Farruco Sesto – Nós Diario
O ritmo da partida xeopolítica é tan intenso no xadrez internacional, que ás veces non é tan fácil seguirlle o paso para comprendela. Pois é evidente que os grandes movementos que de súpeto sacoden o taboleiro, como foron recentemente o cume dos BRICS en Sudáfrica coa súa ampliación a 11 países, o gran Foro Económico Oriental en Vladivostok, ou as rebelións nacionalistas do Sahel, non poden pasar desapercibidos. Pero tamén hai outros movementos máis acoutados, que aínda que alumeen por un instante, deseguida corren o risco de se diluír na marea de noticias do día a día, tal como acontecéu na recente xira do presidente Nicolás Maduro pola República Popular China, e o seu encontro co presidente Xi Jinping.
É a este tipo de movementos, un pouco menos rechamantes, pero ben representativos da situación na partida de xadrez, é aos que hai que saber prestarlle o debido seguimento polo seu significado profundo.
Tal é o caso da xira do presidente Maduro, que vale a pena comentala, na súa condición reveladora da nova dimensión que alcanzou a relación entre Venezuela e China, que aínda que vén de lonxe, inciada en 1973 e foi adquirindo un novo carácter a partir de 1999, é innegabel que chegou agora a un singular momento de esplendor e de máxima intensidade que se proxecta cara ao futuro.
Foi, xustamente, nese marco da xira presidencial, que tivo lugar a XVII Comisión Mixta de Alto Nivel (CMAN) China-Venezuela, a cuxa sesión final ampliada, realizada mércores 13 de setembro no Gran Palacio do Pobo, en Beijing, incorporáronse persoalmente os presidentes Xi Jinping e Nicolás Maduro.
O máis importante dela, ao noso xuízo, nin sequera son os acordos de impportancia que se asinaron nas áreas de economía, xeoloxía, saúde (que inclúe transferencia tecnolóxica), minería, hábitat e vivenda, enerxía eléctrica e telecomunicacións, por citar máis trascendentes, senón a demostración dese nivel que adquiriu a relación entre os dous países, neste xusto período histórico en que o mundo da hexemonía occidental comeza a perder terreo, para abrirlle paso á realidade dun mundo pluripolar sen hexemonías.
Se tratamos de precisar a achega de China á ecuación que expresa este mundo novo que está a se consolidar, por riba do seu papel económico-produtivo de primeiro nivel, teriamos que destacar a calidade pacífica da súa política exterior, non só apegada ao dereito internacional en todo momento, senón tamén dotada dunha visión igualitaria das relacións e dun profundo respecto pola independencia e as características de cada país, sempre á procura dun desenvolvemento global e dunha seguridade global beneficiosa para o conxunto dos pobos.
Se, pola súa banda, tratamos de considerar a achega de Venezuela, ademais da súa condición de país con extraordinarias riquezas naturais de todo tipo, deberiamos salientar asemade, en termos políticos, sociais e humanos, a súa referencia como símbolo de dignidade e de resistencia activa fronte ao cruel bloqueo económico, comercial, comunicacional e financeiro a que se ve sometida, sen renunciar por iso, nin por un instante, á súa vocación de paz e de diálogo, doutrinariamente concretada na chamada Diplomacia Bolivariana de Paz.
Un recurso moi sinxelo, e se cadra extrapolítico, para valorar na súa verdadeira importancia ese novo estadio da relación China-Venezuela, consiste en prestar atención ao nome que lle deron os presidentes Xin Jiping e Nicolás Maduro, tal como consta nos documentos subscritos. Na cultura chinesa, é bastante frecuente denominar as políticas propias con nomes de resonancias poéticas, con todo o peso metafórico que poida cargar o nome elixido. Quen non se acorda da “Campaña das Cen Flores” (Que cen flores ábranse e florezan cen escolas de pensamento) ou a “do Gran Salto Adiante”, ou xa na nosa época, “A Franxa e a Ruta”?
Pois ben, desde esa óptica é significativa a caracterización que China dálle ás novas relacións con Venezuela, se atendemos ás calidades con que se definiu. En palabras de propio presidente Xin Jinping á audiencia no Palacio do Pobo: “Compráceme anunciar xunto a Vostede -presidente Nicolás Maduro- a elevación das relacións entre China e Venezuela a unha asociación estratéxica A TODA PROBA E TODO TEMPO”
Mao Zedong dicía con acerto: “Estratexicamente debemos desdeñar a todos os nosos inimigos, pero tácticamente debemos tomalos moi en serio”. Arestora, a China liderada por Xi Jinping, a quen parece tomar tamén moi en serio, pero nun sentido creador e positivo, é aos seus numerosos amigos no mundo, como é o caso da Venezuela Bolivariana.