Rosa Miriam Elizalde – La Jornada
O Grupo dos 77 mais China comezou na Habana o Cume, núcleo solidario dos pobos que seguen a viver baixo o peso de pantasmas atafegantes: o racismo, o imperialismo, a débeda externa e as pegadas que deixou sobre a súa pel un falso proceso de descolonización. As expectativas por esta reunión do 15 e 16 de setembro, á que asisten máis de cen países, a maioría a nivel de presidentes e delegacións principais, é simultánea cunha situación de asedio de parte de Estados Unidos e das principais potencias occidentais, como nunca sucedera na historia deste bloque multilateral. Tamén, nun momento de crise económica para Cuba duramente bloqueada, polo que o ministro de Estado, Bruno Rodríguez, en conferencia de prensa, anunciou un Cume austero.
As nacións que integran o G77 + China cobren a terceira parte da superficie do planeta e teñen unha poboación combinada de 6. 400 millóns de persoas, máis do 80 por cento mundial. Existe desde 1964 como iniciativa do Movemento Non Aliñado e é a máis ampla e diversa agrupación do Sistema das Nacións Unidas.
Malia promesas, discursos e plans da ONU en máis de medio século, o modo de vida dos desenvolvidos xamais se realizou nos subdesarrollados, porque as cadeas de subordinación entre os dous sobredeterminan unha economía interdependiente e egoísta. Para empeorar as cousas, co paso dos anos foi aparecendo en todos os confíns do planeta unha sorte de desenvolvemento desigual, con franxas infinitas de Sur no Norte e unha migalla de nortes no Sur.
Hai datos desalentadores por todos lados que reforzan aquela idea de Carlos Monsiváis sobre o atraso, esbozada no seu libro Días de Gardar, onde «o eterno retorno é a precaria e atroz sensación continua que nos informa de que isto xa o vivimos, de que isto xa o tentamos, de que isto xa fracasou». Sen ir máis lonxe, na metade do prazo fixado para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibel da ONU, hai consenso de que non se dará atinxido ningunha das metas fixadas para 2030. Nese ano seguirán vivindo na pobreza extrema 575 millóns de persoas (sete por cento da poboación mundial) 3000 millóns de nenos e mozos non saberán ler nin escribir e máis de 3000 millóns de persoas veranse afectadas pola degradación do planeta.
Segundo o ministro de Estado de Cuba, mesmo así, hai esperanzas. O Cume da Habana seguirá apostando por unha nova orde económica internacional como reclamo histórico do Grupo, pero con realismo e propostas concretas, tal que dinamizar o papel da ciencia, a tecnoloxía e o anovameno en función do desenvolvemento, partindo do potencial dos 134 membros.
Desafios actuais do desenvolvemento: papel da ciencia, a tecnoloxía e o anovamento é o tema central do encontro, que valorará a proposta de Cuba de reactivar o Consorcio de Ciencia, Tecnoloxía e anovamento para o Sur (Costis), presentado no Primeiro Cume Sur da Habana, no 2000. De adoptarse a decisión, permitirá promover proxectos de investigación conxuntos e reducir a dependencia dos mercados occidentais, nun momento no que a illa anunciou que traballa en máis dun centenar de ensaios científicos relacionados coa loita contra o cancro, a COVID-19 e outras enfermidades que castigan á humanidade.
O cume prodúcese nun contexto de ampliación das economías emerxentes, marcado polo fito da expansión dos BRICS que superan ao club dos sete países máis ricos do mundo en termos de produto interno bruto. Posúen aliás as grandes reservas de recursos naturais e son o eixo emerxente no desenvolvemento científico e tecnolóxico, incluída a intelixencia artificial. Ou o Sur lidera campos estratéxicos en tecnoloxía e ciencia para mellorar a vida cotiá dos seus cidadáns e desterrar a pobreza, ou será o perpetuo subalterno doutros países, sen máis solución que o abismo.
A pregunta que vén a seguir fíxoa o correspondente da axencia EFE ao ministro Rodríguez: cal é o risco de a Declaración Final deste Cume quedar en retórica común, porque o Grupo non ten mecanismos establecidos para a acción? «Este é un mundo pouco democrático, pero espero que haxa un mínimo de consideración nos Estados ricos e industrializados, que deben recoñecer que o que ocorra coas nacións do Sur é motivo de supervivencia para as do Norte. Navegamos no mesmo barco en augas procelosas e salvámonos todos como especie ou non se salvarán nin sequera os multimillonarios», respondeu o ministro de Estado de Cuba.