os dereitos humanos, o desenvolvemento e o acceso á alimentación. As leis extraterritoriais impiden aos países afectados a asistencia sanitaria, o dereito a recibiren axuda externa e subministracións humanitarias e facilitan a intervención ilegal dos bens propiedade da nación en contra do que determina o Dereito Internacional.
De cara a Asemblea Xeral da ONU, que abrirá na vindeira Terza 19, culturas e voces de Asia, África, América Latina e o Caribe amosaron na Habana pleno acordo en que a cooperación do Sur Global pode dar resposta aos desafíos concretados no Cume e particularmente os que se refiren ao progreso da ciencia, a tecnoloxía e o anovamento.
Cuba foi obxecto , como anfitrión da cita, dunha manifesta expresión internacional de solidariedade coa recusación terminante do bloqueo que padece dende hai máis de 60 anos, e por ser repetidamente citada como exemplo dun desenvolvemento científico construido a retesío do bloqueo dos EUA.